A falsa e regresiva solución das pensións privadas

Mikel de la Fuente - 10 Abr 2018

A experiencia internacional mostra que nos Estados nos que a taxa de reemprazo das pensións baseadas no método de reparto é elevada as pensións privadas baseadas na capitalización teñen un desenvolvemento escaso, polo menos para a maioría da poboación asalariada

 A sostibilidade financeira do sistema de pensións, nun contexto de aumento importante do número de pensionistas debido á elevación da esperanza de vida, pódese expresar de tres formas: a) aumentando os ingresos; b) reducindo as pensións, a través de fórmulas moi diversas (ampliación do período de cálculo, esixindo máis anos cotizados para alcanzar o dereito á pensión e/ou, o 100% desta, implantando regras como as do factor de sostibilidade que reducen a pensión ao aumentar a esperanza de vida, reducindo a revalorización das pensións, aplicando coeficientes de penalización máis altos por anticipación da idade, etc.); e c) unha variante da anterior, frecuentemente unida a esta, como é a do aumento da idade de xubilación e con iso de percepción das pensións.

 A redución das pensións, que está dando lugar ás grandes mobilizacións de pensionistas, especialmente en Euskalherria, deu lugar a unha mínima rectificación por parte do goberno do PP, mediante o prometido aumento das pensións mínimas e as de viuvez... se é que hai orzamentos. Pero malia iso, mantense a política baseada na redución das pensións(1) complementada polas pensións privadas. Este artigo dedícase a examinar ese papel das pensións privadas.

A Unión Europea e as pensións(2)

 No Libro Branco da Comisión Europea de 2012 sobre “Pensións adecuadas, seguras e sostíbeis” formulábase que, ademais dos xa realizados, “numerosos Estados deberán realizar novos axustes do gasto” e iso malia recoñecer que esas reformas darán lugar a “taxas de reemprazo máis baixas (pensións comparadas coa retribución anterior)”. Noutro informe de 2010, a Comisión Europea expoñía que a redución das taxas de reemprazo das pensións públicas, que están crecendo máis debilmente que os salarios, implica que os pensionistas están sufrindo unha deterioración dos seus niveis de vida en relación cos traballadores en activo, a menos que prolonguen a súa vida laboral. Como elemento para compensar esa caída de ingresos, o discurso da Unión Europea é o desenvolvemento das pensións privadas baseadas na capitalización e iso aínda que se recoñeza que a actual crise “puxo de relevo a vulnerabilidade dos plans de pensións de capitalización fronte ás crises financeiras e os recesos económicos”, xa que, como puntualizaba o Libro Verde, antecedente do Libro Branco, “As pensións de capitalización tamén se poderían ver afectadas polo avellentamento demográfico. As sociedades avellentadas reducirían a taxa potencial de crecemento económico e iso implicaría unhas menores taxas reais de rendemento, o cal podería afectar aos prezos dos activos financeiros”.

 Na súa defensa das pensións privadas de capitalización, a Unión Europea despreza que as taxas de pobreza elevadas da poboación de 65 e máis anos nalgúns países ricos corresponden a países que non dispoñen de pensións públicas de reparto, como Suíza, ou que son minoritarias en relación coas de capitalización privada, como Estados Unidos ou o Reino Unido. A experiencia internacional mostra que nos Estados nos que a taxa de reemprazo das pensións baseadas no método de reparto é elevada as pensións privadas baseadas na capitalización teñen un desenvolvemento escaso, polo menos para a maioría da poboación asalariada, como se pode observar nos informes anuais da OCDE Pension Market in Focus, que mostran o menor desenvolvemento da poboación cuberta polos réximes capitalizados e polo patrimonio dos fondos de pensións, entre outros nos casos de Francia, Portugal, Alemaña, Italia e o Estado español. Estes sistemas testemuñan a regra segundo a cal o desenvolvemento da capitalización privada esixe a previa redución das pensións de públicas de reparto. Porén, os recortes na contía e cobertura das pensións públicas que están tendo lugar nestes países, así como as incertezas deliberadamente provocadas sobre o futuro destas pensións, están facendo aumentar durante os últimos anos o espazo das pensións de capitalización. Iso é especialmente certo no caso do Estado español, no que os fondos das pensións privadas representaban no 2016 o 14% do PIB, máis de catro puntos máis que en Francia e máis do dobre que en Alemaña (Pension Market in Focus 2017).

