A Inspección de Traballo confirma incumprimentos graves nos vestiarios do persoal condutor de TRALUSA

Obriga á empresa do Grupo Monbus, que xestiona o transporte urbano de Compostela, a garantir, no prazo de dous meses, instalacións axeitadas e suficientes para o persoal condutor, tendo en conta o número de traballadores e traballadoras por quenda
Compostela - 25 Set 2026

A Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social da Coruña vén de constatar incumprimentos graves en materia de prevención de riscos laborais e de igualdade nos vestiarios e aseos destinados ao persoal condutor de TRALUSA no recinto feiral de Amio, en Santiago de Compostela.

Segundo o informe, no centro prestan servizo arredor de 120 persoas de TRALUSA, distribuídas en quendas de mañá e tarde, con aproximadamente 60 persoas por quenda. A Inspección comprobou que o persoal condutor ten que utilizar exclusivamente un espazo minúsculo que conta con arredor de 100 taquillas, dous inodoros e dous lavabos, sen duchas nin lugares para sentarse, resultando as instalacións «manifestamente insuficientes» para o volume de persoal que coincide en cada quenda.

A Inspección lembra que a normativa obriga a que os vestiarios e aseos dispoñan dunha dotación suficiente e adecuada ao número de persoas traballadoras que os utilizan simultaneamente, incluíndo asentos, taquillas, lavabos e, cando corresponda, duchas e inodoros suficientes. Ademais, deben garantir a separación ou utilización por separado por parte de mulleres e homes.

A respecto disto, Maica Dono, presidenta do comité de empresa e negociadora do Plan de Igualdade, sinala que “a empresa nunca quixo cumprir coa obriga de poñer baños axeitados para as mulleres, que só contaban con váter sen tapa e asento e con deterxente como xabón de mans”.

Para Dono “o desprezo polas traballadoras é total. Só querían o Plan de Igualdade porque llo exixen para poder presentarse aos concursos públicos. Logo de máis dun ano de incumprimento tivemos que recorrer a Inspección de Traballo, que agora nos dá a razón.”

O informe sinala tamén que o Plan de Igualdade que a propia empresa asinara xa contemplaba desde 2024 a adecuación dos vestiarios e aseos aos criterios do INSST, incluíndo unha medida transitoria para acondicionar parte dos baños do taller e dotar dun baño específico para mulleres.

Instalacións axeitadas e suficientes

Ante os feitos constatados, a Inspección require á empresa que adopte as medidas necesarias para garantir unhas instalacións axeitadas e suficientes para o persoal condutor, tendo en conta o número de traballadores e traballadoras que coinciden en cada quenda. O cálculo deberá incluír non só o persoal de TRALUSA, senón tamén o doutras empresas do grupo ou empresas concorrentes que compartan estas instalacións.

A empresa dispón dun prazo de dous meses desde a recepción do escrito para acreditar o cumprimento do requirimento mediante un informe do servizo de prevención que detalle os vestiarios e aseos dispoñibles, a súa dotación e dimensións e as instrucións de uso.

A presidenta do comité subliña que “dado que agora hai un cambio de concesión e se teñen que facer novas instalacións, a empresa, que segue a ser do Grupo Monbus, debe contar coas persoas traballadoras e a súa representación antes de comezar as obras para evitar novos abusos como os que levamos anos sufrindo e que agora Inspección constata e polos que a empresa será sancionada.” E sinala igualmente que darán traslado da acta ao Concello de Santiago.

A propia Inspección advirte finalmente de que os feitos constatados constitúen incumprimentos graves en materia de plans de igualdade e de prevención de riscos laborais.

Neste sentido, Pavón indica que a empresa xa fora sancionada pola inspección “polo mal estado e a falta de mantemento dos vehículos, que é a principal ferramenta de traballo do persoal condutor, obrigándoa a retirar da circulación os que non contaban con aire acondicionado e  a reparar todos os que estaban en mal estado”.

Pavón conclúe denunciando que, ademais de ser “un pésimo servizo por parte de Monbus para as usuarias e usuarios representa un risco par o persoal condutor que realiza toda a súa xornada conducindo estes autobuses”.