A mobilización do persoal logra que Arriva asuma a 6 dos traballadores non subrogados por Morán

A CIG continuará traballando para garantir o emprego a todo o persoal

Ribadeo -

Logo de meses de mobilizacións, o pasado 22 de decembro formalizábase un acordo entre a empresa Arriva Noroeste e as centrais sindicais CIG e UGT polo que seis dos traballadores non subrogados volverán traballar nesta empresa. Este persoal forma parte do grupo de nove traballadores/as que a UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez se negou a subrogar o 8 de agosto, cando se fixo co contrato da liña de autobús Viveiro-Ribadeo.

As mobilizacións continuadas dos traballadores e as xestións realizadas coa empresa conseguiron avanzar unha saída positiva para este persoal, que dende o mes de agosto estaba nunha situación de absoluto abandono. Porén, dende a FGAMT-CIG subliñan que o conflito non rematou, xa que hai tres compañeiros que continúan no desemprego, polo que "dende esta central sindical continuaremos loitando até que se garantan as condicións de emprego ao persoal que non asume Arriva".

A este respecto, dende a Federación da CIG engaden que parte do persoal afectado pola non subrogación pode atopar unha solución a través da loita sindical, "parece obvio que a Xunta de Galiza podería ter maiores garantías na solución definitiva para a contratación dos tres traballadores restantes". Para a FGAMT-CIG "a carga de traballo extra" que a administración galega está a dar a Autos Morán nestas datas "debera ser suficiente para animar a completar este crebacabezas.

Mais a cobiza do empresario de Mondoñedo semella non ter fin, algo ao que está a axudarlle moito a Xunta", denuncian. De feito, a central censura que a Consellaría de Infraestruturas estea desaparecida neste conflito, sen querer recibir ao persoal afectado nin darlles explicacións.

Dende a CIG, na actual situación de incumprimentos, enténdese que a Xunta "debe rescatarlle a concesión de xeito inmediato á UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez se non garante os postos de traballo que fican pendentes de solución, e que no seu día estaban “blindados” pola propia conselleira".

Volver