Reparto e capitalización

 Os réximes públicos baseados no método do reparto, é dicir, no que as cotizacións de empresarios e traballadores e, de ser o caso, as achegas do Estado serven para pagar as prestacións, sen necesidade de acumulación previa, de forma moi maioritaria, comprométense a proporcionar prestacións dun determinado nivel. Xeralmente en función da duración da carreira profesional e do salario (mediatizados pola duración das cotizacións e o tope do salario suxeito a cotización) e cualifícanse como réximes de prestacións definidas. As pensións privadas, todas no caso das individuais e unha maioría crecente no caso das profesionais ou de emprego, están organizadas conforme ao método de cotizacións definidas nos que a contía das pensións depende das achegas recadadas e do rendemento dos investimentos en que se invistan esas cotizacións, de forma que o risco da caída dos rendementos se despraza cara á xente traballadora. Segundo a OCDE, en 18 de 23 países da OCDE estudados, máis do 50% dos investimentos se realizan en plans individuais ou en plans de emprego baseados en cotizacións definidas.

 Co fin de elevar a rendibilidade dos investimentos, ten lugar unha evolución a destinar estas cara á renda variábel, co grave risco de que os investimentos sufran os efectos das crises e burbullas financeiras. Ademais, o obxectivo da máxima rendibilidade dos seus investimentos, impulsada pola competencia á que se libran as entidades xestoras destas entidades por aumentaren as súas partes no negocio, incrementa a presión cara ao incremento de valor das accións das empresas en que invisten, contribuíndo así á redución dos salarios, a redución dos persoais (downsizing) e, en xeral, ao recorte dos dereitos laborais.

 Segundo os informes da Comisión Europea, a caída nas taxas de reemprazo das pensións públicas de reparto debida ás medidas de recorte inducidas pola mesma Comisión para garantir a “sostibilidade” dos sistemas públicos, compensaríase de dúas formas (nalgún caso precísase que a medias):

  1. a) co aumento dos ingresos proporcionadas polas pensións privadas, de emprego e individuais. e
  2. b) a través da prolongación da vida profesional debida ao atraso da idade de xubilación, o que permitiría aumentar a porcentaxe da pensión.

 Desta forma ao final dos períodos de referencia a taxa conxunta de reemprazo de todos os ingresos de pensión manteríase constante. Esas predicións obvian a inseguridade característica das pensións privadas, cuxos rendementos poden oscilar coas crises financeiras cada vez máis frecuentes. Tampouco tiña en conta que o acceso e contía das contribucións ás pensións privadas están moi desigualmente repartidos, segundo sector de actividade, categoría profesional, nivel de ingresos e sexo, estando probado que é a xente de maiores ingresos a que ten máis cobertura e de máis contía nestas pensións. Quizais polo pouco críbel desa compensación proporcionada polas pensións privadas os recentes informes Ageing Report da Comisión Europea omiten calquera referencia a esa cuestión e limítanse a estimar a redución das taxas de reposición das pensións públicas de reparto.

 En relación con este asunto, nun informe do 2008 do Comité de Protección Social da Unión Europea recoñecíase que o maior peso das pensións privadas afectaría de forma negativa ás persoas de ingresos medios e baixos, ás mulleres e ás persoas con carreiras de cotización incompletas. Así mesmo, sinalábase que as comisións de xestión das entidades xestoras reducirían de forma importante as pensións netas, especialmente nos ingresos máis baixos. O conxunto deses gastos, que se mide coa ratio coñecida como total expense ratio (TER) e que resulta do cociente entre os gastos totais e o patrimonio do fondo, pode alcanzar porcentaxes que reducen a contía das pensións netas até porcentaxes superiores ao 20%. No Estado español eses custos son dos máis elevados da OCDE: sobre 40 países estudados, ocupaba o oitavo lugar, cunha porcentaxe do 1,5% sobre o patrimonio xestionado.

