A dirección da Radio Galega comeza xa a eliminar a información local

Os traballadores/as seguen coas protestas convocadas polo comité intercentros todos os martes e xoves
Nacional - 14 Xun 2018

A dirección da Radio Galega non agarda ao comezo da nova programación de setembro para eliminar os informativos locais e coa chegada do verán desaparecen todas as desconexións das delegacións da Coruña, Vigo, Ourense e Lugo. O persoal, que está a recoller sinaturas contra a decisión, continuou hoxe coas mobilizacións convocadas polo comité intercentros todos os martes e xoves.

Segundo explican dende a sección sindical da CIG na CRTVG, até o de agora durante o período estival suprimíase temporalmente o informativo local do mediodía para facilitar que o persoal das delegacións gozara das súas vacacións. Este ano non só desaparece ese espazo senón tamén o informativo matinal que se emite ás 7:50 horas.

Polo tanto, o papel das delegacións limitarase a participar en roldas para falar do tempo e do tráfico. Unicamente se vai facer un informativo 'caixón de xastre' ás 13:45 horas, onde cada delegación terá que resumir en tres minutos a actualidade da súa comarca para todos/as os oíntes de Galiza.

Ademais, resérvase un espazo de 15 minutos no programa Galicia por Diante para que, cada día da semana, se aborde un tema local. Non será de actualidade porque, segundo advertiron os responsábeis de informativos da radio, o asunto a tratar terá que ser pactado coa coordinadora con polo menos “unha semana de antelación”.

Finalmente, denuncian que isto é o que entende a dirección da CRTVG por “potenciar a información local”: renunciar á audiencia que busca información próxima, centralizar as decisións para exercer un maior control dos contidos e deixar nun segundo plano a actualidade.