A crecente vaga de militarismo estadounidense no século XXI

James Petras - 17 Mar 2017

O concepto de imperialismo de Donald Trump baséase na exportación de produtos e a captura dos mercados, á vez que atrae o capital das corporacións multinacionais de regreso a Estados Unidos para que reinvistan os seus beneficios (actualmente cifrados en máis dun billón de dólares que se quedan no estranxeiro) no mercado interno

Introdución

 O militarismo de Estados Unidos creceu exponencialmente ao longo das dúas primeiras décadas do século XXI, amparado tanto polos presidentes demócratas como polos republicanos. A histeria coa que os medios de comunicación de masas se fixron eco do aumento do gasto militar do presidente Trump ignora deliberadamente a enorme expansión que tivo o militarismo, en todas as súas facetas, baixo a presidencia de Obama e dos seus dous predecesores, Bill Clinton e George Bush fillo.

 Neste artigo procederemos a comparar e analizar o ininterrompido aumento que experimentou o militarismo nos últimos dezasete anos. Despois demostraremos que o militarismo é un trazo estrutural esencial mediante o cal o imperialismo estadounidense se insere no sistema internacional.

Militarismo

 Os enormes incrementos no gasto militar foron unha constante con independencia de quen fose o presidente de EUA e da retórica utilizada en campaña sobre o recorte do gasto militar para dedicar máis recursos á economía interna.

 Bill Clinton incrementou o orzamento bélico de 302.000 millóns de dólares (millóns de dólares) en 2000 a 313.000 millóns de dólares en 2001. Baixo o presidente Bush fillo, o gasto militar disparouse de 357.000 millóns de dólares en 2002 a 465.000 millóns de dólares en 2004 e a 621.000 millóns de dólares en 2008. Baixo o presidente Obama (o “candidato da paz”), o gasto militar seguiu crecendo de 669.000 millóns de dólares en 2009 a 711.000 millóns de dólares en 2011 para logo “aparentemente” descender a 596.000 millóns de dólares en 2017. Na actualidade, o recentemente instalado presidente Trump solicitou un incremento até os 650.000 millóns de dólares para 2018.

 É necesario clarificar algunhas cousas: o orzamento militar de Obama en 2017 non incluía o custo de diversos departamentos do goberno “relacionados coa Defensa”, entre eles o aumento de 25.000 millóns de dólares para o programa de armas nucleares do departamento de enerxía. O gasto militar total de Obama para 2017 ascendeu a 623.000 millóns de dólares, é dicir, 30.000 millóns de dólares menos que a proposta de Trump. Ademais, o orzamento asignado por Obama ás Operacións de Contingencia no Exterior (OCO, polas súas siglas en inglés), que non se inclúe nas propostas orzamentarias anuais, disparouse durante o seu mandato. Esta partida destínase a pagar as guerras de EUA en Afganistán, Iraq, Siria, Iemen, Libia e moitos outros países. A realidade é que, nos seus oito anos de presidencia, Obama superou en máis de 816.000 millóns de dólares o gasto militar de George Bush fillo.

 O aumento do gasto militar proposto por Trump está en consonancia coa traxectoria do presidente demócrata, ao contrario do que afirman os medios de comunicación de masas. Claramente, tanto demócratas como republicanos aumentaron tremendamente a súa dependencia do exército como forza impulsora do poder mundial. O orzamento bélico de Obama incluíu 7.500 millóns de dólares para “operacións contra o ISIS” (un aumento do 50%) e 8.000 millóns de dólares para a ciberguerra e o (contra)terrorismo, pero o maior incremento foi o destinado a avións de combate indetectábeis por radar, submarinos nucleares e portaavións, claramente destinados a enfrontamentos con Rusia, China e Irán. As tres cuartas partes do orzamento foron destinadas á Armada e a Forza Aérea.

 Baixo a presidencia de Obama, a escalada de armamento non tivo como obxectivo o combate contra “grupos terroristas” senón contra China e Rusia. Washington ten a determinación de levar á bancarrota a Rusia, co fin de retornar a vasalase da época anterior a Putin. A feroz campaña da CIA (Obama) e do Partido Republicano contra Trump fundaméntase na súa apertura cara a Rusia. A clave para alcanzar a dominación unipolar que EUA leva décadas intentando lograr depende agora de que poida desposuír a Trump do seu poder e do seu gabinete, os cales se considera que socavan, parcial ou totalmente, a estrutura do imperialismo estadounidense baseado na potencia militar que intentaron lograr as previas catro administracións.

