A Inspección de Traballo insta a Amtega de Ourense a corrixir as deficiencias nas súas instalacións

A CIG presentara unha denuncia por incumprimento da normativa en prevención de riscos laborais

Ourense -

A Inspección de Traballo e Ourense vén de emitir unha resolución na que insta a delegación provincial da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (Amtega) a corrixir as numerosas deficiencias detectadas nas súas instalacións. A CIG presentara unha denuncia por incumprimento da normativa en prevención de riscos laborais despois de que o departamento autonómico se negase a aplicar as medidas contempladas no plan de acción nesta materia.

Segundo explican dende o sector de Autonómica da CIG-Administración, a central presentou a denuncia o pasado 16 de febreiro, e seis días despois a autoridade laboral acudiu ao centro de traballo da Amtega en Ourense. Agora vén de emitir unha resolución na que insta os seus responsábeis a solucionar as deficiencias atopadas no prazo máximo de dous meses.

En concreto, a Inspección de Traballo pronunciase a respecto das seguintes cuestións:

-Espazo de traballo: As dimensións dos locais de traballo deberán permitir que os traballadores/as realicen as súas tarefas sen riscos para a seguridade e saúde e en condicións ergonómicas aceptables. Deberán gardarse distancias de separación suficientes entre os elementos materiais que lles permitan desenvolver comodamente o seu traballo. O espazo destinado ao posto de traballo deberá ter unhas dimensións idóneas e facilitar a mobilidade do usuario/a. Retiráranse caixas e equipos das zonas de paso e non se realizarán almacenamentos en áreas non habilitadas para tal efecto.

-Iluminación: A distribución dos niveis de iluminación será o máis uniforme posible. Manteranse uns niveis de iluminación acomodados ás esixencias visuais das tarefas que se desenvolvan, evitando que se produzan variacións bruscas da iluminación dentro da zona de traballo e entre esta e os seus arredores. Revisaranse as luminarias artificiais, repondo as que se atopen avariadas.

-Ruído: Realizarase unha medición dos niveis de ruído nos postos de traballo; de acordo aos resultados desta medición tomaranse as medidas preventivas pertinentes.

-Medios de extinción: Debido á cantidade de equipos electrónicos existentes, recoméndase reforzar os medios de extinción coa incorporación doutro equipo con axente extintor CO2.

-Exposición a produtos químicos: tóner. Solicitaranse ao subministrador/a as fichas de datos de seguridade do tóner, póndoas a disposición dos traballadores/as, e instándoos/as a seguir as indicacións de seguridade. Dotarase aos traballadores/as dos equipos de protección individual indicados nas fichas de datos de seguridade. Formaráselles e informaráselles sobre o uso de equipos de protección individual.

Finalmente, dende a CIG denuncian que neste centro de traballo non se respectan as medidas preventivas mínimas que garantan a seguridade, a saúde e a propia vida tanto dos empregados/as como das persoas usuarias/as. “Non porque o digamos nós, senón que xa o dixera a técnica de prevención de Mugatra no Plan de Acción de 2016, e agora confírmao a Inspección de Traballo, conclúen.

Volver