A folga en Otis chega ao séptimo día cun seguimento practicamente total

O cadro de persoal reclama un convenio digno a nivel estatal na empresa de ascensores

Vigo -

A folga convocada a nivel estatal na empresa de ascensores, escaleiras e portas automáticas Zardoya Otis para reclamar un convenio digno cumpre hoxe o séptimo día cun seguimento practicamente total do cadro de traballadores/as. A CIG, que ostenta toda a representación no centro de traballo de Vigo, impugnou os servizos mínimos no Xulgado ao considerar que son abusivos.

Os traballadores/as de Otis acordaron convocar folga entre o 27 de abril e o 16 de maio ante o desacordo na renovación do convenio, cuxa negociación se desenvolve dende o mes de xaneiro. Segundo explican dende a CIG, que ostenta a totalidade da representación sindical no centro de traballo de Vigo, as principais discrepancias coa dirección teñen que ver coa organización dos grupos profesionais, xa que a empresa pretende crear unha nova categoría laboral co 75% do salario.

Outro dos puntos conflitivos é a organización dos servizos de 24 horas, porque a compañía “quere facer con eles o que lle dea a gaña sen ter en conta os traballadores/as. A suba salarial é outra das cuestións sobre as que non hai acordo: Otis ofrece un aumento do 0,5% sen revisión nin IPC, cantidade que rexeitan os empregados/as lembrando que o ano pasado a empresa tivo un 2,5% máis de beneficios que en 2015. Ademais, no que vai de trimestre gañou un 4,2% máis.

O cadro de persoal tamén rexeita que a dirección pretenda eliminar do convenio unha serie de garantías como a non aplicación das reformas laborais, así como que pretenda reducir as horas sindicais ao que establece o Estatuto dos Traballadores/as. “Todo o que ofrece a empresa supón unha redución substancial do actual convenio, até o punto de que o deixan practicamente sen contido”, explican dende a CIG.

Servizos mínimos abusivos

Finalmente, anuncian que a central decidiu impugnar no Xulgado os servizos mínimos fixados pola empresa ao considerar que son abusivos. Ao mesmo tempo, solicitan a comprensión dos clientes da compañía polos inconvintes que o paro lles poida causar e lembran que están a loitar na defensa dos seus dereitos laborais.

Otis conta na actualidade con 3250 traballadores/as no conxunto do Estado, dos que 185 son galegos/as. No centro de traballo de Vigo, situado na rúa Couto, desenvolven o seu labor un total de 42 empregados/as, que decidiron sumarse á folga de xeito practicamente total. Unha parte deles/as concéntranse a diario diante da empresa dende o comezo do paro, mentres que unha representación acudirá este xoves a Madrid para participar nunha mobilización.

Volver