A nova ultradereita e a rebelión das masas conspiranoicas

Ignacio Ramonet - 17 Xan 2023

O desconcerto actual do capitalismo neoliberal sumado á turbación que provoca a aceleración desbocada das tecnoloxías da comunicación están a abrir un período sen precedentes de inestabilidade social, de extrema polarización e de gran confusión política

 Dicía Lula o pasado domingo 8 de xaneiro, cando aínda as turbas extremistas dos revoltosos bolsonaristas seguían ocupando e rebentando as tres sedes do poder en Brasília, que «nunca a esquerda tomou por asalto as sedes do Congreso, do Tribunal Supremo e da Presidencia», nin sequera cando el mesmo perdeu, en circunstancias discutíbeis, varias eleccións presidenciais (1989, 1994, 1998), ou cando o encarceraron con falsos pretextos para impedir que se presentase ás eleccións de 2018...

 Con esa declaración, o novo presidente de Brasil e líder máximo do Partido dos Trabalhadores subliñaba o carácter disciplinado e democrático das masas da esquerda e, sobre todo, o sentido de responsabilidade dos líderes da esquerda que, en sistemas democráticos, nunca chamaron á lexión dos seus partidarios a tomar por asalto o poder.

 Na historia da esquerda mundial iso non sempre foi así. Abonda con lembrar dous asaltos fundadores levados a cabo polas masas populares sublevadas durante as dúas principais revolucións da historia: a toma da Bastilla (1789) na revolución francesa, e o asalto ao Palacio de inverno (1917) na revolución rusa.

 Abofé, en ambos os casos tratábase de insurreccións populares contra poderes autocráticos: o do rei Luís XVI en Francia, e o do tsar Nicolás II en Rusia. Non contra réximes democráticos. Por conseguinte, Lula ten razón.

 Mais outra observación que se podería facer é que tampouco, nunca, masas de sediciosos de ultradereita se lanzaron ao asalto insurreccional do poder. Até o de agora a extrema dereita tomaba o poder mediante golpes de estado directamente realizados polas forzas armadas ou por un partido extremista de tipo paramilitar (como os fascistas de Benito Mussolini en Italia en 1922 ou os nacional-socialistas de Adolfo Hitler en Alemaña en 1933) apoiados polas forzas armadas.

 O novo -como ocorreu en particular o 6 de xaneiro de 2021 en Washington co asalto ao Capitolio, e o 8 de xaneiro de 2023 en Brasília co asalto ás sedes do Tres Poderes-, é que agora a nova ultradereita é capaz de organizar insurreccións populares como ferramenta golpista para a conquista do poder.

 Ou sexa, é coma se, de súpeto, a rebeldía se volvese de dereitas(1)... Que ocorreu para que algo semellante fose posíbel? É o que tentei explicar no meu recente libro «A era do conspiracionismo»(2). Unha era na que as redes sociais exercen unha influencia mental e psicolóxica como nunca antes a tiveron a prensa, a radio, o cinema ou a televisión. No novo universo dos memes e da posverdade é cada vez máis difícil distinguir o certo do falso, a realidade da ficción, o auténtico do manipulado, o seguro do probábel, o cómico do serio, o obxectivo do subxectivo, o bo do malo, o verdadeiro do dubidoso... Este flaxelo das falsidades en liña favorece a difusión de teorías conspiracionistas delirantes. O cal está erosionando a pasos axigantados os alicerces da democracia.

 O que está a ocorrer é semellante, en certa medida, ao que Sigmund Freud chamou, en 1930, o malestar na cultura(3). No fondo, o asalto dos trumpistas ao Capitolio de Washington e o ataque dos bolsonaristas contra as sedes do Tres Poderes en Brasília constitúen os exemplos máis elocuentes e significativos do malestar actual da nosa civilización baseada, en principio, nos valores democráticos pero tamén nas tecnociencias, a razón e o progreso... que tamén están en crise.

