A folga do transporte dá un paso adiante coa ocupación de edificios administrativos da Xunta na Coruña, Compostela e Pontevedra

A negativa da Consellaría a abrir canles de diálogo aboca "á intensificación do conflito"

Nacional -

A folga no transporte de viaxeiros deu hoxe un paso adiante coa ocupación simbólica polos piquetes informativos da Dirección Xeral de Mobilidade en Compostela e a Dirección Provincial da Coruña; mentres que en Pontevedra o peche tiña lugar no despacho do delegado da Xunta. Con esta acción búscase que a Consellaría reaccione ante o conflito que se está a vivir no sector e concrete dunha vez unha reunión tripartipa, tal como foi pactada no seu día pola administración, patronal e centrais sindicais.

O primeiro edificio no que entraron os piquetes foi no Pontevedra, onde un grupo formado por máis de 50 traballadores/as procedentes de Pontevedra, Cangas e Bueu ocupou  dende ás 09:45 até ás 12:00 horas a delegación da Xunta. O piquete subiu até o despacho do delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, coa intención de falar con el, mais este non se atopaba nas dependencias. No seu lugar, mantiveron un encontro co delegado provincial de Transportes a quen lle transmitiron as reivindicacións do sector.

Mentres, en Compostela, folguistas e representantes sindicais pecháronse nas dependencias da Dirección Xeral de Mobilidade. Alí mantiveron unha xuntanza breve e forzada polo peche co director Xeral de Mobilidade, na que non se avanzou nada ao manter este os mesmos postulados que vén defendendo publicamente a conselleira de Infraestruturas.

No caso da Coruña, un piquete formado por arredor de 60 persoas estivo no edificio da Dirección Provincial de Mobilidade arredor dunha hora, e alí tamén tiveron un breve encontro co responsábel provincial. As tres accións desenvolverse sen incidentes, no marco da cuarta xornada de folga no transporte de viaxeiros/as por estrada que este mércores volveu paralizar a actividade dos autobuses en todo o país.

"Estas protestas de hoxe son un toque de atención á Xunta: por moito que se negue a abrir canles de diálogo, a folga non vai ir a menos, ao contrario, coa súa intransixencia, a Consellaría está conseguido reforzar a vontade do persoal para secundar os paros e intensificar a mobilización", afirmaba Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG. Neste senso, adiantou que as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO manterán unha nova xuntanza para avaliar as catro xornadas de folga e estudar novas accións mobilizadoras.

Destrución de emprego e precarización laboral

O éxito das folgas acontece, subliñou o sindicalista, porque o que está en xogo co novo plan de transporte da Xunta son os posto de traballo, as condicións laborais e a prestación dun servizo de calidade para a cidadanía. Salientou que máis alá das acusación da conselleira e o Presidente da Xunta sobre o incumprimento dos servizos mínimos ou a suposta "pinza" entre patronal e sindicatos, o proxecto que formula o Goberno galego supón incrementar o desemprego, fomentar a contratación a tempo parcial e precarizar o sector; ademais de non atender as particularidades nin as necesidades do transporte público nun territorio como Galiza.

Así, ao golpe para o emprego que implicará o recorte de 500 rutas escolares, hai que engadir a redución da xornada laboral que sufrirán moitos/as traballadores, xa que os 42 contratos de explotación presentados para esta primeira fase do plan de reordenación contemplan uns orzamentos para soldos de condutores/as inferiores ao estabelecido nos convenios colectivos.  Neste senso, Xesús Pastoriza denuncia que a Consellaría de Infraestruturas propón contratos ruinosos, ao facer os cálculos sobre horas de traballo e non sobre contratos.

Fragmentación das concesións

Pero, ademais, no anteproxecto fragméntanse concesións en varias partes, obrigando aos viaxeiros e facer varios transbordos e incrementando o número de expedicións inferiores a 50 km. Deste xeito evítase tamén a obrigatoriedade de levar tacógrafo no autobús e favorece o descontrol das xornadas de traballo.

Xunto a isto, e fronte ao que ten afirmado a Xunta nestes últimos días, tamén empeorarán as condicións laborais do persoal acompañante,  xa que até o de agora tiñan contratos polo tempo aproximado que duraba a ruta escolar, pero agora en ningún apartado dos contratos de explotación se establece nin cal vai ser o seu tempo de traballo, nin como van regresar até o punto de orixe, pois, de levarse a cabo a integración coas liñas regulares, os autobuses seguirán a súa ruta normal unha vez deixen ao alumnado no centro.

Pastoriza cualificou a reorganización do sector como un "ERE encuberto", criticando o papel da Xunta que "está a facerlle un favor a unha parte da patronal ao facilitarlle desprenderse de traballadores/as". "Non negamos que sexa preciso recompoñer o mapa concesional, pero as concesións caducan a finais do ano 2019. Polo tanto, temos ano e medio por diante para facer un plan con máis sentido e tranquilidade. Non entendemos estas présas por botar a andar o plan o 8 de agosto, nin entendemos a negativa da Xunta a abrir canles de diálogo para resolver un conflito destas dimensións e que conta co apoio masivo dos traballadores e traballadoras".

Volver