A Executiva Confederal distribúe responsabilidades das secretarías na súa primeira xuntanza

Aprobou tamén o Regulamento polo que se rexerá a súa estrutura e funcionamento
Nacional - 01 Xun 2017

A nova Executiva Confederal aprobou na súa primeira xuntanza, celebrada este martes día 30 de maio, o Regulamento que rexerá o seu funcionamento e a distribución de responsabilidades das distintas secretarías.

No propio Regulamento sinala que asume un traballo colectivo de dirección da CIG e incide en que as materias atribuídas a cada secretaría confederal non son compartimentos independentes das demais senón parte do traballo colectivo.

A distribución das áreas de  traballo pretende atender a criterios de racionalidade e operatividade sindical e cada secretaría confederal ten a responsabilidade directa sobre a área de traballo que lle compete,, tanto interna como externamente.

Deste xeito estableceuse a seguinte distribución de responsabilidades entre as distintas secretarías:

- Secretaría Xeral: Paulo Carril, elixido secretario xeral no VII Congreso, asume xunto as responsabilidades inherentes ao cargo, a Área de Internacional e de Comunicación.

- Secretaría Confederal de Organización: a Executiva Confederal acordou atribuír esta responsabilidade a Susana Méndez, quen ademais do seguimento e dinamización do funcionamento das distintas estruturas federais e territoriais e os sectores da mocidade, desempregadas/os e pensionistas. Fará tamén seguimento das eleccións sindicais e encargarase das relacións coas organizacións sociais.

- Secretaría Confederal de Finanzas: Anxo Noceda asume a responsabilidade da xestión da Caixa Confederal, da Caixa de Resistencia e do fondo de Solidariedade, ademais de facer seguimento dos orzamentos de todas as estruturas da CIG.

- Secretaría Confederal de Negociación Colectiva: Francisco González Sío será o encargado de elaborar as directrices xerais en materia de negociación colectiva, facendo seguimento desta materia e coordinando a área coas federacións e territorios. Asume ademais a responsabilidade de representación nesta área.

- Secretaría Confederal de Emprego, Industria e Saúde Laboral: A Executiva Confederal acordou atribuír a responsabilidade da acción sindical na área de política industrial e emprego a Fran Cartelle, quen ademais fará seguimento das políticas da Xunta e do Estado nesta materia. Xunto a isto asume a responsabilidade do gabinete técnico de saúde laboral.

- Secretaría Confederal de Institucional: O responsábel desta área será Miguel Malvido, quen se encargará das Relacións Institucionais en Galiza e o estado, facendo seguimento e  coordinación da representación institucional da CIG nestas áreas e representando á central sindical nos organismos tripartitos a nivel de Estado.

- Secretaría Confederal das Mulleres e de Formación para o Emprego: Margarida Corral foi designada pola Executiva como responsábel de impulsar a política global do sindicato en materia de acción feminista, así como a perspectiva de xénero en todos os ámbitos, promovendo a igualdade de dereitos das mulleres, denunciando as discriminacións, elaborando e poñendo en marcha medidas e plans de actuación dirixidos a tal fin. Xunto a isto asume a responsabilidade de elaborar propostas sobre política de intervención sindical da CIG en Formación Ocupacional e de impulsar e coordinar a participación das estruturas sectoriais e territoriais da CIG na Formación Profesional.

- Secretaría Confederal de Políticas Sociais: A Executiva Confederal acordou atribuír esta responsabilidade a Fernando Acuña, que se encargará de promover o deseño da política global do sindicato en materia de defensa e desenvolvemento dos servizos sociais públicos e universais; coñecer e difundir as distintas ordes da consellaría de Benestar Social referentes a axudas a persoas dependentes, ás familias, RISGAS… Ademais será o encargado das relacións coas diferentes plataformas sociais constituídas en Galiza e da representación institucional da CIG nesta área.

- Secretaría Confederal de Propaganda: Lucía Freire terá a responsabilidade da elaboración e distribución de todo o material propagandístico a nivel confederal (carteis, pancartas, panfletos…)

- Secretaría Confederal de Medio Ambiente de Desenvolvemento Sostíbel: A responsabilidade recae en Paulo Rubido, que se encargará de elaborar as directrices xerais da CIG nestas materias ademais da elaboración de estudos relativos a cambio climático e a súa repercusión sobre a clase traballadora. Xunto a isto representará institucionalmente á central sindical nesta área e nomeadamente na plataforma “Alianza por un Mundo Rural Vivo”

- Secretaría Confederal de Servizos: Renato Núñez será o responsábel de facer seguimento da afiliación, altas, baixas e protección de datos, ademais de asumir a dirección do Gabinete Técnico Nacional, da Oficina da CIG en Madrid, das asesorías xurídicas nacionais e comarcais, de CIG-Migración e da representación institucional en materia de migración.

- Formación Sindical, Lingua e Cultura: A Executiva Confederal acordou atribuír a Nicolasa Castro a responsabilidade de impulsar e coordinar a formación interna sindical en colaboración coa Fundación Moncho Reboiras; a dirección do Departamento de Normalización Lingüística; a promoción e deseño da política global do sindicato en materia de defensa e desenvolvemento da cultura e idioma galego e a representación institucional nestas áreas.