A OTAN tamén se expande cara ao oeste

Lautaro Rivara - 25 Feb 2022

A historia de colaboración de Colombia cos Estados Unidos e a OTAN vén de hai tempo. Así, podemos atopar fitos de importancia ao longo dos últimos dous séculos: a elección de Bogotá como sede da reunión fundacional da OEA en 1948; a creación dunha economía de exportación estreitamente ligada ao mercado de consumo norteamericano e á produción de tabaco, café e cocaína; a participación do Batallón Colombia na Guerra de Corea...

 Moito se debateu coa crise de Ucraína verbo da OTAN e a súa expansión cara ao leste, producida tras o final da Guerra Fría e a disolución do bloque soviético; en particular desde a incorporación á alianza militar atlántica de Polonia, Hungría e República Checa no ano 1999, até chegar ao álxido conflito do Donbás no ano 2014. Pero pouco se fala da súa expansión cara ao oeste, máis precisamente cara a América Latina e o Caribe.

 En 2013 o goberno colombiano subscribiu un acordo de cooperación en materia de seguridade e información co organismo, para formalizar en 2018 a súa incorporación como “socio global”. O único do continente en sentido estrito, considerando que a Guaiana Francesa, o outro territorio formal de despregamento atlantista, é un territorio non soberano dependente de Francia, e un sitio onde se empraza a importantísima base aeropacial de Kourou. Aínda que o estreitamento dos lazos entre Colombia e a OTAN non implica unha incorporación plena -dado que os estatutos da asociación limitan a incorporación efectiva a Estados Unidos e as nacións europeas- esta asociación non está exenta de importantes consecuencias políticas e xeopolíticas.

 O septuaxenario organismo aparece hoxe, xunto co Tratado Interamericano de Asistencia Recíproca (TIAR), como un dos tratados militares vixentes máis antigos do mundo, e como unha auténtica rémora da Guerra Fría en pleno século XXI. Feito curioso considerando os 30 anos cumpridos desde a finalización do conflito.

Entre os Estados Unidos e a OTAN

 Nun escenario marcado pola continuidade en menor escala do conflito armado e pola inminencia das eleccións parlamentarias e presidenciais previstas para marzo e maio respectivamente -nas que todas as enquisas prognostican a vitoria do candidato progresista de Gustavo Petro- o presidente Iván Duque mantivo o luns 14 de febreiro un encontro co secretario xeral da OTAN, o noruegués Jens Stoltenberg. Os previsíbeis puntos do temario foron tres das principais obsesións da política exterior norteamericana, practicamente insensíbeis ao recambio das administracións demócratas e republicanas: Rusia, China e Venezuela.

 As dúas primeiras, potencias rivais, polo pronunciado avance das súas relacións económicas, diplomáticas e ata militares coa rexión, profundadas nas últimas semanas pola xira de Alberto Fernández e a incorporación de Arxentina á Iniciativa da Franxa e a Ruta. Pero tamén polo recente -e quizais algo inesperado- encontro entre Jair Bolsonaro e Vladimir Putin, onde o mandatario brasileiro definiu ao seu homólogo ruso como “un home de paz” e anunciou conversas entrambos os países nas áreas de defensa, hidrocarburos e agricultura.

 Isto, sen contar co achegamento de novas nacións centroamericanas e caribeñas que nos últimos anos se afastaron de Taipei para establecer relacións con Beijing: Panamá en 2017, República Dominicana en 2018, Nicaragua en 2021 e Honduras baixo a flamante presidencia de Xiomara Castro neste ano. No caso de Venezuela, o interese recíproco dos gobernos de Estados Unidos e Colombia vincúlase á política de “cambio de réxime” impulsada polos norteamericanos e á candente situación na fronteira colombo-venezolana pola actuación de grupos armados irregulares, en particular con base de operación nos estados colombianos de Arauca e Norte de Santander. Segundo Stoltenberg, a cooperación “é boa para a OTAN e para Colombia. A OTAN está apoiando o desenvolvemento das forzas armadas e institucións colombianas, facendo delas un exemplo para o resto de Latinoamérica”. O noruegués sinalou tamén que a cooperación sería maior en temas de seguridade e de combate á corrupción, a desinformación e os ciberataques.

 Mais a historia de colaboración de Colombia cos Estados Unidos e a OTAN é de longa data. Se nos últimos anos implicou a participación da nación suramericana en operacións antipirataría no sur de África e a resistida compra de material bélico como avións de combate, podemos atopar fitos de importancia ao longo dos últimos dous séculos: a elección de Bogotá como sede da reunión fundacional da OEA en 1948; a creación dunha economía de exportación estreitamente ligada ao mercado de consumo norteamericano e á produción de tabaco, café e cocaína; a participación do Batallón Colombia na Guerra de Corea -sendo o único país da rexión en actuar como forza belixerante na península; e o despregamento desde o ano 1999 do chamado “Plan Colombia”. O devandito plan implicou un acordo militar bilateral tendente á guerra contrainsurxente e á chamada “guerra contra as drogas”, de efectos totalmente contrarios aos anunciados.

Colombia na xeopolítica rexional

 Pero ademais do masivo despregamento da OTAN en Colombia -que foi a máis coa cesión de 7 bases nacionais para a instalación permanente de tropas estadounidenses acordada entre Barack Obama e Álvaro Uribe no ano 2009- o país ten aínda outros elementos de significación para a xeopolítica da rexión. Primeiro pola expansión preocupante dun paramilitarismo for export, manifestado na actuacións de grupos armados como Los Rastrojos ou o Clan do Golfo, que entran sistematicamente en territorio venezolano. Segundo, polo coñecido escándalo da participación de exmilitares e mercenarios no magnicidio do expresidente haitiano, Jovenel Moïse, o 7 de xullo do ano 2019. Para rematar, debemos lembrar que o estado colombiano foi parte activa e protagónica da xeopolítica da desintegración, impulsando o agora extinto Grupo de Lima, abandonando UNASUR no ano 2018, e converténdose nun dos principais defensores e promotores da OEA, mesmo no seo da última reunión da CELAC.

 Moito se especula en Colombia nestas horas sobre cales serán as figuras e as forzas políticas da coalición que ocuparán ministerios chave como os de Defensa e Relacións Exteriores, baixo a pregunta tácita de se haberá continuidade ou ruptura nestas áreas ante a eventualidade dun goberno progresista, un feito inédito no país. As eleccións presidenciais poderían agora si sentar bases firmes para a materialización dos acordos de paz, sacar a Colombia do mapa das economías ilícitas, producir unha viraxe xeopolítica no Estado hoxe máis firmemente aliñado coa política exterior de Estados Unidos, e mesmo sacar a nación suramericana da órbita de influencia da OTAN, sempre en eterna expansión, tamén na nosa rexión.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 22 de febreiro de 2022]