A crise disparou o paro, a precariedade, a emigración e o avellentamento da poboación en Ourense

A CIG vén de presentar un informe que analiza a situación socioeconómica da provincia

Vigo -

A Unión Comarcal da CIG de Ourense presentou esta mañá diante dos medios un informe elaborado polo Gabinete Técnico Confederal no que se analiza a situación socioeconómica da provincia. Entre as principais conclusións do traballo tírase que a crise económica provocou un notábel incremento do desemprego, da precariedade laboral, da emigración e do avellentamento da poboación.

No informe, que foi presentado en rolda de prensa polo secretario comarcal da CIG-Ourense, Etelvino Blanco, e por Natividad López, economista do Gabinete Técnico Confederal, incídese na principal problemática que presenta a provincia: o avellentamento da poboación e a emigración da mocidade. De feito, máis do 30% da poboación ten máis de 65 anos e dende 2009 reduciuse o número de habitantes en 17.251 persoas, das que a práctica totalidade tiñan entre 15 e 35 anos.

En canto á situación do mercado de traballo, os datos amosan que hai 8700 persoas activas menos, 31.300 ocupadas menos e 18.000 paradas máis. O número de persoas activas menores de 35 anos reduciuse un 24% dende o ano 2010. Ademais, neste tramo de idade a taxa de emprego baixou un 35,8%. Ao mesmo tempo, todos os indicadores deixan ver un incremento da precaridade e da temporalidade, xa que o 21,7% dos contratos subscritos en 2015 tiveron menos dunha semana de duración. En canto ao ingreso salarial medio, descendeu un 2,9% dende 2008.

Segundo as conclusións recollidas no informe, o número de persoas asalariadas baixou en todos os grupos de idade, agás no colectivo con ingresos inferiores á metade do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), no que hai 1915 persoas asalariadas máis que en 2009. Tamén aumentou o salario en todos os tramos de ingresos, menos no inferior á metade do SMI, no que descendeu en 57 euros anuais. Con esta evolución, o grupo de asalariados/as con ingresos inferiores á metade do SMI converteuse no máis numeroso da provincia, xa que representa o 19,2%. En 2009 este grupo representaba o 15,1%. O salario medio deste grupo foi de 1954 euros brutos ao ano.

Outro dato moi preocupante que figura no informe ten que ver coa poboación parada, xa que medrou un 200% dende o inicio da crise. Desta, case a metade leva máis de dous anos sen emprego. Ademais, estímase que no conxunto da provincia hai 10.300 fogares con persoas activas e nos que todas están no paro.

Deste xeito, no informe denúnciase que a crise económica non só expulsou da provincia a unha importante cantidade de xente nova, o que agravou o problema demográfico existente en Ourense, senón que mudou as condicións de traballe dunha gran cantidade de persoas ocupadas: aumentaron as xornadas parciais, reducíronse a duración dos contratos e baixou a media dos salarios. Como consecuencia, aumentou o número de persoas en risco de exclusión social.

Volver