A desdolarización do mundo avanza sen présa pero sen pausa

Isidro Esnaola - 23 Xan 2023

Arabia Saudita, A India, China, Arxentina... cada vez máis países optan polas súas moedas para o comercio bilateral, o que debilita o poder do dólar. Un proceso lento no que están implicados sobre todo os países do grupo dos BRICS, que queren organizar un sistema de pagamentos alternativo ao dólar

O ministro de Exteriores de Arabia Saudita, Mohammed Al-Jadaan, anunciou a semana pasada que o seu país está aberto a discutir acordos comerciais en moedas distintas ao dólar. Desta maneira respondía á proposta que o presidente chinés, Xi Jinping, fixo durante a súa visita a Arabia Saudita o mes pasado, na que ademais suxeriu aos países do Golfo que aproveitasen ao máximo o potencial da Bolsa de Petróleo e Gas Natural de Xangai. Riad abriu unha porta que aos poucos irá restando poder ao sistema do petrodólar. O proceso será lento, boa proba diso é que en Davos Al-Jadaan dixo que China era un socio «moi importante» para o seu país, pero Estados Unidos era un socio «estratéxico».

 A este cambio de Riad posibelmente contribúan as negociacións entre a India e Emiratos Árabes Unidos para que o comercio mutuo liquide en rupias e en riais. De feito, India xa implementou un sistema para saldar as transaccións con outros países en rupias. Permite ademais abrir contas especiais coas que o saldo excedente se pode investir directamente en valores do Goberno indio, o que axudou a popularizar esta ferramenta. En calquera caso, a ambición da India vai máis aló, e aproveitando que ostenta a presidencia do G20, na recentemente celebrada cimeira das Voces do Sur Global, o seu primeiro ministro, Narendra Modi, comprometeuse a levar a voz do sur global para dar forma a esa nova «orde emerxente».

 China tamén anovou estes días a liña de troco do renminbi e o peso arxentino que se estabeleceu en 2009, durante a presidencia de Cristina Fernández. O novo acordo aumenta a dispoñibilidade até os 130.000 millóns, uns 19.000 millóns de dólares, o que servirá a Arxentina para reducir a súa dependencia do FMI e dos mercados internacionais de divisas. Estas liñas de troco entre bancos centrais teñen dúas virtudes fundamentais. Por unha banda, permite a calquera empresa que necesite un empréstito en divisas esquivar os intermediarios e os mercados de divisas. Por outro, fortalece as relacións bilaterais, xa que dispor de, por exemplo, iuans inclinará as empresas a buscar o que necesitan no mercado chinés, robustecendo os lazos comerciais bilaterais.

O impulso dos BRICS

 A desdolarización das relacións comerciais é unha carreira de fondo na que se implicaron especialmente os países que forman o grupo dos BRICS. A ministra de Relacións Exteriores de Sudáfrica, Naledi Pandor, sinalou recentemente que están a buscar unha alternativa ao dólar. «Os sistemas que existen actualmente tenden a privilexiar os países moi ricos e son realmente un desafío para os países, como os nosos, que teñen que facer pagamentos en dólares, o que custa moito máis que facelos nas nosas propias moedas. Así que penso que se ten que desenvolver un sistema máis xusto e é algo que estamos a discutir cos ministros no marco dos BRICS», dixo a ministra.

 Boa mostra do interese que suscita o tema é o rebumbio que se organizou por unhas declaracións do embaixador de Arxentina, Daniel Scioli, tras a toma de posesión de Lula da Silva, cando sinalou que a máxima prioridade do seu Goberno era afondar no acordo de integración e insinuou que o comercio entrambos os países se realizaría utilizando as súas moedas. Un comentario que se entendeu como un avance da proposta de Lula de crear unha moeda latinoamericana soberana para o comercio rexional. Tivo que saír o ministro de Economía de Brasil, Fernando Haddad, a tranquilizar os especuladores internacionais sinalando que non hai «unha proposta para unha moeda para Mercosur», aínda que non negou que se estivese discutindo a idea.

 De momento, as liñas bilaterais de troco suplen ese baleiro. ‘Wall Street Journal’ informou de que Pequín, ademais, está a utilizar esas liñas de troco para apoiar algúns países altamente endebedados en dólares estadounidenses, como Paquistán, Arxentina, Sri Lanka ou Laos, que así «evitan o aumento dos custos do seu endebedamento», agora que a cotización do dólar se disparou.

 Mentres os BRICS e o sur global afonda no comercio e tentan construír unhas relacións económicas alternativas, Europa segue abstraída, debatendo o envío de tanques a Ucraína. Nin diplomacia, nin desenvolvemento.

 

[Artigo tirado do sitio vasco Naiz, do 23 de xaneiro de 2023]