A loita das delegadas de Povisa recibe o Premio 8 de Marzo e a das traballadoras de Regaki unha mención especial

Margarida Corral, secretaria das Mulleres da CIG denuncia a precariedade laboral das galegas, con contratos temporais, inestabilidade e salarios, en moitos casos, por baixo da liña da pobreza

Compostela -

A loita protagonizada polas delegadas da CIG no comité de POVISA, que participaron en diversas mobilizacións no interior da policlínica, convocaron manifestacións na cidade de Vigo, e concentracións diante da Xunta, así como unha longa e dura folga de fame en repulsa a 13 despedimentos e ás chantaxes e coaccións por parte da dirección do Hospital, para lograr un convenio colectivo digno e en defensa dunha sanidade de calidade, foi recoñecida pola CIG co Premio “8 de Marzo”.

Galería de imaxes

Xunto a elas, recibiron unha mención especial pola súa loita durante os anos 2014 e 2015, en demanda dos seus salarios e en denuncia da complicidade da administración no desmantelamento da empresa, as traballadoras da Rede Galega de Kioskos (REGAKI). Unha empresa Xestionada pola firma COGAMI e GES (Galega de Economía Social), que pese a recibir multitude de cartos públicos en subvencións, disolveuse sen pagar ningunha nómina nin indemnización ás 95 persoas do seu cadro de persoal, todas elas con enfermidades crónicas ou diversidade funcional, tendo que facerse cargo o FOGASA dos seus salarios.

Ambos os recoñecementos foron entregados pola secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral quen, diante de casos como este, denunciou que “a precariedade é a mellor definición da situación sociolaboral que atravesan as galegas, con contratos temporais, traxectorias laborais inestábeis, con moita rotación laboral e con salarios, en moitos casos, por baixo da liña da pobreza”. Unha situación que explica que o lema escollido para conmemorar este 8 de Marzo sexa o de “Precarias”.

Precarias

Corral explicou ademais as razóns polas que a CIG acordou centrar as mobilizacións, baixo este lema, nas tendas do grupo INDITEX. “Unha escolla que non é casual, dado que a meirande parte do seu persoal son mulleres, con contratos a tempo parcial, que traballan a un elevado ritmo de traballo, salarios baixos, ás cales se lles dificulta a conciliación, mentres as empresas conseguen millonarios beneficios a costa da explotación das traballadoras”, sinalou.

Denunciou que nestas condicións están tamén as traballadoras de venda, ás cales se lles esixe ademais, ter boa presenza “as probas de selección son case certames de beleza”, matizou, e “sofren discriminacións por razón de idade (a media de idade é de 28 anos e agochan ás de máis de 40 nos almacéns, ou prexubilan ás mulleres de máis de 50 anos)”, engadiu.

Xunto a estas lembrou tamén as traballadoras dos centros loxísticos, que teñen que facer horas extras para poder sacar nunha xornada de traballo a cantidade de prendas marcadas polos ritmos da robotización e aquelas que sofren a explotación laboral no resto de países onde o grupo ten as súas tendas, mais tamén nas fábricas de confección da roupa, deslocalizadas nos países máis pobres.

“Estas empresas abandonaron hai xa moitos anos o uso de cooperativas instaladas en Galiza, para facer uso de proveedores externos que subcontratan a produción a talleres que en moitos casos incumpren a lexislación do país no que están ubicados, tal e como versan multitude de denuncias sobre explotación das traballadoras, en réxime de semiescravitude, e mesmo de explotación infantil (en Marrocos traballaban 65 horas de costura á semana por un salario de 178 euros ao mes)”, denunciou.

Explicou que estamos ante o que se chama “moda de usar e tirar”. Un modelo de negocio que cualificou de “non sostíbel” e que, explicou, se basea na venda e consumo de roupa con menor tempo de vida útil, producións máis curtas e prazos de entrega tamén máis pequenos. “Isto significa para as consumidoras roupa de peor calidade que hai que renovar cada temporada; para as persoas que as confeccionan salarios de miseria, xornadas interminábeis, precariedade, medo e enfermidades, e para o medio ambiente produtos químicos sen control que son verquidos aos ríos onde se confecciona, e que logo de lavala nas nosas casas volta de novo ao mar e aos ríos”.

A secretaria das Mulleres da CIG chamou a atención sobre o paradoxo das “traballadoras en precario” que “traballan para outras mulleres precarizadas”.

Conflitos de 2015

Corral fixo ademais un percorrido pola multitude de mobilizacións e concentracións convocadas pola CIG durante o ano 2015, na defensa dos servizos públicos -cuxo deterioro afecta especialmente ás mulleres-, e en conflitos máis específicos, relacionados coa situación de desigualdade no mercado de traballo que padecen as traballadoras galegas e en rexeitamento “da opresión que sufrimos polo feito de sermos mulleres, e de pertencermos a unha nación asoballada e espoliada como é Galiza”.

Así lembrou as denuncias por discriminación salarial e menores oportunidades das traballadoras de ABANCA; os despedimentos e as regulacións de emprego por mor das deslocalizacións, a rebaixa das condicións laborais, e o acoso laboral de boa parte das traballadoras galegas do sector do telemarqueting; os recursos á vía xudicial para poder gozar dos dereitos relacionados coa conciliación da vida familiar, persoal e laboral, por ser vítimas de acoso sexual e laboral e mesmo vitimización secundaria por descontar salarialmente as ausencias para acudir á consulta de especialistas en situacións derivadas de ser vítimas de violencia machista; os incumprimentos das mutuas nas denegacións das prestacións por risco no embarazo ou na lactación, co consecuente efecto sobre a saúde e a contía e protección das prestacións das traballadoras.

Sinalou tamén que malia a retirada da regresiva reforma da Lei do Aborto e a conseguinte dimisión de Gallardón como ministro de Xustiza, “o Partido Popular conseguiu modificar a lei, exixindo o consentimento paterno/materno ás mozas de 16 e 17 anos, para someterse a unha interrupción do embarazo”. A este respecto lembrou as moitas xornadas de loita na rúa “a prol dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, demandando a súa retirada, esixindo o aborto libre e atendido por especialistas na rede sanitaria pública galega”. A este respecto subliñou as denuncias que se sucederon no primeiro trimestre deste ano de mulleres que tiveron que abortar soas nun hospital, sen asistencia sanitaria, ou ben foron derivadas a clínicas concertadas a Madrid, por mor da obxección de conciencia e considerou que “o dereito ao aborto digno é unha loita vixente e inconclusa”.

Denunciou tamén as consecuencias que o TTIP, para o país, para a clase traballadora en xeral, e para as mulleres en particular.

Margarida Corral quixo facer unha especial mención a todas as vítimas de violencia machista que foron asasinadas en Galiza durante o ano 2015. “Por elas participamos en manifestacións, performance e concentracións, colocamos nos locais da CIG na súa memoria siluetas, como símbolo de denuncia e rexeitamento á violencia patriarcal que é o feminicidio”.

Volver