 Aparentemente, o incremento do gasto militar de Trump responde a que quere convertelo nunha “baza de negociación” do seu plan para expandir as oportunidades económicas estadounidenses, chegando a acordos con Rusia e renegociando o comercio con China, Asia Oriental (Singapur, Taiwán e Corea do Sur) e Alemaña, países acredores da meirande parte do déficit comercial anual de Estados Unidos, cifrado en centos de miles de millóns de dólares.

 Os repetidos contratempos de Trump, a presión constante exercida sobre os cargos que nomeou e os estragos que causaron en todas as facetas da súa persoa e da súa vida persoal os medios de comunicación de masas, malia o ascenso histórico do mercado de valores, indican a existencia dunha profunda división no seo da oligarquía estadounidense sobre a xestión do poder e sobre “quen goberna”. Desde o final da Segunda Guerra Mundial non presenciaramos unhas divisións tan fundamentais en torno á política exterior. As anteriores discusións partidistas quedaron desfasadas. A prensa financeira (o Finantial Times e o Wall Street Journal) está descaradamente aliñada cos militaristas, mentres que os axentes financeiros de Wall Street apoian os programas internos favorecedores do empresariado e a apertura conciliatoria con Rusia e China. A maior parte da maquinaria de propaganda, é dicir, os chamados laboratorios de ideas ou think tanks, cos seus académicos, “expertos”, editorialistas e ideólogos liberais e neoconservadores, promoven unha agresión militar contra Rusia. Entrementres, os medios de comunicación populistas, os seguidores de base de Trump, os empresarios nacionais e as cámaras de comercio do país presionan para conseguir rebaixas fiscais domésticas e medidas proteccionistas.

 O exército está a favor de Trump e do seu concepto de guerras rexionais que logren beneficios económicos. Pola contra, a CIA, a Armada e as Forzas Aéreas, que se beneficiaron enormemente cos orzamentos bélicos asimétricos de Obama, buscan unha política de confrontacións militares globais con China e Rusia e múltiples guerras contra os seus aliados, como Irán, sen considerar a devastación que provocarían tales políticas na economía interna.

 O concepto de imperialismo de Donald Trump baséase na exportación de produtos e a captura dos mercados, á vez que atrae o capital das corporacións multinacionais de regreso a Estados Unidos para que reinvistan os seus beneficios (actualmente cifrados en máis dun billón de dólares que se quedan no estranxeiro) no mercado interno. O novo presidente oponse ás alianzas económicas e militares que incrementaron o déficit comercial estadounidense, en contraste coas anteriores administracións de militaristas que aceptaron xigantescos déficits comerciais e un gasto desproporcionado en intervencións militares, bases no exterior e sancións contra Rusia e os seus aliados.

 O obxectivo de Trump de obrigar a que Europa Occidental contribúa economicamente cunha maior cota dos gastos da OTAN (reducindo así a dependencia europea dos gastos militares estadounidenses) conta co rexeitamento de ambos os partidos políticos. Cada un dos pequenos pasos acometidos por Trump para mellorar as relacións con Rusia levantou a ira dos imperialistas militaristas que controlan as direccións de demócratas e republicanos.

 O imperialismo militarista ofreceu unas poucas concesións tácticas aos aliados de Rusia: os acordos inestábeis con Irán e o Líbano e os endebles acordos de paz en Ucraína. Ao mesmo tempo, Washington está ampliando as súas bases militares desde as rexións nórdicas-bálticas até Asia. E ameaza con apoiar golpes militares en Brasil, Venezuela e Ucrania.

 A finalidade estratéxica destas accións belicosas é rodear e destruír a Rusia como potencial contrapeso independente á supremacía global estadounidense.

 As políticas iniciais de Trump teñen como obxectivo converter Estados Unidos nunha “fortaleza”: o aumento do orzamento militar, o reforzamento do poder policial e militar ao longo da fronteira mexicana e nos estados do Golfo ricos en petróleo. A axenda de Trump pretende reforzar o poder do exército en Asia e outros lugares co fin de mellorar a posición económica de Estados Unidos de face a unha negociación bilateral co obxectivo de aumentar os mercados para a exportación.

Conclusión

 Estados Unidos está presenciando unha confrontación letal entre dous imperialismos moi polarizados.

