A folga de mulleres xa é unha realidade imparábel

A CIG rexeita a actitude de empresas que instaron as traballadoras a informar se irían á folga

Nacional -

Estamos asistindo ao inicio dunha xornada de loita histórica na que as mulleres serán, cen anos despois das revoltas de 1918, unha vez máis as protagonistas absolutas. A secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, sinala que os datos desta primeira quenda de paro laboral demostran que este 8 de Marzo está a ser xa  unha xornada histórica e que a folga de mulleres "é unha realidade imparábel". Subliñando que, aínda que a quenda de madrugada é a que menos visibilidade ten en canto ao seguimento, todo apunta a que esta xornada reivindicativa "vai ser todo un éxito".

Nesta primeira quenda de paros laborais, que a CIG convoca 00 a 02h, o seguimento está condicionado polo feito de que a actividade se desenvolve en sectores moi masculinizados e nos que boa parte da quenda a realizan os homes.

Aínda así, nos hospitais da rede do Sergas a esta hora só se están cubrindo os servizos mínimos, tanto no que ten a ver co persoal sanitario como nos servizos da limpeza hospitalaria. Ademais, na zona de Vigo, nesta quenda están parando o 95% das traballadoras de Alonarti e Denso, o 90% en Domiberia, o 50% en Prosegur BPO, máis do 40% en Asientos de Galicia, TRW-Dalphi e Plastic Omnium. E nas plantas de Einsa As Pontes, máis do 50% das mulleres desta quenda están a secundar o paro laboral de 00 a 02h.

Tamén é de destacar que en Ingapan (Lugo) un grupo de mulleres está secundando o paro, nunha empresa na que non é habitual que o persoal responda ás convocatorias de folga, o que dá boa conta do alcance desta folga.

Xunto a isto, Margarida Corral anima a que nesta hora nos asomemos ás xanelas "e veredes moitos mandís pendurados das fiestras, portas e balcóns simbolizando ben a folga de coidados, ben a denuncia daquelas que non poden facer folga".

Servizos mínimos abusivos

En canto ao desenvolvemento dos paros, Margarida Corral denunciou os abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta de Galiza (e que a CIG recorreu), que mesmo superan aos establecidos para convocatorias anteriores de carácter similar. Lembra que o chamamento que fai a central sindical é a unha folga de mulleres e, polo tanto, non ve sentido en establecer eses servizos mínimos "cando hai traballadores que non están chamados a secundala, máxime en sectores moi masculinizados".

Así mesmo, rexeitou as actitudes de moitas empresas que instaron as súas traballadoras a informar previamente se ían exercer o seu dereito á folga. Tal e como aconteceu estes días en Abanca, na Axencia Tributaria ou nos centros dependentes do Consorcio de Igualdade e Benestar. Unha postura que a secretaria das mulleres da CIG rexeitou por canto supón unha actuación irregular e "cuxa única finalidade só pode ser crear listaxes para identificar as traballadoras máis reivindicativas".

De igual xeito, lamentou outro tipo de actuacións como a da refinería de Repsol na Coruña, cidade na que hoxe é festivo local, na que a empresa decretou a todo o persoal das quendas como servizos mínimos, incluso metendo ao persoal de mantemento, o que na práctica supón impedir o lexítimo exercicio á folga das súas traballadoras.

Agárdase un amplo seguimento no paro e das 12 ás 14h e nas mobilizacións

A pesar destes atrancos, "temos a certeza de que esta xornada vai ser histórica, e confío plenamente en que así se visibilizará dentro dunhas horas, coa participación multitudinaria das mulleres nas máis de 40 mobilizacións que temos convocadas coincidindo co paro laboral que se desenvolverá das 12 a 14h", asevera. Lembra tamén que para a quenda de tarde a CIG ten convocado outro paro laboral de 19:30 a 21:30 horas. Neste senso, Corral xa adiantou que, polo percibido nas asembleas realizadas nos centros de traballo e os contactos previos á folga, a receptividade á convocatoria está a ser maior da agardada. 