 É certo que a longo prazo a rendibilidade está sendo superior ao crecemento económico. Con todo, como indica Piketty n’O capital no século XXI a volatilidade do capital é até 12 veces maior que o crecemento económico, polo que quen acceda á pensión privada nun momento de caída do patrimonio dos fondos de pensións, sufrirá unha perda da pensión irreparábel e para toda a vida. Ademais, o aumento da esperanza media de vida, no caso das pensións privadas, dá lugar a unha diminución na contía das pensións, evidenciando a falacia de que só os réximes de reparto están afectados polo avellentamento demográfico.

 Que malia estes defectos das pensións privadas, boa parte deles estruturais, o Libro Branco defenda a súa extensión e xeneralización, mostra a subordinación absoluta na política da Unión Europea, da adecuación das pensións, non só á redución do déficit público, senón ao desenvolvemento das pensións privadas.

As pensións privadas no Estado español

 Como produto da caída salarial e do empobrecemento da maioría da poboación traballadora, o número de partícipes nos plans de pensións está en caída desde o 2010. Aínda que o número de partícipes nos plans de pensións alcanza unha cifra de case dez millóns, o 75% destes realizan achegas moi baixas, inferiores a 300 euros (3).

 Segundo un estudo realizado por tres investigadores do IESE, que se vén repetindo durante os últimos anos, no período decembro 2002-decembro 2017, mentres que a rendibilidade do IBEX 35 foi do 226% e a dos bonos do Estado a 15 anos do 97%, entre os 356 fondos de pensións con 15 anos de historia, só 4 fondos superaron a rendibilidade do IBEX 35 e 47 a dos bonos. Os autores destacan que unha das razóns deses resultados se debe ás elevadas comisións, sendo outras a composición da carteira e a deficiente xestión. Conclúen que o seu resultado “non xustifica en absoluto a discriminación fiscal” a favor dos fondos(4). Se a escasa rendibilidade se une á escasa contía das achegas aos plans de emprego, de pouco máis de mil euros de media no 2016, pódese concluír que as pensións privadas de emprego non permiten, polo menos para a gran maioría, que o complemento ás pensións públicas de reparto permita compensar a caída destas últimas. Ademais, esa función de complemento só se cumpre en escasa medida xa que do conxunto das prestacións aboadas no 2016 máis do 50% se realizaron nun só pagamento, mentres que as prestacións en forma de renda alcanzaban só o 24,69%. Estes datos evidencian que a súa principal función consiste no aforro fiscal. Para os partícipes a través das desgravacións no IRPF, que alcanzan unha cifra duns cinco mil millóns de euros (Torres) e que benefician especialmente aos contribuíntes de maiores cantidades. Tamén para as empresas, xa que os Fondos de Pensións non cotizan no Imposto de Sociedades e as achegas empresariais aos Plans quedan excluídas da cotización á Seguridade Social, mentres que si cotizarían se en lugar de achegas a plans de pensións fosen salario directo. Desta forma os plans de pensións contribúen á diminución dos ingresos para pagar as pensións públicas. Así pois, a escasa contía das achegas medias e a baixa rendibilidade dos investimentos súmanse, de forma que os resultados das pensións privadas non poden dar lugar a complementos significativos das pensións públicas.

 O enorme custo da substitución completa do sistema público de reparto por un privado de capitalización, dá lugar a que, salvo algún fundamentalista neoliberal -que os hai-, a posición maioritaria entre os ideólogos neoliberais, matizada por razóns electorais polos partidos do sistema, propón a redución progresiva da parte que proporciona o sistema público, até chegar ao final á provisión de pensións mínimas. Os proxectos de reforma móvense entre ese extremo e a redución das pensións baseadas nas taxas de reemprazo ou substitución, que foron até hai pouco tempo relativamente elevadas para os sectores, maioritariamente masculinos, con duracións elevadas de cotización.

