A folga do transporte en autobús da provincia da Coruña chega á sexta xornada ante o inmobilismo patronal
As traballadoras e traballadores do transporte en autobús da provincia da Coruña acadan este martes a sexta xornada en folga por un convenio colectivo digno. Malia o amplísimo seguimento que están rexistrando todas os días de paro, a patronal permanece desaparecida e sen vontade real de avanzar nun acordo que permita por fin ao conflito.
Un día máis, os piquetes informativos presentáronse dende primeira hora da mañá nas estacións e cocheiras das principais empresas do sector (controlado por Monbús, Alsa e Arriba) para animar a secundar a folga e explicar as persoas usuarias os motivos que levaron á convocatoria destas mobilizacións. Contra ás once da mañá, o persoal tamén se concentrou na dirección xeral de Mobilidade da Coruña, nas cocheiras de Monbús en Amio (Santiago de Compostela) e no edificio da Xunta en Ferrol.
O representante da FGAMT-CIG na mesa de negociación, Ernesto López, valorou que a folga está sendo un éxito e destacou a disposición das traballadoras e dos traballadores a seguir pelexando até conseguir un convenio digno. No outro lado, criticou o inmobilismo da patronal que segue sen querer negociar "e polo tanto o conflito non se vai poder solucionar". "Esta folga vai camiño de ser unha folga moi dura pola actitude da patronal", reiterou.
López Rei lembrou que o paro xeral continuará este venres, que están convocados tres días máis para a próxima semana (19, 20 e 23 de xaneiro) e que, de non producírense avances, a folga adquirirá carácter indefinido a partir do 2 de febreiro.
Neste senso, apelou á responsabilidade da Xunta de Galiza, como titular dos contratos, para que actúe dunha vez e faga as xestións oportunas para desbloquear o conflito e poder avanzar nun convenio colectivo xusto.