 O desconcerto actual do capitalismo neoliberal sumado á turbación que provoca a aceleración desbocada das tecnoloxías da comunicación están a abrir un período sen precedentes de inestabilidade social, de extrema polarización e de gran confusión política. A desconfianza no sistema dominante non cesa de se estender. Nos Estados Unidos, diversas investigacións sociolóxicas recentes revelan que máis do 25% dos cidadáns están dispostos a renunciar á democracia en favor dun líder dominador que «faga o que hai que facer»... Estímase que polo menos o 50% dos votantes republicanos aceptaría un réxime autoritario, non democrático... E en Brasil, apenas o 20% dos cidadáns acredita que a democracia pode resolver os problemas do país...

 Moita xente, mesmo desde a dereita(4) (que é o novo), está a buscar alternativas antisistema. E todos estes procesos se viron intensificados estes dous últimos anos pola pandemia mundial da Covid. O ataque ao Capitolio de Washington e o asalto ao Tres Poderes de Brasília inscríbense neste clima de época marcado tamén pola polarización extrema, a intolerancia social, os discursos de odio, as obsesións complotistas e a violencia discursiva.

 Como escribe o politólogo arxentino José Natanson: «Moitas cousas teñen que pasar para que unha cousa semellante aconteza(5)», aínda que a relación entre un clima social e un episodio criminal nunca é automática nin lineal. Porque non existe determinismo sociolóxico absoluto, e porque o contexto socio-económico nunca determina completamente. Pero non hai dúbida de que crea a atmosfera e o ambiente que permiten explicar e dar sentido ás accións dos axentes sociais. Neste caso, os delirios paranoicos verbais de Trump e de Bolsonaro, as súas mentiras constantes, as súas tolerías conspiranoicas aceleraron un fenómeno político moi contemporáneo: a polarización social extrema, o aumento da intolerancia, o auxe da confrontación violenta e a invocación do odio como discurso dominante. Por iso masas populares son agora seducidas polo discurso da ultradereita racista que destrúe a súa conciencia de clase. A contraposición entre a identidade étnica e a clase social é interesada e absurda. Mais, no medio de tanta confusión, produce efectos e eses efectos producen á súa vez algo novo: masas contestatarias de ultradereita, que lle arrebatan a rúa e a épica da insurrección á propia esquerda.

 Por iso consideramos que o asalto ao Capitolio aquel 6 de xaneiro de 2021 en Washington constitúe un punto de inflexión, un fito, unha liña divisoria na historia da democracia. Hai agora un antes e un despois desa data no estudo das patoloxías contemporáneas do sistema democrático(6). Aínda que tamén é certo que ese asalto non foi o primeiro dos recentes ataques contra edificios-símbolos nas grandes democracias occidentais, sendo o de Brasília o máis recente.

 A serie de asaltos empezou quizais en París (Francia) o 1 de decembro de 2018, durante a terceira xornada dun vaga de protestas sociais contra a suba do prezo dos carburantes. Nesa ocasión, no corazón da capital francesa, enfrontáronse a pedradas, contra as forzas da orde, varios centenares de «chalecos amarelos», un grupo social moi heteroxéneo no que se mesturaban traballadores indignados, sindicalistas furiosos, elementos de ultradereita, complotistas profesionais e provocadores infiltrados. Ese día, os contestatarios antisistema tentaron nun primeiro momento atacar o palacio do Elíseo, sede da presidencia da República. Pero foron repelidos con canóns de auga e gases lacrimóxenos polos axentes antidisturbios das Compañías republicanas de seguridade (CRS). Mentres, outros «chalecos amarelos» máis radicais -algúns encarapuchados- lanzábanse ao asalto doutro dos edificios-símbolos máis sacros do Estado francés: o Arco do Triunfo, construído por Napoleón e situado no alto dos Campos Elíseos, baixo cuxa bóveda que está a tumba do Soldado Descoñecido. Mentres se abrían paso entre escaramuzas cara a ese monumento, os manifestantes rebentaron unha chea de escaparates e prendéronlles lume a ducias de vehículos. Nunha atmosfera fumarenta de caos, berros e desorde, os «chalecos» incendiaron mesmo algúns dos palacetes que circundan a praza de l’Etoile... Derrubaron as barreiras de protección... Enfrontáronse ás forzas da orde. No medio dunha feroz batalla campal, estas retrocederon en tanto os insurrectos conseguían invadir a praza, asaltar e ocupar o Arco de Triunfo... Saquearon en parte o monumento...

