O persoal de Maderas Iglesias logra manter 200 empregos coa súa loita

O comité pacta un ERE que só afectará a 34 persoas e insta a Xunta a garantir a viabilidade da empresa

O Porriño -

O loita incansábel do cadro persoal de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa nunha situación económica crítica, logrou finalmente o mantemento de 200 postos de traballo, xa que a dirección accedeu hoxe a aplicar un ERE extintivo que só afectará a 34 persoas, cando a súa pretensión inicial era despedir 150. Agora a representación das empregadas/os insta a Xunta a cumprir o seu compromiso de mediar na busca investimentos que garantan a viabilidade da compañía.

A determinación e a unidade amosada polas/os 234 traballadoras/es de Maderas Iglesias na defensa dos seus empregos fixo que a dirección aceptase reducir a súa pretensión de aplicarlle un ERE extintivo a 150 delas/es, cifra que tras as primeiras negociacións baixou até as 80 e que finalmente quedou en 34. Ademais, tal e como explican dende o comité (CIG, CCOO e UGT), todas as baixas son voluntarias.

O acordo produciuse hoxe no marco das tensas negociacións que se celebraron baixo a mediación da Inspección de Traballo. En total tiveron lugar cinco xuntanzas dende que se presentou o ERE hai un mes, as dúas últimas baixo a supervisión da autoridade laboral.

Compromiso da Xunta

Dende o comité agardan que a Xunta “saiba aproveitar” o acordo asinado entre as traballadoras/es e a empresa, xa que entenden que se trata dun primeiro paso para que a compañía “poida ter futuro” e siga a ser “un referente” no sector. “A partir de agora a Administración ten que cumprir o seu compromiso de mediar na busca de investimentos que garantan a viabilidade de Maderas Iglesias e o mantemento dos 200 empregos, a maioría ocupados por mulleres”.

Volver