A estiba suspende tres xornadas de paros, logo da patronal dar un paso adiante

Cambio no conflito tras a saída de varias empresas de ANESCO

Ferrol -

Durante a mañá deste xoves, as organizacións sindicais recibiron unha carta asinada por Javier Vidal, presidente da Asociación de Empresas Estibadoras Portuarias de Barcelona, na que expresa que, trala firma masiva do documento consensuado polos traballadores/as e as diferentes empresas portuarias, varias compañías saíron de ANESCO. Isto supón unha reestruturación da asociación e, en atención a esta situación, así como ao seu novo posicionamiento, solicita a suspensión da folga e retomar as negociacións.

Á vista da nova situación, explica Franciso Cartelle, secretario confederal de Emprego da CIG, "como mostra de boa vontade e disposición á negociación real", os traballadores decidiron non facer folga os días 23, 26 e 27 de xuño, no conxunto de empresas, con independencia da súa posición sobre a negociación colectiva e a garantía dos postos de traballo.

O persoal queda á espera de concretar data de reunión para a próxima semana, para formalizar os acordos alcanzados coa maioría de empresas, tal como enuncia, na mesma misiva, Javier Vidal.

No porto de Ferrol, diante destes acontecementos, os estibadores suspenden a concentración que ían realizar mañá venres, ás 11:00h, diante da Autoridade Portuaria.

A CIG remite unha proposta ás empresas da SAGEP-Ferrol

Así mesmo, no día de hoxe, a representación sindical da CIG enviou ás empresas que forman parte da SAGEP-Ferrol (Pérez Torres Marítima, COP Galicia, Terminales Marítimos de Galicia, GALIGRAIN SAU, García Forestal Servicios Forestales e Ferrol Container Terminal) unha proposta de documento para o seu estudo e posíbel sinatura.

"En dito documento as empresas asinantes comprométense a garantir a subrogación do 100% do persoal actual da SAGEP e os acordos contidos no chamado Principio de acordo no sector da estiba, asinado o 29 de marzo de 2017 entre ANESCO e as forzas sindicais", apunta Cartelle.

Volver