Non, segue sendo non! A loita contra os ataques de Extel non rematou

A Sección Sindical da CIG impugnará o ERE porque non hai causas e ante a sospeita de novos recortes laborais

A Coruña -

A Sección Sindical da CIG en Extel entende que hai que seguir na loita "ante os constantes ataques da empresa aos postos de traballo nesta plataforma". Neste senso, aclaran que a central vai impugnar o ERE, porque en ningún caso a voluntariedade das baixas valida a falta de causas e ante o temor de que a empresa pretenda presentar unha modificación substancial das condicións laborais.

A voluntariedade das baixas non valida a falta de causas para o ERE

A semana pasada a CIG solicitou unha reunión do Comité de empresa para propor ao resto de seccións sindicais a convocatoria dunha asemblea de traballadores/as para decidir novas accións e de cara a seguir dando unha resposta unitaria contra o ERE na rúa e no xulgado. Porén esta proposta foi rexeitada polas seccións sindicais presentes.

Así as cousas, a CIG vai recorrer o ERE ao entender que as causas de nulidade non poden verse validadas polo feito de que a empresa acadara os despedimentos pola vía das baixas voluntarias. E así o trasladou na reunión que tivo lugar o pasado martes na Inspección de Traballo en Madrid con todos os sindicatos presentes na mesa negociadora e a representación empresarial.

A empresa está perdendo chamadas de maneira intencionada

 Ademais, este recurso ao ERE faise ante o temor de que a empresa poida presentar un expediente de modificación substancial das condicións de traballo, tal e como vén de suceder en Atento.

Neste senso, a Sección Sindical denuncia que dende o 4 de novembro non entran chamadas na plataforma da Coruña, pero sábese que o tempo de espera de atención aos clientes supera a hora. É dicir, estanse perdendo chamadas de maneira intencionada, algo que fai sospeitar que a empresa prepara o terreo para unha posíbel modificación das condicións laborais.

A CIG entende que hai que seguir en loita ante os constantes ataques da empresa aos postos de traballo nesta plataforma.


Volver