A patronal da sanidade privada pontevedresa accede a negociar na segunda xornada de folga

O paro volveu ter un amplo seguimento entre o persoal, que aproveitou para mobilizarse
Vigo/Pontevedra - 14 Mar 2018

Fixeron falta dúas xornadas de folga para que a patronal da sanidade privada da provincia de Pontevedra accedese finalmente a fixar unha data para negociar o convenio colectivo despois de negarse reiteradamente e logo torpedear as conversas. O paro de hoxe, ao igual que o do pasado día 7, volveu ter un gran seguimento entre os traballadores/as do sector, que aproveitaron para mobilizarse diante do Sanatorio Concheiro de Vigo.

Os contactos entre as partes retomaranse este mesmo xoves, cando terá lugar unha xuntanza na sede da Confederación de Empresarios/as de Pontevedra (CEP) en Vigo ás 13:00 horas. Xa pola tarde, os sindicatos CIG, CCOO e UGT levarán a cabo unha asemblea de traballadores/as na sede da UGT ás 17:30 horas para analizar a proposta da patronal e decidir as próximas accións a desenvolver.

Con todo, dende as centrais convocantes anuncian que non desconvocarán os tres días de folga que quedan, previstas para os días 21, 26 e 27 de marzo, até que o empresariado non presente unha proposta que contemple as principais reivindicacións dos empregados/as do sector.

A segunda xornada de paro que tivo lugar hoxe rexistrou novamente un amplo seguimento, sobre todo nos grandes hospitais. No caso das clínicas máis pequenas non se puido constatar a incidencia, xa que a patronal segue sen ofrecer datos como o censo de traballadores/as que reclaman os sindicatos. Coincidindo coa folga, un grupo de empregados/os desafiou as inclemencias meteorolóxicas e levou a cabo unha concentración diante do Sanatorio Concheiro.