 Esnaquizaron unha venerada estatua de Marianne, unha das alegorías da República Francesa... Axitando bandeiras de vitoria, os antisistema alcanzaron a azotea desde onde se domina todo París. Finalmente, recubriron o monumento sacro con ducias de revindicativos grafitis: «Macron, renuncia!», «Os chalecos amarelos triunfarán!»

 Esas imaxes deron a volta ao planeta, ante a estupefacción universal. Durante uns instantes, unha das grandes democracias do mundo deu a impresión de estar abaneando, de estar á mercé dun grupo numeroso e decidido de insurrectos violentos...

 Dous anos máis tarde, un novo ataque tivo lugar contra outro edificio tamén moi simbólico. Ocorreu o sábado 29 de agosto de 2020, en Berlín (Alemaña), en plena epidemia da Covid-19. Ese día, un corenta mil manifestantes, representantes dunha variada amálgama de colectivos antivacinas, entre os que había libertarios, extremistas de dereita e multitude de conspiranoicos, colapsaron o centro histórico da capital alemá gritando consignas contra as restricións impostas, a causa do coronavirus, polo Goberno federal.

 Despois de que a policía dispersase a manifestación, varios centenares de membros de diversas organizacións de extrema dereita lanzáronse ao asalto dun dos edificios máis emblemáticos e máis cargados de historia de Berlín, o Reichstag(7), sede do Bundestag, Parlamento federal alemán. Con saña e carraxe, os extremistas romperon as barreiras de seguridade levantadas ao redor do Parlamento, e invadiron as escalinatas que conducen ao coñecido edificio. Amoreáronse con violencia ante as portas, aínda que non conseguiron entrar nel. Entre os asaltantes extremistas, había neonazis e membros de organizacións nacionalistas, de movementos identitarios e dos Reichsbürger (“Cidadáns do Reich” os cales non recoñecen as fronteiras alemás, nin a orde constitucional federal vixente(8)), portadores de bandeiras cor negra, branco e vermello do vello imperio alemán (1871-1918) disolto en 1919 tras a Primeira Guerra Mundial.

 A intención de asaltar a sede parlamentaria fora anunciada nas redes sociais días antes da manifestación. Pola súa enorme carga simbólica, as imaxes deste ataque ocuparon os titulares internacionais e impactaron na opinión democrática mundial. Iso sucedeu apenas cinco meses antes do asalto ao Capitolio de Washington. Sen dúbida serviu de modelo aos partidarios de Donald Trump e aos grupos supremacistas brancos e neonazis estadounidenses.

 Á súa vez, despois do 6 de xaneiro de 2021, os acontecementos do Capitolio inspiraron novos ataques -realizados polo mesmo tipo de asaltantes extremistas antisistema movidos por teorías da conspiración, en circunstancias moi semellantes- a outros edificios simbólicos en diferentes países. Podemos citar, polo menos, dous outros casos ademais do recente de Brasília tamén directamente inspirado, mesmo na data, polo asalto ao Capitolio.

 Primeiro, o que se produciu o 9 de outubro de 2021 -ou sexa, nove meses despois do ataque de Washington-, cando militantes da ultradereita neofascista aproveitaron unha multitudinaria manifestación en Roma (Italia), convocada para protestar contra o certificado obrigatorio de vacinación anticovid, para tentar asaltar primeiro o Palacio Chigi (sede do Goberno italiano e residencia do Presidente do Consello de Ministros), e atentar violentamente despois contra a histórica sede nacional da Confederación Xeral Italiana do Traballo (CGIL), principal sindicato do país.

