A hora da esquerda latinoamericana

Emir Sader - 25 Abr 2017

É hora de que a esquerda latinoamericana retome a iniciativa e a ofensiva. Os gobernos de Mauricio Macri e de Michel Temer revelan os proxectos que a dereita ten para os nosos países, condenándoos a retrocesos enormes, á depresión económica e ao desemprego

A esquerda latinoamericana protagonizou un período histórico fundamental neste século. Logrou avanzar contra a corrente das tendencias globais e con iso logrou diminuír a exclusión social, cando ese fenómeno non fai máis que aumentar noutras partes do mundo e noutros países do mesmo continente que non reaccionaron en contra do modelo neoliberal.

 Despois deses avances, os erros da mesma esquerda, máis o cambio da conxuntura internacional posibilitaron que a dereita se aproveitase para retomar a iniciativa, cambiar os termos dos enfrontamentos e frear os avances. Pasouse a un tempo en que a dereita liderou os procesos políticos nos países antineoliberais, logrando varios triunfos.

 A mesma esquerda acusou os golpes. Con desconcerto ao comezo, logo de anos de vitorias e avances, enseguida asumiu a actitude defensiva, quedando relegada a contestar os ataques da dereita. Esta concentrou os seus ataques en acusacións de corrupción, de uso do Estado para proveito propio, para financiar as súas actividades. Ao mesmo tempo, atacan o modelo económico, buscando deconstruír os éxitos logrados e espallar un sentimento de fracaso na poboación.

 Retomando a ofensiva, a dereita puxo a esquerda á defensiva, posición sempre incómoda, porque se contesta cos termos dados polo adversario. A esquerda pasou a ter que se defender das acusacións de corrupción, pasou a ter que retomar a defensa do seu modelo económico e dos efectos positivos que xerou de distribución de renda.

 Pero innegabelmente a esquerda perdeu o seu impulso inicial neste século, regalou campo ao inimigo, viuno enardecerse e mobilizar a sectores significativos das poboacións contra os gobernos que encarnaron os intereses populares. A dereita logrou crear, en sectores medios da poboación, pero tamén en sectores populares, resistencias fortes en contra dos gobernos populares e dos seus mesmos líderes.

 Nalgúns países os partidos de esquerda quedaron illados de grandes sectores da poboación, perderon contacto cos sentimentos populares e permitiron que a dereita ou gañase eleccións ou se fortalecese mesmo en camadas do pobo.

 Mais a dereita bate coa súa mesma incapacidade de construír proxectos que atendan a intereses da poboación. Despois de faceren promesas que non poden atender, cando chegan a gobernar, poñen en práctica os vellos modelos neoliberais, atentan abertamente en contra dos dereitos conquistados pola poboación, demostran que efectivamente gobernan para unha ínfima minoría da poboación, que son incapaces de retomar o crecemento económico e tampouco de garantir os dereitos da gran maioría.

 É hora de que a esquerda latinoamericana retome a iniciativa e a ofensiva. Os gobernos de Mauricio Macri e de Michel Temer revelan os proxectos que a dereita ten para os nosos países, condenándoos a retrocesos enormes, á depresión económica e ao desemprego. Os pobos brasileiro e arxentino mostran crecente rexeitamento a eses gobernos. O pobo ecuatoriano demostrou que non quere retroceder á era neoliberal.

 Mais para que a esquerda poida retomar a iniciativa e volver protagonizar unha nova vaga antineoliberal, é indispensábel que o pensamento crítico latinoamericano volva desempeñar un rol de articulación entre a reflexión teórica e a práctica política, contribuíndo de novo, de forma decisiva, a abrir un novo período político no continente, que será continuidade do que foi até o de agora, pero que ten que descifrar as novas condicións políticas externas e internas, así como corrixir os erros cometidos até aquí. Desa forma, a esquerda latinoamericana volverá retomar a iniciativa e a impulsar unha segunda vaga de gobernos posneoliberais en América Latina.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página 12, do 21 de abril de 2017]