A Inspección de Traballo vén de constatar “conduta discriminatoria” de Mercadona contra persoas afiliadas e representantes da CIG polo exercicio da súa actividade sindical e propón unha sanción de 50.000 euros. Dende a central sindical denuncian, unha vez máis, o clima de represión e persecución sindical existente na empresa de alimentación.
A CIG-Servizos denuncia publicamente a situación de represión e persecución sindical existente en Mercadona, unha práctica que, segundo consta na acta da autoridade laboral, chegou a afectar directamente á valoración do “desempeño” e, polo tanto, ao dereito á percepción das primas económicas vinculadas a este concepto.
Mercadona estaría utilizando un sistema de valoración empresarial como mecanismo de presión e castigo contra quen exerce os seus dereitos sindicais
A actuación da Inspección resulta especialmente contundente ao concluír que Mercadona incorreu nunha conduta discriminatoria polo exercicio da actividade sindical, vulnerando a garantía establecida no artigo 17 do Estatuto dos Traballadores/as, feitos que son cualificados como infracción moi grave conforme ao artigo 8.12 da LISOS.
O caso analizado pola Inspección ten como protagonista unha delegada da CIG no establecemento de Mercadona na avenida de Madrid, en Vigo. A traballadora non superou a entrevista de valoración correspondente ao ano 2024, o que lle impediu acceder á prima por obxectivos e permanencia.
Porén, a investigación inspectora constata que, durante a entrevista, as reprobacións realizadas pola responsábel do centro non estaban relacionadas con incumprimentos profesionais, senón fundamentalmente coa actividade sindical desenvolvida pola traballadora como delegada da CIG. De feito, entre os feitos cuestionados pola responsábel atópanse o uso do crédito horario sindical e a participación da delegada en mobilizacións e concentracións sindicais.
A propia acta recolle que a coordinadora chegou a vincular expresamente a valoración negativa cos “actos de acción sindical” da afectada, cuestionando a súa actividade como representante da CIG. Para o responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, estes feitos evidencian unha cuestión de extrema gravidade: Mercadona estaría utilizando un sistema de valoración empresarial como mecanismo de presión e castigo contra quen exerce os seus dereitos sindicais.
Prima como instrumento de discriminación
A Inspección explica que a chamada ‘Prima xeral por obxectivos e permanencia’ está vinculada á superación da entrevista de valoración. No caso analizado, a traballadora podía percibir unha contía equivalente a tres mensualidades do seu salario, atendendo á súa antigüidade na empresa. A propia autoridade laboral sinala que a empregada viu vulnerado o seu dereito á percepción da prima por unha contía correspondente a tres mensualidades, ademais de verse ameazada a continuidade da súa actividade sindical.
Verónica Pérez, delegada da CIG en Mercadona na provincia de Pontevedra, considera especialmente grave que unha ferramenta destinada teoricamente a avaliar o desempeño profesional poida ser utilizada para penalizar a unha persoa traballadora polo exercicio dos seus dereitos fundamentais. “Ser delegada ou delegado sindical non pode converterse nun motivo para perder salario. Participar nunha mobilización, utilizar as horas sindicais legalmente recoñecidas ou defender os dereitos do persoal non pode ser considerado un incumprimento laboral”, sinala.
Participar nunha mobilización, utilizar as horas sindicais legalmente recoñecidas ou defender os dereitos do persoal non pode ser considerado un incumprimento laboral
A investigación inspectora tamén pon de manifesto importantes deficiencias no propio sistema utilizado por Mercadona para determinar o acceso ás primas. No caso analizado, a empresa non puido concretar os indicadores de rendemento que determinaban o cumprimento dun dos principais parámetros da valoración, denominado ‘Modelo Mercadona’. A Inspección sinala ademais que determinados aspectos da valoración negativa eran xenéricos e non estaban suficientemente motivados.
A acta tamén recolle que existe unha importante marxe de discrecionalidade na valoración das persoas traballadoras, susceptíbel de ser utilizada para reprimir condutas que non sexan do agrado da empresa ou das persoas responsábeis da avaliación. “Un sistema retributivo non pode quedar ao arbitrio dunha valoración subxectiva que permita premiar ou castigar as persoas traballadoras en función da súa actividade sindical”.
A Inspección de Traballo sinala que a delegada da CIG tampouco superou a entrevista de valoración correspondente ao ano 2025 e fai constar que o mesmo sucedeu co resto dos delegados do sindicato. Ademais, na acta figura que a traballadora foi despedida disciplinariamente o 13 de marzo de 2026, e que durante 2025 tamén foran despedidos outros tres delegados de persoal da CIG.
Na central consideran que estes datos deben ser investigados en profundidade para determinar se existe un patrón de actuación empresarial contra as persoas que exercen a representación sindical da CIG. “Non estamos, polo tanto, ante un conflito individual nin ante unha simple discrepancia sobre unha prima. Estamos ante a necesidade de garantir que ningunha persoa traballadora sexa penalizada, discriminada ou represaliada por defender os dereitos colectivos”.
Proposta de sanción de 50.000 euros
Como consecuencia dos feitos constatados, a autoridade laboral propón para Mercadona unha sanción de 50.000 euros, tendo en conta, entre outros factores, a intencionalidade apreciada na conduta discriminatoria e o prexuízo causado á traballadora. A proposta inclúe tamén a perda automática das axudas, bonificacións e beneficios derivados dos programas de emprego, na proporción correspondente ás persoas afectadas pola infracción.
Dende a central salientan que esta actuación inspectora supón un importante recoñecemento da gravidade da situación denunciada e reclaman que se adopten todas as medidas necesarias para garantir o respecto á liberdade sindical nos centros de traballo de Mercadona.
A CIG-Servizos e a sección sindical da CIG en Mercadona esixen:
- O cesamento inmediato de calquera práctica discriminatoria ou represiva contra as persoas afiliadas e representantes da CIG.
- A garantía efectiva do dereito á liberdade sindical e do exercicio da representación das persoas traballadoras.
- Que ningún sistema de valoración, prima ou incentivo sexa utilizado para penalizar directa ou indirectamente a actividade sindical.
- O recoñecemento dos dereitos económicos das persoas traballadoras afectadas pola discriminación.
- A revisión das valoracións e decisións empresariais que puidesen estar condicionadas pola actividade sindical.
- O respecto efectivo ao crédito horario e ao conxunto dos dereitos recoñecidos á representación legal das persoas traballadoras.
- A apertura dun proceso de interlocución real coa CIG para abordar estas situacións.
- O cese inmediato de calquera responsábel que exerza conductas contrarias á lei.
“Queremos deixar claro que non imos aceptar que Mercadona pretenda converter as primas por obxectivos, así como a semana de vacacións adicional que non regula o convenio colectivo, nun mecanismo de control da actividade sindical. Porque defender os dereitos das persoas traballadoras non pode ser motivo de castigo, discriminación nin perda salarial”.
Finalmente lembran que a liberdade sindical é un dereito fundamental, ao tempo que adiantan que continuarán utilizando todas as vías legais e sindicais para defendelo e para impedir calquera forma de persecución contra quen exerce a representación das persoas traballadoras.