A folga en Citroën atrasa o arranque da cadea de produción e fai que non funcione con normalidade

As centrais cualifican a xornada de “moi positiva” a pesar dos intentos da dirección por boicotear o paro
Vigo - 15 Xul 2017

A xornada de folga convocada na planta de PSA Citroën en Vigo para rexeitar o incremento dos ritmos de traballo provocou que a cadea de produción se iniciase con atraso e que non funcionase con normalidade. A CIG, CUT e CCOO cualifican a xornada de “moi positiva” a pesar dos intentos da dirección por boicotear o paro traendo persoal doutras quendas e doutros departamentos, facendo que traballadores/as da quenda de noite prolongasen a súa xornada e chegando incluso a poñer a monitores/as na liña de produción.

As centrais convocantes indican que o impacto da folga afectou a cadea de produción, que non arrrincou até hora e media despois das 6.00 horas -cando se inicia a quenda de traballo dos sábados- “e funcionou de xeito anómalo”. Polo tanto, a súa valoración do paro é “moi positiva”, a pesares dos intentos da dirección por boicotealo. “Trouxeron persoal da quenda B e de departamentos non vinculados coa liña de produción, fixeron que os traballadores/as da quenda de noite prolongasen a súa xornada e incluso puxeron a monitores/as a ocupar postos na liña”, denuncian.

De feito, o propio AGA considerou onte o recurso presentado polo comité de folga contra a decisión da empresa de fixar en 66 o número de empregados/as destinados/as a garantir o arranque e o mantemento da actividade ao entender que se trata dunha cantidade abusiva. Finalmente un laudo da mediación rebaixounos/as a 26.

A isto hai que sumar as presións exercidas pola dirección durante a semana mediante escritos e intentando que os traballadores/as comunicasen se ían exercer ou seu dereito a secundar o paro. Todas estas cuestións foron constatadas polo comité de folga, que xa deu traslado do que está a acontecer á Inspección de Traballo. A autoridade laboral se desprazouse até a factoría e mantivo unha xuntanza cos representantes sindicais para abordar estas cuestións.

O éxito da folga facíase tamén visíbel ás portas das propias instalacións de Citroën, onde un numeroso piquete informativo desenvolveu sen incidentes o seu labor dende as 4.00 horas. O máis numeroso concentrouse na entrada principal baixo un importante despregue policial, aínda que houbo presenza de piquetes en todos os accesos á empresa.

“Relacións laborais dos anos 80”

Dende a sección sindical da CIG sinalaron que a campaña de mobilización iniciada en Citroën para reclamar unha solución aos problemas derivados do incremento dos ritmos de traballo “é xa unha loita pola dignidade dos traballadores/as; non podemos permitir que se cometan máis abusos contra as nosos dereitos laborais e que se nos falte ao respecto constantemente”.

Critican que a dirección non queira sentarse coa representación do cadro de persoal para abordar unha situación que está a provocar un aumento dos problemas de saúde laboral e de enfermidades profesionais na empresa. “Será unha compañía 4.0 a nivel tecnolóxico, pero coa súa actitude está levando as relacións laborais de volta aos anos 80, con piquetes masivos na porta e cos antidisturbios custodiando a entrada dos empregados/as”.