A CIG defende a necesidade dun novo marco regulador da enerxía para a industria galega que sexa xusto, equitativo e estábel

Delegados/as da CIG-Industria mobilizáronse este luns na Delegación do Goberno na Coruña

A Coruña -

Delegados e delegadas da CIG-Industria concentráronse este luns diante da Delegación do Goberno na Coruña para rexeitar o sistema de poxa de interropibilidade, reclamar a aprobación dunha nova regulación máis xusta e equitativa e a creación dunha tarifa industrial estábel que favoreza o normal desenvolvemento e a planificación das industrias con grandes consumos de enerxía como Alcoa, Ferroatlántica, Celsa Atlantic ou Megasa.

A protesta coincide co inicio hoxe da poxa eléctrica para o ano 2018 que, a diferenza de anos anteriores, terá un período de vixencia de tan só cinco meses (do 1 de xaneiro ao 31 de maio), incrementando deste xeito as incertezas que marcan cada proceso dende que en 2013 o goberno español estabelecera un novo sistema para regular o servizo de xestión da demanda da interrompibilidade.

Neste senso,o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi 'Tupi', amosou a súa sorpresa pola aparente tranquilidade coa que as empresas afrontan esta poxa "o que pode ser indicativo de que o goberno xa ten pactado con algunhas compañías cal vai ser a solución a posteriori". Porén, aseverou, " está claro que non podemos estar continuamente nesta situación, este sistema non é a solución definitiva".

O secretario nacional da CIG-Industria lembrou que o actual procedemento de poxa pode provocar "que haxa empresas que queden sen magavatios para poder producir, levándoas a unha situación de total incerteza". Para evitar isto, dende a CIG demándase unha nova regulación, máis xusta e equitativa, e a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se podan acoller as industrias grandes consumidoras baixo o cumprimento dunha serie de requisitos. "E así llo trasladamos ao Presidente do Goberno español e ao Presidente da Xunta de Galiza no escrito que acabamos de rexistrar na propia Delegación", sinalou.

Redución do 30% das peaxes

Bouzas Aboi engadiu que este novo marco regulador podería vir da man da creación da tarifa eléctrica galega, que partiría dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico, seguindo o camiño de Euskadi onde xa contan cunha tarifa industrial máis baixa, que significa un aforro estimado nuns 50 millóns de euros/ano.

Esta era unha das propostas recollidas na Iniciativa Lexislativa Popular de Medidas para garantir a enerxía como servizo público para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza promovida pola CIG, e que o PP baleirou de contido, reconverténdoa nunha lei pola eficiencia enerxética.  

Porén, o PP rexeitou desenvolver para Galiza unha tarifa diferenciada por considerala "separatista", cando non tivo reparos en apoiar a creación da tarifa industrial vasca, nin para defender esa rebaixa tarifaria diante de Competencia da UE. O Partido Popular de Galiza, por unha banda destrúe na practica a ILP sobre medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética e, pola outra, non ten ningunha proposta para o subministro eléctrico á industria galega.

Beneficio para a industria e a poboación galega

A este respecto, Bouzas Aboi salientou que poder contármonos cunha tarifa propia beneficiaría o conxunto dos sectores produtivos galegos, que reducirían significativamente os custos en enerxía e polo tanto incrementarían a súa marxe de beneficios, "ao tempo que isto suporía un aliciente mesmo para a instalación de novas industriais e favorecer así o noso desenvolvemento económico".  

Pero ademais, "unha tarifa eléctrica galega máis baixa, beneficiaría globalmente a toda a poboación ao reducir o gasto das familias no consumo eléctrico", un dato especialmente relevante se temos en conta que na Galiza temos os salarios e as pensións máis baixas e un número cada vez maior de familias afectadas pola pobreza enerxética.

Demandas da CIG ao goberno español e galego

No escrito que a CIG rexistrou hoxe dirixido ao Goberno español e á Xunta de Galiza, solicítase, diante da necesidade que ten a industria galega dun novo marco regulador da enerxía:

1.    Derrogación do sistema de adxudicación de interrompibilidade aprobado polo Goberno español en novembro de 2013 e modificado agora para o ano 2018. Promover a aprobación dunha nova regulación máis xusta e equitativa, e a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se podan acoller os grandes consumidores baixo o cumprimento dunha serie de requisitos de consumo, potencia contratada e dispoñibilidade de interrupción do subministro se fora preciso para a xestión de demanda e prezos do sistema eléctrico.

2.    Participación da Xunta de Galiza, directamente ou a través de empresas mixtas, no aproveitamento público de todos os recursos enerxéticos, así como de todas as  instalacións de produción, distribución e transporte existentes en Galiza.

3.    Implantación dunha tarifa eléctrica máis baixa para Galiza, partindo dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico.

4.    Diversificación das fontes de enerxía e adopción de medidas que permitan o desenvolvemento das enerxías renovábeis.

5.    Plano de medidas para garantir o aceso á  enerxía como dereito universal de todas as persoas ao benestar social e para  erradicar a pobreza enerxética.

Volver