A coordenada rusa e o taboleiro xeopolítico global: a dimensión xeoeconómica

Isaac Enríquez Pérez - 20 Abr 2022

O obxectivo xeoestratéxico que está en xogo en Ucraína -en tanto teatro de operacións dos Estados Unidos e da submisa Unión Europea- consiste en afastar a Rusia de China, e con iso debilitar o cinto militar/nuclear desta

 A reconfiguración das relacións económicas e políticas internacionais non sempre se dirime polos vieiros da paz, senón que precisa do conflito e das loitas, mesmo bélicas en maior ou menor medida, e máis cando o sistema mundial experimenta crise e transicións hexemónicas. É o caso experimentado ao longo das últimas décadas co devalar da hexemonía estadounidense e a súa propensión ao expediente da economía de guerra co fin de aguantar no que se perfila como unha transición a unha hexemonía tripolar compartida -unha especie de triunvirato protagonizado por China, Estados Unidos e Rusia-. Por iso é polo que o actual conflito que ten como epicentro a Ucraína non é un evento residual senón que está enmarcado en procesos históricos de longo alento, vinculados con esas disputas en torno á hexemonía no sistema mundial e á mesma dirección do capitalismo como modo de produción e proceso civilizatorio.

 Porén, o inmediatismo limita o debate en torno ás causas profundas e asúmese unha versión maniquea sobre os acontecementos (“Putin como criminal de guerra”). Daquela, resulta urxente ir máis aló dese pensamento reducionista. Estas mesmas transicións hexemónicas teñen como pano de fondo a modalidade de capitalismo que se configurará ao longo do século XXI, así como o tipo de civilización que o encabezará co fin de controlar mercados e territorios. Se desde a década dos setenta e oitenta comezou a transvasamento do poder económico global do océano atlántico ao pacífico, o que temos cara ás primeiras dúas décadas do século XXI é a expansión e consolidación do protagonismo de China como a segunda potencia económica.

 Segundo estimacións para o ano 2021 do Fondo Monetario Internacional (FMI), Estados Unidos alcanzou un PIB nominal de 24,7 billóns de dólares, mentres que China contou con 18,4 billóns de dólares e a Unión Europea (27 países) tivo 18,3 billóns de dólares. Así e todo, se o Produto Interior Bruto (PIB) se calcula en valores de paridade de poder adquisitivo para o ano 2021 -segundo o mesmo FMI-, China aparece en primeiro lugar con 29,3 billóns de dólares; Estados Unidos con 24,7 billóns de dólares; e a Unión Europea con 22,2 billóns de dólares. Estes datos básicos trazan unha nova xeometría na economía mundial, cuxas tendencias mostran a unha China que en poucos lustros será a principal potencia económica.

 Non só son encubertas estoutras pugnas que camiñan polo veiiro dos procesos de acumulación de riqueza, senón que a mesma guerra cognitiva (https://bit.ly/3tAHZNP) que aborda de xeito illado o conflito cuxo epicentro é Ucraína, crea un novo expediente mediático para deixar atrás a pandemia da Covid-19 (https://bit.ly/3l9rJfX) e o seu gripalización en varios países, por exemplo da Unión Europea. Da construción mediática do coronavirus transítase -desde febreiro de 2022- a unha construción mediática da vitimización de Ucraína. Nese sentido encamíñase o patético e lamentábel papel do Presidente ucraíno Volodímir Zelenski ao deambular co seu uniforme caqui polas salas de videoconferencias dos parlamentos do mundo occidental solicitando apoio militar para as milicias neonazis do seu país, e ás quen con atención se proporcionan armas, mísiles e drons cos impostos europeos e estadounidenses. Todo isto evidencia que as guerras do século XXI non son só militares, senón que adoptan múltiples arestas comezando polos dispositivos de control mediático, a desinformación, os ciberataques e a domesticación da metaconciencia desde o réxime cibercrático global (https://bit.ly/38tELk9 e https://bit.ly/3BRiPLE).

