A FGAMT-CIG reforza a súa maioría na representación do grupo Nueva Pescanova en Galiza

Vén de gañar as eleccións sindicais na fábrica de Chapela e nas plantas da empresa Insuíña en Mougás e Xove
Nacional - 20 Out 2023

A FGAMT-CIG consolidou a súa maioría na representación en Nueva Pescanova en Galiza tras os resultados obtidos nos recentes procesos de eleccións sindicais celebrados en distintas empresas do grupo de alimentación. A central vén de gañar tanto na fábrica de Chapela como nas plantas da compañía Insuíña en Mougás e Xove.

No principal centro de traballo do grupo, situado na parroquia redondelá de Chapela, a candidatura da FGAMT-CIG revalidou a vitoria acadada nas anteriores eleccións sindicais con 4 representantes no comité e rexistrou un aumento no número de votos. Deste xeito, fíxose con 3 delegados/as no colexio de especialistas e 1 entre o persoal técnico e administrativo grazas aos 77 apoios sumados en total. 

En Pescanova Chapela aumentou votos e en Insuíña sumou 2 novos/as representantes

O resto da representación está integrada por 2 delegados/as da UGT (1 entre os especialistas e 1 entre o persoal técnico e administrativo), 1 de CCOO, 1 da UGT, 1 da USO e 1 da CUT, todos eles/as obtidos no colexio de especialistas.

Dende a central sindical salientan a elevada participación do cadro de persoal no proceso, no que votaron 181 persoas das 194 que figuraban no censo electoral. E adiantan a súa determinación a continuar o traballo sindical desenvolvido nos últimos anos na empresa en defensa do emprego e dos dereitos laborais do cadro de persoal.

Principal sindicato en Insuíña

De igual xeito, a FGAMT-CIG foi a organización maioritaria nas eleccións celebradas nas plantas da empresa Insuíña -po grupo Nueva Pescanova- en Mougás e Xove. Na primeira obtivo os tres delegados/as de persoal que se escollían, mentres que na segundo sumou 5 dos 9 representantes do comité. Polo que sumou en total 2 representantes máis.