A mobilización social consegue evitar a segregación e venda das centrais hidroeléctricas

Augas de Galiza comunica a denegación da petición presentada por Ferroatlántica

Cee -

Este mesmo mércores, o Comité de Ferroatlántica recibía comunicación de parte do Conselleiro de Industria informando da resposta negativa de Augas de Galiza á petición de segregación de actividades formulada pola empresa. Esta noticia vén dar á razón aos argumentos defendidos polos traballadores e traballadoras que, dende hai dez meses, están desenvolvendo unha loita histórica contra a espoliación dos nosos recursos, en defensa dos empregos e o futuro da comarca.

A negativa de Augas de Galiza confirma que as pretensións do Grupo Villar Mir son ilegais, por máis que a empresa buscara lexitimar social e xuridicamente esta operación, recorrendo mesmo a prácticas de tipo mafioso. Non é posíbel, e así o defendemos dende o primeiro momento, desvincular a  produción enerxética da produción de ferroaliaxes, pois esta unidade é a única garantía do interese público: do mantemento dos empregos, da industrialización da comarca e da actividade nas factorías de Cee e Dumbría.

Unha loita na que o Comité de empresa e a CIG, tras a entrega de UGT e CCOO aos postulados da empresa, conseguiu involucrar a toda a Costa da Morte, pois o que está en xogo é o futuro da comarca. Para a historia quedan as multitudinarias manifestacións do 10 de marzo en Cee e do pasado 8 de xullo en Santiago de Compostela, nas que miles de veciños e veciñas amosaron con rotundidade o rexeito á segregación e venda das nosas centrais.

Á espera de coñecer os pormenores da resolución de Augas de Galiza, o Comité non pode deixar de lamentar a demora na resposta da Xunta, nunha cuestión na que a legalidade era ben clara, prorrogando innecesariamente a inquedanza e a preocupación dos traballadores e traballadoras.

Doutra banda, tamén esperamos que esta resolución denegatoria aclare definitivamente que non existe marco legal para que a empresa poida levar adiante a segregación de actividades. Agardamos que a resolución sexa precisa neste sentido para que non se volva repetir unha situación similar no futuro.

Volver