 O gran problema desa hexemonía decadente dos Estados Unidos é que non acepta límites nin retadores ao seu poder nun escenario de crecente multipolaridade e reconfiguración xeopolítica. Afeito a erixirse en “policía do mundo”, encirra o brazo da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) para colocar os seus mísiles e a foguetaría balística intercontinental preto da fronteira rusa e con iso cercar a China e o despregamento territorial que esta potencia vén facendo nos últimos lustros coa chamada Nova Ruta da Seda; o proceso de integración económica condensado no bloque do Rexional Comprehensive Economic Partnership (RCEP) inaugurado o pasado primeiro de xaneiro; e os esforzos de cooperación internacional emprendidos polo dragón asiático no contexto da pandemia.

 Neste escenario, o obxectivo xeoestratéxico en xogo en Ucraína -en tanto teatro de operacións dos Estados Unidos e da submisa Unión Europea- consiste en afastar a Rusia de China, e con iso debilitar o cinto militar/nuclear desta (https://bit.ly/3Lup11B). Por iso é polo que os líderes chineses non retiran o seu apoio á alianza estratéxica que sosteñen con Rusia e que se reforzou o pasado 4 de febreiro co encontro entre Vladimir Putin e Xi Jinping (https://bbc.in/3INJtbQ; https://bit.ly/36SLOEY).

 O conflito entre Ucraína (Estados Unidos, a Unión Europea e a OTAN) e Rusia (China) líbrase sobre todo como unha guerra cognitiva, pero con fondas arestas económico/financeiras, cuxas consecuencias serán profundas e devastadoras para os pobos e familias do mundo enteiro. No contexto da esclerose do sistema financeiro internacional rexido polo dólar estadounidense, as espirais inflacionarias habidas desde o 2021 como consecuencia da ineficaz xestión da gran reclusión ligada á pandemia da Covid-19, acompáñanse da especulación levada a cabo polas grandes corporacións. Por exemplo, a alza dos prezos da cesta básica e as posibilidades de situacións de fame nos seguintes meses, malia que Rusia e Ucraína son importantes produtores de grans básicos como o trigo, relaciónanse máis coa especulación promovida polas corporacións do sistema agroalimentario industrial, que propiamente coa carestía destes produtos ao comercializarse aínda as colleitas almacenadas no ciclo agrario pasado.

 Á súa vez, o mesmo incremento dos prezos do petróleo e o gas natural nas últimas semanas leva a unha reivindicación do poder dos países exportadores de petróleo e a un fortalecemento das corporacións petroleiras que foron postas en dúbida polo chamado Green New Deal e a acumulación por suposta desfosilización, no que sería un proceso de reconfiguración do patrón enerxético mundial, e que ten como principal vítima o pobo europeo dependente do gas -que aumentou 50% durante os primeiros días do conflito- e petróleo rusos.

 Aquí cómpre reparar nalgúns datos: Rusia e Ucraína son dos principais exportadores de trigo no mundo, á vez que concentran o 80% do comercio mundial de aceite de xirasol. Á súa vez, Rusia é o primeiro exportador de gas, cobre, níquel, platino, titanio e paladio -un mineral estratéxico para a industria automotriz e que en Rusia se produce entre o 40 e 50% (https://bit.ly/3tRQnbG)-; e un importante comercializador internacional de petróleo, carbón e fertilizantes, fundamentais na industria agroalimentaria global. Pola súa banda, Ucraína é o sétimo país máis importante en materia nuclear, con 15 reactores, e o seu territorio é un destacado concentrador de gasodutos que conducen enerxía cara á Unión Europea. Non é casual, daquela, que Europa do Leste sexa epicentro dun novo conflito mundial onde se disputa o control de territorios e recursos naturais; iso malia que Rusia -unha economía do tamaño de España ou Italia- só concentra un 1,7 % do PIB mundial. Cumpriría preguntarse se nesta nova trama internacional -coas respectivas sancións económicas que recaen sobre Rusia- non subxace unha guerra agroalimentaria contra a mesma China, ao mostrar esta economía unha dependencia en produtos como a soia e oleaxinosas e ao ter as súas elites unha alta preocupación pola súa seguridade alimentaria, a debilidade das súas cadeas de abastecemento e a autosuficiencia en grans básicos.

