O persoal da sanidade privada segue na loita por un convenio digno

Este mércores realizaron unha concentración no Hospital Quirón para denunciar o bloqueo da patronal

A Coruña -

Persoal da sanidade privada da Coruña concluía este xoves as tres xornadas de mobilizacións consecutivas en demanda dun convenio colectivo digno. As organizacións sindicais aproveitaron a protesta e o reparto informativo no Hospital Quirón para ofrecer unha rolda de prensa na que denunciaron o inmobilismo da patronal, que se nega mesmo a asumir pequenas melloras sociais sen custe económico.

O Convenio da Sanidade Privada da provincia da Coruña estase a negociar dende primeiros de ano e durante este tempo, a parte sindical foi modificando a súa proposta inicial, "facendo importantes concesións co ánimo de conseguir avances na negociación que posibilitaran chegar a un acordo".

Deste xeito, explica Milton Pérez, voceiro do colectivo e delegado da CIG, a petición inicial dun incremento salarial do 3% anual rebaixouse até o 1,8% e ao tempo renunciouse a melloras das condicións de traballo tales como a diminución da xornada semanal ou o aumento de días de permiso por enfermidade ou falecemento dun familiar.

A oferta da patronal limítase a un incremento salarial dun "miserento" 0,625%

 Non obstante, en ningún momento houbo esta mesma disposición por parte da patronal. De feito, a súa proposta inicial xa descartaba calquera modificación e/ou mellora das condicións laborais reguladas polo Convenio, "só ofertando un incremento salarial dun miserento 0,625%". Pero iso si, demandaba unha vixencia do convenio de tres anos, hipotecando así condicións laborais dos traballadores/as durante este tempo.

"Esta foi a súa proposta inicial e final, posto que non fixeron ningunha concesión ás peticións da representación sindical", censurou durante a rolda de prensa.

Por iso despois de meses e meses sen avances, nos que a patronal puxo todos os obstáculos posíbeis "negándose a facer a mínima concesión a parte sindical", as organizacións sindicais que forman parte da Mesa Negociadora (CIG-Saúde, CCOO e UGT) comezaron cun calendario de mobilizacións "coa fin de impulsar este proceso negociador".

A Consellaría de Sanidade, desaparecida

A de hoxe é a sexta mobilización que o persoal realiza en menos de dous meses e a terceira nesta semana. E aínda que as protestas foron máis intensas na cidade da Coruña, tamén se teñen feito concentracións en Santiago de Compostela e en Ferrol.

En Galiza o 45% dos hospitais son privados e case o 80% teñen algún concerto coa sanidade pública

 En canto ao peso do sector, Milton Pérez subliñou que en Galiza o 45% dos hospitais son privados  e case o 80% teñen estabelecido algún tipo de concerto coa sanidade pública.

A pesares disto, tampouco houbo durante este tempo ningunha preocupación da Consellería de Sanidade pola parálise da negociación, "cando a Consellería, que concerta servizos sanitarios públicos cos centros sanitarios privados, tería que asumir tamén responsabilidades polas condicións laborais ás que se somete ao persoal destes centros".

Salarios conxelados durante anos

En canto á reivindicación dun incremento digno dos salarios, Pérez explicou que as retribucións brutas para un/unha enfermeiro/a están nos 1.002,76 euros mensuais, nos 841,05 euros para un/unha auxiliar de enfermaría ou nos755,33 para un /unha pinche de cociña, limpador/a, etc.

"Durante anos, coa desculpa da crise, os salarios estiveron practicamente conxelados. Pero os hospitais privados, en mans de grandes grupos empresariais (HM Hospitais , Helios, Vithas), esquivaron a crise con beneficios millonarios. Por iso, as organizacións sindicais preguntámonos como poden ofrecer agora un miserento incremento do 0,625% cando os beneficios empresariais están a subir cada ano máis?", cuestionou.

 

En 2012 facturáronse 300 millóns de euros

Segundo o propio informe publicitado pola a Asociación de Hospitais Privados de Galicia 'Sanidade Privada en Galicia: importancia e áreas de colaboración coa Administración', o sector da sanidade privada en Galiza, composto por 5.841 empresas, xa acadou no ano 2012 unha facturación conxunta que se aproxima aos 740 millóns de euros.

E, só entre os 14 hospitais privados integrados na Asociación de Hospitales de Galiza (Ahosgal) acadouse unha facturación total duns 300 millóns de euros.

  • A Sociedade Sanatorio Cirúrxico Modelo (pertencente dende o 2014 ao grande grupo empresarial HM Hospitais) facturou  29 millóns de euros en 2012 (dous máis que o exercicio precedente) alcanzando uns beneficios de 3,37 millóns de euros, fronte aos 1,95 millóns do exercicio anterior.
  • Mentres, o Instituto Policlínico Santa Teresa, rexistrou unha cifra de negocio de 20,3 millóns e uns beneficios de 1,5 millóns. Este hospital, do grupo Quironsalud, foi comprado no 2016 pola compañía alemá Helios, propiedade do operador de hospitais privados Fresenius, que adquiriu toda a empresa Quironsalud, dando lugar ao maior grupo sanitario privado de Europa.
  • Instituto Médico Cirúrxico San Rafael, no 2012, sumou vendas por valor de 18,5 millóns de euros e superou uns beneficios de 1,6 millóns.
  • Instituto Policlínico A Rosaleda SA, que comprende tanto o centro da Rosaleda como o hospital A Esperanza, facturo máis de 18,6 millóns en 2012. Pechou este exercicio cunha ganancia de 528.000 euros.

Non é este pois, un sector en crise. "As e os profesionais da sanidade privada merecemos e temos dereito a que os beneficios empresariais tamén repercutan nun incremento digno dos nosos salarios e nunha mellora das nosas condicións laborais".

Volver