A PGDEP chama a boicotear a reválida de 3º de Primaria, prevista para o 31 de maio

Denuncia a negativa da Consellaría de Educación a escoitar o clamor contra a LOMCE e estas probas

Nacional -

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fixo esta mañá, en rolda de prensa, un novo chamamento ás nais e pais para que non envíen ás súas fillas e fillos a realizar a reválida de 3º de Primaria, prevista para o vindeiro mércores día 31 de maio. O seu portavoz, Anxo Louzao, denunciou a “obstinación” da consellaría, que malia o rexeitamento xeneralizado da comunidade escolar, segue mantendo estas probas e negándose a escoitar o clamor do profesorado, das familias e do propio alumnado contra a LOMCE e contra as probas que dela emanan.

Louzao, que valorou moi positivamente que máis do 80% do alumnado non acudira a realizar as probas de 6º de Primaria e 4º da ESO os pasados días 23 e 24 de maio, subliñou que o rexeitamento chega a tal punto que a consellaría de Educación mesmo tivo problemas para atopar profesorado que estivera disposto a corrixir as poucas probas que se realizaron.

Xunto a isto denunciou o intento da consellaría de manipular e “falsificar” a realidade, por ter afirmado que un 60% do alumnado si se presentara a facer estas reválidas, cando “é unha realidade contrastada que non foi así e mesmo nos quedamos curtos dicindo que o boicot foi do 80%”.

Por iso a PGDEP reclamou o cese da “actitude tiránica e nada democrática” do conselleiro de Educación, do que reiterou que actúa como “vasalo” do Ministerio de Educación non atendendo ás demandas da comunidade escolar.

Xunto a isto demandou da consellaría “que entre en razón” e que se inicie un proceso de diálogo para camiñar cara unha Lei Galega de Educación que atenda as necesidades reais do sistema educativo galego.

Louzao valorou ademais  como unha “irresponsabilidade” e un “dispendio” de cartos do erario público os gastos derivados de realizar as reválidas, máis cando non serven sequera para medir “aquilo para o que están pensadas”.

Modelo educativo competitivo e segregador

Reiterou a denuncia da PGDEP sobre o carácter neoliberal da LOMCE, que implanta un modelo educativo “competitivo” e “segregador” que esquece as necesidades reais do sistema educativo galego. Necesidades que son sobradamente coñecidas pola consellaría de Educación porque constantemente se realizan demandas desde os centros que non son atendidas, o que lle valeu ao conselleiro un rotundo suspenso na reválida simbólica que se lle fixo na concentración convocada a semana pasada.

Neste sentido, Louzao denunciou que “non está disposto a galeguizar o ensino, nin a democratizalo, nin a que sexa laico, nin a enfrontar os recortes que s elevaron a cabo no ensino público durante estes anos, nin a recoñecer as consecuencias do desvío de inmensas cantidades de diñeiro ao ensino privado concertado e mesmo aos centros que segregan alumnado por razón de xénero e tampouco se dotan aos centros de profesorado suficiente, nin se reducen as ratios, nin se atende á diversidade, nin a escolarización do alumnado con necesidades educativas específicas de apoio educativo”.

7% do PIB para o Ensino

O portavoz da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público engadiu que tampouco hai disposición algunha a destinar o 7% do PIB en Educación, “unha porcentaxe que sería necesaria para garantir un sistema educativo totalmente gratuíto, incluídos os libros de texto e as actividades complementarias”.

Por iso considerou que a consellaría de Educación “non está á altura das circunstancias nin na xestión do día a día, nin como goberno galego que, desde Galiza, garanta un sistema educativo que estea ao noso servizo, nin do punto de vista democrático e das necesidades e carencias que ten o sistema educativo”.

A PGDEP agarda que esta sexa a última vez que se convocan estas probas, cando menos “mentres non nos poñamos a negociar unha Lei Galega de Educación e como resultado da mesma se conclúa cal é o sistema avaliación externo –se é que ten que ter algún- o sistema educativo galego”, porque esa avaliación xa existe e dá como resultado “toda unha serie de carencias e necesidades que nunca son satisfeitas por parte da administración”.

Volver