 A coordenada ruso/ucraína pode retardar o crecemento da economía mundial e non se achegar ás estimacións do 4% para o ano 2022 e do 3,5% para o 2023. Estímase que os custos que van recaer sobre a economía mundial andarán polos 400.000 millóns de dólares (https://bit.ly/36v7s2k), un equivalente ao PIB de economías como Noruega ou Portugal. O incremento dos prezos das materias primas (o barril de petróleo podería alcanzar os 150 dólares; o prezo dos grans básicos, dos fertilizantes e dos metais tamén irá a máis) e unha nova ruptura das cadeas globais de abastecemento -que arrastran aínda colos de botella desde hai uns dous anos-, explicarían a caída das estimacións e unha posíbel recesión nunha chea de economías nacionais. Unha explicación respecto diso centraríase nas consecuencias das sancións económico/financeiras e na destrución de infraestrutura básica en Ucraína.

 As sancións económicas que Estados Unidos e a Unión Europea aplicaron a Rusia tras a invasión a Ucraína pretenden marxinala do sistema financeiro e comercial internacional e desconectala en boa medida do conxunto da economía mundial e, nomeadamente, da Unión Europea. Entre esas medidas salientan a conxelación dunha importante porcentaxe das reservas internacionais do banco central ruso e demais activos privados depositados en bancos comerciais europeos e estadounidenses; a confiscación de iates e algunhas outras propiedades de oligarcas rusos; a interrupción de fluxos tecnolóxicos provenientes do exterior; a exclusión de eventos deportivos, musicais e artísticos; o peche de espazos aéreos para o tránsito de aeroliñas rusas; a suspensión de coberturas de seguros; a expulsión de títulos rusos dos mercados de valores; o peche de sucursais ou a suspensión de actividades de importantes marcas e a retirada de investimentos estranxeiros de corporacións globais como Ikea, Apple, Goldman & Sachs, Mac Donald’s, Starbucks, Coca-Cola, Nike, Adidas, Procter-Gamble, Shell, e outras máis, ademais de desconectar algúns bancos rusos do sistema de pagamentos interbancario e transferencias internacionais SWIFT (Society for Worldwide Interbank Financial Telecommunication).

 Así e todo, como di a sabedoría popular, “ninguén sabe para quen traballa”, pois estas medidas anunciadas con balbordo mediático levaron ao fortalecemento da alianza estratéxica entre China e Rusia e a ampliar as posibilidades do país báltico para diversificar os seus mercados tendo como obxectivo a India. Rusia conta con 630.000 millóns de dólares en reservas internacionais (cuarto lugar a escala mundial -tras aumentar un 70% desde o ano 2015- e só o 11% desas reservas radican bancos británicos e estadounidenses) e estas están altamente diversificadas (https://bit.ly/36ynqJ9), de tal xeito que a medida pode levar á desdolarización total desas reservas, e a ampliar a súa diversificación co ouro e algunha moeda dixital de propiedade rusa. A mesma desconexión do SWIFT pode levar a que Rusia adopte o sistema de pagamentos interbancarios CIPS (Cross-Border Interbank Payment System) controlado polos chineses, e facer que o xigante asiático se afaste do dólar como referente monetario internacional e adopte moedas dixitais nos seus bancos centrais (https://bloom.bg/3qHfoVj). É de salientar que, en China, a nivel local, opera desde o ano 2017 unha especie de iuan dixital chamado e-CNY.

 Nunha especie de efecto bumerán, estas sancións económicas sobre Rusia afectarán principalmente á Unión Europea, en especial pola dependencia enerxética desta rexión respecto de Rusia, á que fornece o 40% do gas natural requirido ano tras ano (https://fam.ag/3IQeR9S), e máis nun contexto de escalada de prezos da enerxía eléctrica en Europa (nos últimos tres anos, no Estado español, as tarifas de luz aumentaron un 500 %, https://bit.ly/3wH9DuG). Á súa vez, a exclusión de SWITF traerá consigo que acredores europeos non logren recuperar as débedas contraídas por entidades ou empresas rusas.