 Houbo gases lacrimóxenos e cargas dos antidisturbios. Os manifestantes responderon con agresións á policía e ás forzas de seguridade guindándolles pedras, botellas, fachos... Centenares de activistas, especialmente os grupúsculos neofascistas máis violentos, instigados por militantes do partido Forza Nuova, conseguiron penetrar no edificio sindical e saquearon e destruíron -como se fixo despois en Brasília-, os arquivos e as oficinas. Nunha combinación de reivindicacións delirantes, teses conspiranoicas e chamados ao caos, os neofascistas italianos recorreron ás redes sociais para tentarse apoiar en fake news e distorsións da realidade, manipulando a carraxe e a insatisfacción da poboación. Vía mensaxaría Telegram, chamaron á mobilización e ao ataque referíndose directamente aos acontecementos protagonizados, nos Estados Unidos, polos fanáticos de Donald Trump. Pola súa banda, os organizadores desta agresión admitiron que as súas estratexias se inspiraban directamente no asalto ao Capitolio.

 O segundo ataque produciuse uns meses máis tarde, o 29 de xaneiro de 2022, en Ottawa (Canadá), cando uns cincocentos camioneiros (9) -anoxados por unha nova regra que exixía que os condutores se debían vacinar contra a Covid para cruzar a fronteira entre os Estados Unidos e Canadá-, ocuparon o núcleo central desa cidade e bloquearon o edificio de Parliament Hill, a sede do Parlamento canadense. Axiña a ese «Convoi da Liberdade» (Freedom Convoi) se sumaron miles doutros manifestantes, na súa maioría xente branca de extrema dereita con bandeiras nazis e confederadas, pancartas en favor de Donald Trump (!) e multitude de logos de QAnon, que se declaraban en favor do nacionalismo branco cun discurso decididamente antigobernamental, conspiracionista, supremacista, machista, xenofóbo, racista e anti-socialista... E tamén se referían directamente ao asalto do Capitolio.

 Segundo as autoridades, moitos dos manifestantes cometeron delitos de odio, de racismo e danos á propiedade. Durante a primeira fin de semana, varios alborotadores profanaron mesmo -igual que en Francia- a Tumba do Soldado Descoñecido... Dirixentes políticos estadounidenses como o propio Donald Trump, o senador republicano Ted Cruz e a representante republicana polo Estado de Xeorxia, Marjorie Taylor Greene, entre outros, apoiáronos publicamente(10). Diferentes grupos antisistema tamén apoiaron o bloqueo de Parliament Hill, en particular a organización complotista Action4Canada, a cal sostiña que a pandemia “foi obra, polo menos en parte, de Bill Gates e a ‘Nova Orde (Económica) Mundial’ para facilitar a inxección de microchips, habilitados para a 5G, na poboación”(11).

 Aínda que moi diferentes entre si, estes ataques contra edificios-símbolos responden, como vimos, a un modus operandi semellante que se confirmou o pasado 8 de xaneiro en Brasília co ataque das masas bolsonaristas ás sedes dos Tres Poderes (aínda que, neste caso, a intención probábel dos bolsonaristas era provocar a intervención das forzas armadas e converter a súa protesta insurreccional nun golpe de estado tradicional).

 Hoxe -non só nos Estados Unidos ou en Brasil- o odio circula subterraneamente polas nosas sociedades. Flúe por todas as partes. Rega a paisaxe política. Non é exclusivo dun partido ou dun dirixente. O problema agrávase, como o observa moi ben José Natanson, cando un líder, un partido ou un comunicador –é dicir, alguén con poder na discusión pública– mobiliza ese odio en contra dun grupo social, unha ideoloxía ou unha persoa concreta. Esa é a dimensión neofascista do momento actual. Porque a ultradereita fixo, unha vez máis, do odio a súa principal ferramenta de construción política.

 O estudo deses ataques contra o corazón da democracia en Estados Unidos, Francia, Alemaña, Italia, Canadá e Brasil -e das circunstancias que os orixinaron- permítenos explorar, con prudencia, o triángulo principal do desacougo contemporáneo: a crise da verdade, a crise da información, a crise da democracia. Estas tres crises existenciais, articuladas entre si, afectan hoxe, dunha maneira ou outra, a case todas as nacións(12).

 Con máis motivo que o (mal) exemplo vén de Estados Unidos. E se algo non posúe case excepción desde hai un século, é a capacidade do modelo estadounidense -en materia de cultura popular, de modas, de consumo, de comunicación e de mercadotecnia política- en ser imitado e replicado por todas as partes...

