A folga indefinida na Xustiza galega arrinca cun seguimento do 90%

O persoal mobilizouse nos diferentes xulgados para visibilizar o conflito

Nacional -

A administración de Xustiza de Galiza encara dende este mércores 7 de febreiro unha convocatoria de folga indefinida para esixir a fin das discriminacións laborais que padece o persoal e a recuperación do emprego destruído nos últimos anos. A pesar dos abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta, a primeira xornada deste paro -que se suma ás tres xornadas de folga anteriores no sector- está tendo un seguimento de arredor do 90% no conxunto do país.

Non obstante, esa porcentaxe supérase en cidades como Vigo e Pontevedra, onde o 94% do persoal está secundando a folga, ou en Ourense, que rexistra un paro do 93,7%. De ía que a imaxe do día sexa a dos xulgados practicamente paralizados e centos de xuízos e procesos suspendidos.

Para dar máis visibilidade ao conflito, centos de traballadores e traballadoras participaron nas concentracións e mobilizacións que se realizaron nos xulgados das cidades ao berro de "Rueda escoita, a xustiza está en loita" e pedindo a dimisión do vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza.

Sen noticias da Consellaría

A pesar do seguimento masivo das xornada de folga, a Consellaría de Xustiza continúa sen establecer contacto coa representación dos traballadores e das traballadoras para sentar a negociar e tentar achegar posturas. "O  conselleiro e a Dirección Xeral limítanse a facer declaracións nos medios de comunicación, dispoñendo se fai falta de todos os recursos públicos ao seu alcance, para tentar confundir, desmobilizar e desacreditar o persoal de xustiza", denuncia o secretario do sector de Xustiza da CIG-Administración, Xesús H. Sánchez, 'Tuto'.

Para Sánchez isto demostra a nula vontade de diálogo da Consellaría, e non dubida en cualificar de "irresponsábel" a postura da administración galega. "Non é normal que nun conflito que está aberto dende hai tres meses, e diante da convocatoria dunha folga indefinida, dende a Xunta non se intente buscar a negociación até o último minuto".

Mais ben ao contrario, dende a folga do 25 de xaneiro só foi posíbel manter unha xuntanza coa Dirección Xeral logo de que o comité de folga solicitara por escrito manter un encontro, no que tamén pedía a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, xa que este foi o único ámbito no que se produciron avances.

Porén, a Consellaría negouse a aceptar a mediación e convocou unha xuntanza á que acudiu cunha oferta económica peor que a presentada anteriormente, pois non só non melloraba as contías, senón que atrasaba un ano a súa aplicación. Ao tempo, non se movía un ápice no resto das reivindicacións da plataforma sindical, rachando así aqueles puntos nos que se lograran certos entendementos (como a consolidación do emprego, a recuperación das prazas amortizadas ou as substitucións).

Neste senso, dende CIG-Xustiza lamentan que a Consellaría "minta descaradamente" nos medios de comunicación ao falar da proposta económica presentada á representación social, que ademais se contempla aplicar nun prazo de tres anos, mais non diga nada "sobre os 4.000€, que como mínimo, nos retiveron dende o 2013, que as traballadoras e traballadores de Galiza somos quen menos cobra mensualmente de todas as comunidades autónomas coas competencias transferidas, que sufrimos descontos nos períodos de IT que non se lles aplica a outro persoal dos xulgados (como a xuíces e xuízas, fiscais ou letrado/as), ou que non se pagan o 100% das substitucións".

Así as cousas, o persoal de xustiza continuará adiante coa convocatoria de folga indefinida e xa está a prepara un calendario de mobilizacións para as vindeiras semanas.

Volver