 O que subxace en todo iso é o comezo do final do dólar como referente monetario internacional e as pugnas en torno a iso que irán a máis entre China e Os Estados Unidos. Pero tampouco non é conveniente obviar a concentración de metais de terras raras (berilio, litio, circonio, niobio, tantalio, entre outros) que existen en Ucraína e o voraz apetito das empresas tecnolóxicas dedicadas á produción de coches eléctricos, turbinas eólicas, ordenadores, pantallas, teléfonos móbiles, discos duros, aeroxeradores, fibra óptica, etc. En torno a esas materias primas tamén se producen as pugnas e a guerra comercial entre China e os Estados Unidos, país ese último que importa do primeiro máis do 80% deses minerais de terras raras. Cen tipos diferentes de minerais se concentran en Ucraína, en algo así como 20.000 depósitos que ascenden a 7,5 billóns de dólares (https://bit.ly/35lJTsi e https://bit.ly/3IKQuu0). Dese tamaño o gran negocio concentrado en Ucraína no contexto da transición a un novo patrón enerxético.

 Estará por ver se a inflación, a depreciación do rublo e outras consecuencias económicas sobre Rusia xeran revoltas populares, desestabilizan e defenestran o réxime nacionalista/conservador encabezado por Vladimir Putin. O que en última instancia se pretende desde a alianza da OTAN é desmembrar, fragmentar e someter a Rusia para cercar militar e nuclearmente a China, e con iso disputar os mercados, principalmente aqueles que trazan a chamada Nova Ruta da Seda ou Iniciativa da Franxa e a Ruta (Belt and Road Initiative ou Eurasian Land Bridge) e que atravesa  a mesma Rusia, Kazhakhstán e Belarús. Por suposto que unha alianza entre China, Irán e Rusia poñería en apuros a decadente hexemonía estadounidense no contexto deste silencioso expansionismo económico chinés fundamentado na construción de infraestrutura ferroviaria, marítima, estrada e enerxética, para o que se calculaba no ano 2018 un investimento dun billón de dólares en cinco continentes e en máis de cen países (https://bit.ly/3NpFkhT; https://bit.ly/3wGsrdb; https://bit.ly/3DmZJ2r). Desde comercio electrónico, plataformas exportadoras, finanzas, normas alfandegarias, tribunais, mesmo proxectos de seguridade internacional e eventos culturais están contemplados nesta Nova Ruta da Seda.

 O problema de fondo da coordenada ruso/ucraína tamén ten que ver co colapso financeiro do 2008/2009 orixinado no sector inmobiliario, e que a día de hoxe non se resolveu, senón que se desenvolve como unha crise de longa duración do capitalismo. Esgotadas as posibilidades do modelo do crecemento económico ilimitado e a última expansión territorial dos mercados coa absorción, en 1991, da antiga área de influencia da Unión Soviética, as loitas polo control capitalismo dirímense no ámbito da tensión ante as ameazas dun posíbel uso das armas termonucleares, químicas e bacteriolóxicas, do que é mostra a denuncia de arredor duns 46 biolaboratorios financiados polo Pentágono en territorio ucraíno (https://bit.ly/36SkzdJ), e ante os cales o goberno chinés xa demandou explicacións (https://bit.ly/3qBFith).

 Aínda que China pretende construír a súa hexemonía á marxe de conflitos militares, a voracidade do complexo militar/industrial/dixital dos Estados Unidos non está disposto a perder a súa influencia sen botar a andar a súa economía de guerra. Por iso é polo que o taboleiro xeopolítico global que se define en Europa do Leste está ligado á urxencia dun novo mapa xeoeconómico que é necesario estudar desde unha ollada que poña énfase no carácter complexo dos novos escenarios que se producen ao comezo desta terceira década do século XXI. Só o pensamento complexo e o pensamento crítico axudarán a comprender a engrenaxe da correlación de forzas en torno a esas loitas hexemónicas.

 

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 30 de marzo de 2022]