Corral subliña, porén, que esta folga non é só laboral, senón que o chamamento é tamén a unha folga de consumo, de brazos cruzados nas tarefas de coidado,  e de boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista, para visibilizar o traballo achegado polas mulleres nun día normal "e demostrar que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos. Sobran os motivos para que as mulleres paremos", reiterou, razón pola que animou a todas as galegas a secundar a folga laboral, de coidados e de consumo deste 8 de Marzo.

MOBILIZACIÓNS

PAROS POR QUENDAS DE TRABALLO

de 00h-02h da madrugada

de 12h a 14h

de 19:30h a 21:30h

UNIÓN COMARCAL DE VIGO

VIGO: 12:30h Na farola de Urzáiz

VIGO: 12:30h Na estrada Clara Campoamor (na rotonda de aceso ao hospital Álvaro Cunqueiro)

BUEU: 12:30h Diante do Concello (Rúa Eduardo Vicenti, 8)

CANGAS: 12:30h Diante do Concello (Avda. Castelao, 2)

MOAÑA: 12:30h Diante do Concello (Rúa As Barxas, 2)

TOMIÑO: 12:00h Diante do Concello (Praza do Seixo)

TUI: 12:30h No Outlet

O PORRIÑO: 12:30h no IES Ribeira do Louro (Torneiros)

UNIÓN COMARCAL DA CORUÑA

A CORUÑA: 12:00h Na rotonda do CHUAC

ARTEIXO: 12:30h Nas portas do Concello

BETANZOS: 12:30h Nas portas do Concello

CARBALLO: 12:30h Nas portas do Concello

CEE: 12:30h Praza 8 de marzo

UNIÓN COMARCAL DE COMPOSTELA

* 12:30h no Centro Comercial As Cancelas

* 12:30h na Praza de Galiza

* 12:30h diante do Hospital Clínico

* 12:30h diante da Xunta de Galiza en San Caetano

RIBEIRA: 12:00h diante do Hospital do Barbanza

 * 20:00h Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE FERROL

* 12:30h Praza de Amada García (Edificio da Xunta)

* 12:30h Hospital Arquitecto Marcide

AS PONTES: 12:30h Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE LUGO

* 12:30h Diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza

MONFORTE: 20:00h Praza de España

A MARIÑA / VIVEIRO / BURELA / RIBADEO : 12:30h Diante dos Concellos

UNIÓN COMARCAL DE OURENSE

* 12:30h Praza Maior

O BARCO DE VALDEORRAS: 20:00h Praza do Concello

VERÍN: 20:00h Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE PONTEVEDRA

* 12:30h na Praza da Peregrina

* 12:00h Hospital de Montecelo

POLÍGONO DO CAMPIÑO: 12:30h e 20:00h na rotonda de acceso

VILAGARCÍA/O GROVE/CAMBADOS: 12:30h Diante dos concellos

PORTONOVO: 12:30h Diante da Piscina Municipal

A ESTRADA: 12:30h Diante do Concello

LALÍN: 12:30 Praza da Igrexa

PONTECESURES: 12:30h diante do Concello

OUTRAS MOBILIZACIÓNS DO MOVEMENTO FEMINISTA GALEGO O 8M

VIGO: 20:00h MANIFESTACIÓN desde a praza de Portugal. Convoca: Plataforma Galegas8M

COMPOSTELA: 20:00h MANIFESTACIÓN dende a Praza 8 de marzo. Convocan: PFG e Galegas8M

FERROL: 20:00h na Praza Amada García. Convoca Marcha Mundial das Mulleres

A CORUÑA: 19:30h na Praza de Pontevedra. Convoca: Galegas8M (Grupo Local)

LUGO:  20:00h. RUADA dende o Multiusos da Xunta. Convocan: PF. Lugo e Translurpies

OURENSE: 20:00h MANIFESTACIÓN desde a Subdelegación do Goberno. Convoca: Galegas8M.

ALLARIZ: 12:30H Praza do Concello

CEE: 20:00h. CONCENTRACIÓN na Praza 8 de Marzo. Convoca: Asociación Feminista Buserana

Volver