 A pretendida “compatibilidade harmoniosa” do sistema público de reparto coas pensións privadas en que se basean algunhas desas propostas de coexistencia parcial entre o reparto e a capitalización privada non é tal, xa que o desenvolvemento das pensións privadas afecta gravemente ao sistema público de pensións que corre o grave risco, non de desaparición, senón de redución ao mínimo do seu papel de provisión de rendas substitutorias dos salarios e rendas de activo. Salvo que se incremente enormemente a masa salarial das empresas, hai que optar entre un destino e outro dese suplemento no financiamento empresarial das pensións. É pouco críbel que a achega empresarial aos plans colectivos, hoxe concentrada no sector público, as grandes empresas e os sectores económicos máis poderosos, se vaia engadir ao necesario incremento das cotizacións empresariais para atender ao incremento do gasto derivado de razóns demográficas, do aumento das pensións mínimas e, en xeral, da mellora e sostibilidade das pensións públicas. O aumento das cotizacións empresariais á Seguridade Social esixe modificar o reparto entre beneficios e salarios, dos que forman parte esas cotizacións, facendo retroceder a parte dos primeiros, cuxo aumento está sendo enorme no Estado español e máis aínda na actualidade, en beneficio tanto dos salarios directos como do salario indirecto socializado que constitúen as cotizacións á Seguridade Social. Se iso se produce non será necesario acudir ao financiamento orzamentario das pensións, que efectivamente está tendo lugar en Europa, até hoxe de forma limitada, pero que non se baseou en razóns progresistas e solidarias senón na redución -ou non aumento- das cotizacións a cargo dos empregadores co pretexto do emprego, malia que os empresarios utilizan esa redución non para baixar os prezos de venda dos seus bens ou servizos senón para aumentar as súas marxes de beneficio.

 Se os investimentos dos fondos de pensións se materializan en renda fixa, a rendibilidade destas é inferior en termos reais ao crecemento do PIB e, polo tanto, o seu rendemento é inferior á do réxime de reparto. Por outra banda, non parece que deba ser un obxectivo dos poderes públicos destinar recursos públicos que permitan alcanzar pensións de contía idéntica aos salarios de actividade a unha porcentaxe reducida da poboación -asalariada ou non-, mentres que a maioría da poboación dispón de pensións que seguen sendo moi reducidas e que co novo criterio de revalorización se degradan de forma acelerada.

Razóns do impulso das pensións privadas

 A política de substitución teórica parcial das pensións públicas, o importe das cales se recorta aceleradamente, polas pensións privadas, é apoiada polas organizacións empresariais por tres tipos de razóns. A primeira consiste en que mentres as cotizacións á Seguridade Social por continxencias comúns -que inclúen á xubilación- son a cargo das empresas e os traballadores nunha proporción aproximada de cinco a un, preténdese que as pensións de emprego se financien mediante achegas iguais de ambas as partes.

 A segunda razón está relacionada cos intereses das empresas financeiras (bancos e compañías de seguros) que se benefician das comisións e dos investimentos asociados ás pensións complementarias.

 A terceira é de tipo político e ideolóxico(5), consistente no desenvolvemento dunha ilusión individualista que está no centro do discurso neoliberal sobre as pensións e que tende a facer crer que a pensión de cada persoa depende exclusivamente das súas propias opcións, tanto en relación coa duración do seu esforzo contributivo como do importe das cotizacións ou primas que aboe, asimilando estas a un aforro que permite constituír un capital, do que a pensión constituiría a recuperación, aumentada cos intereses acumulados.

___________________________________________________________________________

Notas

(1) A redución das pensións analiceina en “Pensiones, más insuficientes u con menos recursos”, http://vientosur.info/spip.php?article13431

(2) As referencias á Unión Europea proveñen da actualización dunha parte do meu artigo, “Pensiones dignas. Análisis crítico del Libro Blanco sobre Pensiones adecuadas, seguras y sostenibles y propuestas para un sistema vasco de pensiones”, Eurobask-Consello Vasco do Movemento Europeo, 2013.

(3) Datos extraídos do informe do Consello Económico e Social, “Evolución reciente de la previsión social complementaria en España: un análisis del comportamiento de los planes de pensiones durante el período 2008-2016”, Cauces, nº 36, 2017.

(4) Pablo Fernández, Pablo Fernández Acín e Isabel Fernández Acín, “Rentabilidad de los Fondos de Pensiones en España 2002-2017 (Return of Pension Funds in Spain.2002-2017”, dispoñíbel en poseidon01.ssrn.com.

(5) Como sinala Emmanuel Reynaud, “Financiamiento de las jubilaciones: reparto y capitalización en la Unión Europea”, RISS, Vol. 48, 3-4/1995, cando se pon o acento no aspecto técnico do financiamento agóchase que a cuestión fundamental da alternativa entre reparto e capitalización é de orde política e cultural, de elección dun “sistema social”.

___________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 4 de abril de 2018]