A PGDEP valora “moi positivamente” que máis do 80% das familias boicotearan as reválidas

Suspende ao conselleiro na proba simbólica realizada no decurso dunha concentración

Nacional -

Segundo os dados da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público máis do 80% das familias decidiron non enviar os seus fillos e fillas aos centros de ensino a realizar a reválida, superándose así as porcentaxes de ausencias de anos anteriores. Unha resposta masiva no terceiro ano consecutivo no que se fai o chamamento a boicotear este tipo de probas desde a plataforma, que o seu portavoz, Anxo Louzao, valorou como “moi positiva” no decurso da concentración celebrada esta mañá diante da consellaría de Educación.

No acto de protesta simulouse unha reválida simbólica realizada ao conselleiro de Educación que contiña toda unha serie de preguntas referidas ás demandas que viu realizando todos estes anos o sistema educativo galego e ás que desde a consellaría sempre se contestou cun “Non”.

Unha resposta que Louzao explicou que representa “un suspenso clamoroso” ao conselleiro na medida en que “é a evidencia de que non está disposto nin a paralizar a LOMCE, nin as reválidas. Nin está en disposición de dotar os centros de máis profesorado, reducir as ratios, levar a cabo unha atención á diversidade adecuada, investir o 7% en Educación e permitir termos un ensino en galego e non marxinalo, como ocorre neste momento, cando se reduciu a súa carga horaria aínda por debaixo do que marca o Decreto de Plurilingüismo”.

Por iso denunciou ademais as mensaxes propagandísticas emitidas desde a consellaría, que asegurou que estas probas estaban dirixidas a diagnosticar e avaliar o sistema educativo galego e as súas necesidades, “cando ten aquí demandas e preguntas que todos os días se fan desde os centros cuxa resposta é sempre non”.

Para Louzao “esta é a evidencia máis clara de que estamos diante dunha actitude obstinada, autoritaria e de costas á comunidade escolar” dunha consellaría que “fai seguidismo das directrices que emanan de Madrid e que non ten en consideración o que opina nin o profesorado, nin os pais e nais, nin o sistema educativo galego no seu conxunto”.

Subliñou que aínda que as probas non teñen a gravidade que tiñan, grazas ás mobilizacións que se levaron a cabo, porque xa non son necesarias para titular, seguen sometendo ao alumnado a un estrés innecesario, poñen en cuestión o traballo do profesorado, xerarquizan as materias, na medida en que non todas son avaliadas e introducen os fundamentos do neoliberalismo, cun modelo competitivo e segregador.

Por iso avanzou que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público seguirá combatendo a LOMCE até que a LOMCE, e as probas que dela emanan, sexa derrogada.

O portavoz da plataforma denunciou tamén o engano do Pacto de Educación. Asegurou que “esta é a súa verdadeira faciana”, porque se houbera unha mínima vontade de ter en conta a opinión da comunidade escolar “o primeiro que habería que facer sería paralizar todo este tipo de probas, derrogar a LOMCE e a partir de aí debater, dialogar e consensuar o futuro dunha lei” que para a PGDEP ten que permitir termos un sistema educativo galego, isto é, unha Lei Galega de Educación que dea resposta ás necesidades e as carencias do sistema educativo.

Respecto da selección de centros para realizar as probas mostrais, Louzao denunciou que “é clandestino” porque non se coñecen os criterios, non se fixeron públicos os centros nos que se ían realizar, non sabemos se esa mostraxe é ou non representativa e non se publicaron as instrucións até o 16 de maio para unhas probas que se están realizando hoxe e que continuarán mañá. “O único que sabemos é que serían nun 15% dos centros”.

Volver