 O militarismo, a forma asentada do imperialismo estadounidense, está profundamente arraigado dentro do aparello permanente do Estado. Neste inclúense os 17 organismos de intelixencia, os departamentos de propaganda, a Armada e as Forzas Aéreas, así como o sector de alta tecnoloxía e as elites económicas capitalistas que se beneficiaron das importacións estranxeiras e da man de obra cualificada barata a expensas dos traballadores estadounidenses. O seu historial está inzado de guerras desastrosas, perda de mercados, redución dos salarios, deterioración do nivel de vida e traslado de empregos ben remunerados ao estranxeiro. No mellor dos casos, o único que conseguiron é asegurar a lealdade duns poucos réximes vasalos débiles, pagando un prezo enorme.

 A pretensión do réxime de Trump de deseñar unha alternativa imperialista baséase nunha estratexia máis sutil: utilizar o poder militar para mellorar o mercado laboral interno e conseguir o apoio das masas para realizar intervencións económicas no estranxeiro.

 Ante todo, Trump é consciente de que non é posíbel illar a Rusia dos seus mercados europeos nin derrotala mediante sancións. Isto levouno a propor a negociación dun acordo global que permita tratos comerciais a gran escala, o que favorecería aos bancos estadounidenses, así como aos sectores do petróleo, a agricultura e a alta industria.

 En segundo lugar, Trump é partidario do “imperialismo social”, grazas ao cal os mercados de exportación baseada na industria local, man de obra e bancos estadounidenses producirían un aumento dos salarios e dos beneficios para as empresas e os traballadores deste país. O imperialismo de EUA non dependería de invasións militares custosas e destinadas ao fracaso, senón de “invasións” do estranxeiro a cargo das industrias e bancos estadounidenses que despois retornarían os seus beneficios a EUA para poder investir e impulsar o mercado de valores xa estimulado polos seus plans anunciados de desregulación e recortes fiscais.

 A transición do presidente Trump cara a este novo paradigma imperial enfróntase a un adversario formidábel que até o momento conseguiu bloquear a súa axenda e que ameaza con derrubar o seu réxime.

 Trump non foi capaz, desde o principio, de consolidar o poder do Estado, un erro que socavou a súa administración. Aínda que a vitoria electoral o situou na Oficina da Presidencia, o seu réxime é só un aspecto do poder do Estado, vulnerábel á erosión e destitución inmediata por parte das ramas coercitiva e lexislativa, determinadas a provocar a súa defunción política. As outras ramas do goberno están cheas de remanentes do réxime de Obama e dos anteriores e completamente comprometidas co militarismo.

 En terceiro lugar, Trump non conseguiu mobilizar os seus partidarios entre as elites e a súa masa de seguidores en torno a uns medios de comunicación alternativos. Os seus “chíos de primeira hora da mañá” son un contrapeso moi débil ao ataque concentrado dos medios de comunicación sobre a súa forma de goberno.

 En cuarto lugar, aínda que Trump logrou algúns apoios internacionais tras os seus encontros con gobernantes de Xapón e Inglaterra, deu marcha atrás ás súas negociacións con Rusia, fundamentais para socavar os seus adversarios imperiais.

 En quinto lugar, Trump non conseguiu conectar as súas políticas de inmigración cun programa eficaz para relanzar o emprego interno nin sacar á luz e capitalizar as draconianas políticas antiinmigración postas en marcha pola administración Obama, mediante as cales se encarcerou e expulsou do país a millóns de persoas.

 En sexto lugar, Trump fracasou á hora de comunicar o vínculo entre os seus programas económicos favorecedores do mercado e o gasto militar e a súa relación cun paradigma totalmente diferente.

 Como consecuencia de todo iso, o éxito do ataque militarista liberal-neoconservador ao novo presidente puxo en retirada a súa estratexia central. Trump está sometido a un asedio que o pon á defensiva. Aínda que consiga sobrevivir a este ataque concentrado, a súa concepción orixinal de “reconstruír” a política imperial e a política interna de EUA está destruída e os anacos desta mesturarán o peor de ambos os mundos: Sen a expansión dos mercados exteriores para os produtos estadounidenses e un programa de emprego interno que logre o éxito, as perspectivas de que Donald Trump volva ás guerras no estranxeiro e abra paso á caída do mercado non deixan de aumentar.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 17 de marzo de 2017]