A FCM-CIG concentrarase en Malasa para denunciar a explotación que sofren os operarios dunha contrata

O persoal de Montajes Nobre traballa máis de 10 horas ao día e cobra por debaixo do marcado no convenio de carpintería
Cerceda - 22 Mar 2021

A Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) ten convocada unha concentración para o vindeiro xoves, 25 de marzo, para denunciar a explotación laboral que sofren os traballadores e traballadoras de Montajes Nobre, unha das principais subcontratas do Grupo Malasa. A concentración será ás 14:30h diante das instalacións de Malasa no Polígono de Acevedo, en Cerceda.

O secretario comarcal da FCM-CIG da Coruña, Mario Maceiras, explica que esta empresa desenvolve exclusivamente a súa actividade dentro das instalacións de Malasa en Cerceda ou nas súas obras, "á que cede un número de traballadores/as inxente que xa supera nestes momentos o cento, boa parte deles compañeiros portugueses".

"Non teñen nin vacacións pagadas"

Todos estes operarios, engade, "traballan en condicións case idénticas ás do propio persoal de Malasa, cunha única excepción: traballan máis horas -de 10 a 12 diarias-, e cobran moitísimo menos, arredor de 7€ a hora; é dicir, un 40% menos do que estabelece o convenio do sector, ou o 65% menos no caso das horas extraordinarias. Por non ter non teñen nin vacacións pagadas", denuncia.

O Convenio da Carpintería da Coruña (art. 37) obriga expresamente a que todas as empresas que poñan traballadores/as a disposición doutras empresas lles aboen exactamente o mesmo que se traballaran directamente nas empresas para as que prestan os seus servizos. Ademais a FCM-CIG cre que detrás desta relación pode existir unha cesión ilegal de persoal, "xa que Montajes Nobre SL non ten instalacións, maquinaria e nin sequera administración propia, limitándose tan só á captación e manutención dos operarios e operarias que logo cederá a Malasa".

A CIG, apunta Maceiras, xa presentou denuncia á Inspección de Traballo por todos estes feitos e tamén está a preparar demanda xudicial.

Ademais de explotados, roubados

Mario Maceiras salienta tamén o papel do polémico empresario luso, Américo José Pinto da Cunha, "que está a financiarse millonariamente a base de explotar os seus operarios e tamén roubarlles cada mes cantidades arbitrarias das súas nóminas, que camufla coma falsos "anticipos" que nunca lles paga, obrigándolles a asinar un recibín baixo a ameaza de que, de non facelo, cesarán na sociedade e non volverán nunca a traballar para Malasa".

De igual xeito, a FCM apunta á responsabilidade de Malasa que "non só consiste, senón que se beneficia deste esquema de explotación, que lle permite ter sempre a súa disposición sen límite de horas e sen relación laboral algunha un cento de operarios".

"A impunidade deste empresario é tal que durante a pandemia aparecéronlle pinchadas as rodas dun coche e ese mes decidiu descontar das nóminas dos seus operarios 60€ coma castigo e para tentar que se autoinculparan", critica.