A FGAMT-CIG urxe o Concello de Lugo a resolver a situación do servizo da ORA para garantir os postos de traballo

Denuncia a pasividade do goberno local neste proceso, sen avances dende finais do pasado ano
A Coruña - 12 Abr 2016
A FGAMT-CIG alerta que a pasividade do Concello de Lugo á hora de abordar a problemática xurdida no servizo municipal da ORA pon en serio risco a continuidade dos empregos dos traballadores e traballadoras que viñan realizando este servizo. Lembran que o persoal atópase a pouco máis de tres meses para o esgotamento do proceso de suspensión temporal da relación laboral.

Esta circunstancia, apunta Christian López Carmona, Secretario Comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, parece abocar á apertura de procesos xudiciais para esclarecer a situación laboral destes traballadores/as, dados “os informes municipais existentes negando a subrogación do persoal para o caso de continuaren co servizo”.

López Carmona apunta que dende novembro do ano pasado non continuaron os encontros entre o cadro de persoal e a máxima responsábel no Concello de Lugo. “Parece que o feito de ter iniciado o proceso de estudo de municipalización do servizo está supoñendo aire fresco para a alcaldesa neste tempo de engádega para os traballadores/as do servizo ORA, tralo inicio o 30 de xullo de 2015 do proceso de suspensión temporal”.

Neste aspecto, o representante sindical subliña a pasividade coa que se está a levar este proceso, “no cal non se avanza dende finais do ano pasado”.

Malia ter iniciado o estudo para o proceso de municipalización, en cumprimento dos acordos plenarios, non se ten abordado o proceso de suspensión das ordenanzas, “situación na cal a mandataria segue a manter a súa capacidade para, a través da Xunta de Goberno, sacar a licitación para activar o aparcadoiro regulado mentres non se resolva o proceso de municipalización, algo que podería supor unha ponte para salvar os postos de traballo”.

Por iso, continúa López Carmona, “bótase en falta valentía por parte da responsábel socialista para resolver un problema que ela escolle as datas para materializar, no que ela podía ter definida claramente a folla de ruta propia que garantira tanto o mantemento do servizo como os postos de traballo, pero no cal non emprega todas as súas competencias”.