 Máis aínda, obviamente, na idade de Internet, da web e das redes sociais, un ecosistema cultural e comunicacional fundamentalmente creado e desenvolvido en Estados Unidos, e que se saíu de control...

 Por iso é tan urxente frear a propagación nas redes de contidos conspiranoicos mentireiros e daniños. Temos que elixir agora mesmo: deixamos que as nosas democracias murchen? Ou mellorámolas? Porque isto vai ir a peor. Volverase moito máis complexo, xa que a Intelixencia Artificial (AI) progresa e sofistícase sen cesar. Consecuencia: cada vez será máis difícil detectar e denunciar as teorías conspirativas, as manipulacións, a desinformación. Iso provocará que se repitan os enfurecidos asaltos das masas conspiranoicas de ultradereita, cada vez máis fanatizadas, contra as sedes dos poderes democráticos... Até cando?

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] Léase Pablo Stefanoni, ¿La rebeldía se volvió de derechas?, Siglo XXI, Bos Aires, 2021.

[2] Ignacio Ramonet, «La era del conspiracionismo. Trump, el culto a la mentira y el asalto al Capitolio», Capital Intelectual, Madrid, 2022.

[3] Sigmund Freud, El malestar en la cultura, tradución: Alfredo Brotons Muñoz, Akal, Madrid, 2017.

[4] Pablo Stefanoni, op. cit.

[5] José Natanson, «El discurso y el acto», Le Monde Diplomatique edición Cono Sur, Bos Aires, 2 de setembro de 2022 (eldiplo.org/notas-web/el-discurso-y-el-acto/)

[6] Steven Levitzki, Daniel Zeblat, Cómo mueren las democracias, tradución Gemma Deza Guil, Ariel, Barcelona, 2018.

[7] A primieiros de 1933, o Partido Nacional Socialista (nazi) de Adolfo Hitler chegou ao poder. O 27 de febreiro dese mesmo ano, o edificio do Reichstag ardeu debido a un incendio intencionado. As circunstancias deste non se puideron esclarecer até o de agora. Os nazis usaron ese incendio para suspender os dereitos fundamentais e, finalmente, abolir a democracia.

[8] O 7 de decembro de 2022, as autoridades alemás detiveron un grupo de 25 persoas acusadas de «planificar un golpe de estado». Os xefes pertencían a este movemento de extrema dereita chamado Reichsbürger. Planeaban asaltar o Parlamento alemán coa complicidade doutro movemento complotista chamado Querdenker (pensadores laterais) e outros partidarios da conspiración QAnon... «Os detidos estaban convencidos de que o país está gobernado por membros dun “Estado profundo” (do inglés deep state) e que unha sociedade secreta chamada A Alianza se dispuña a intervir para liberar os alemáns. Os membros do brazo militar da rede debían axudalos a depoñer os poderes actuais. Eran conscientes de que se producirían mortes, asegura a Fiscalía, pero considerábanas un paso intermedio para lograr o pretendido “cambio de sistema en todos os niveis”... (El País, Madrid, 8 de decembro de 2022).

[9] Rob Lyon, «Canadá: El ‘convoy de la libertad’, una advertencia para el movemento obrero», In Defence of Marxism, 15 de febreiro de 2022.

[10] Libération, París, 31 de xaneiro de 2022.

[11] Henry A. Giroud, «Canada-Etats-Unis. Quand l'extrême-droite subvertit la "notion de liberté". A propos du "Freedom Convoy"», Nouveau Cahiers du Socialisme, Montréal, 14 febreiro 2022.

[12] É significativo, a este respecto, que a Administración Biden cree, en maio de 2022, un Consello de Gobernanza da Desinformación. O Secretario do Departamento de Seguridade Nacional dos EUA, Alejandro Mayorkas, declarase que se creaba ese Consello porque «a desinformación está a afectar á seguridade fronteiriza, á seguridade dos estadounidenses durante os desastres e á confianza da sociedade nas institucións democráticas». Cf. Kevin Reed, World Socialist Web Site, 4 de maio de 2022.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web arxentino Télam, do 10 de xaneiro de 2023]