Convocada marcha a prol da devolución gratuíta á Coruña dos terreos do Porto

O domingo 7 de maio, ás 12 horas, dende a Praza da Palloza
A Coruña - 04 Mai 2017

A Unión Comarcal da CIG da Coruña apoia e chama a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo pola Comisión Aberta en Defensa do Común (da que a central sindical fai parte) en contra da venda e privatización da fachada marítima e os espazos públicos da cidade e para reclamar a devolución gratuíta destes terreos.

A central sindical vén apoiando e colaborando activamente coas actividades promovidas pola Comisión Aberta en Defensa do Común e, hoxe mesmo, o Secretario Comarcal e o Secretario de Organización da CIG-A Coruña manifestaron este respaldo participando na rolda de prensa ofrecida pola Comisión para presentar a marcha que terá lugar o 7 de maio.

A CIG sempre defendeu que o pobo da Coruña ten dereito a recuperar o que historicamente foi seu, mais que nalgún momento foi e segue a estar ocupado por entidades públicas ou privadas baixo o control da Administración do Estado.

Agora mesmo está en xogo o modelo de futuro da cidade da Coruña e o criterio para a recuperación dos espazos que lle pertencen. A Autoridade Portuaria quere facer caixa cos terreos do Porto, en primeiro lugar coa venda dos solares da Solana e o Hotel Finisterre e posteriormente cos peiraos do Porto interior (Batería, Calvo Sotelo, San Diego). Semellantes pretensións ten Ministerio de Defensa cos solares da Maestranza ou o Ministerio do Interior co cárcere vello.

A manifestación do domingo ten que ser un toque de atención ás administracións afectadas: ao Estado, para que saiba que a cidadanía da Coruña non aceptará que se continúe co espolio da cidade; e ao goberno municipal da Coruña para que desbote toda posibilidade de pactar coa Autoridade Portuaria o pagamento de cantidade algunha para a recuperación do que é da cidade.

A mobilización ten que ser tamén un chamado ao Concello para que execute o acordo plenario para promover unha consulta popular para que o pobo coruñés poida decidir sobre a devolución gratuíta destes terreos e os seus futuros usos. Non hai maior demostración de democracia participativa que darlle o protagonismo á cidadanía á hora de decidir como recuperar o que sempre foi seu e que modelo de cidade quere.