A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chama as familias a boicotear as reválidas

Di que son probas innecesarias, e sinala que así o entende a propia Administración pública

Nacional -

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) fixo esta mañá, en rolda de prensa, un chamamento ás familias para que non envíen ao alumnado de 3 e 6º de Primaria e o de 4º da ESO a realizar as probas de reválida previstas para finais deste mes. “Nada aportan ao sistema educativo, crean unha tensión innecesaria ao alumnado e nin sequera se terán en consideración para mellorar a calidade do ensino e dotar os centros de profesorado”.

O portavoz da PGDEP, Anxo Louzao, denunciou que malia formar parte da comunidade educativa a plataforma non ten máis información a respecto destas probas que a publicada na páxina web da consellaría de Educación, no DOG e no BOE onde se informa que quedan convocadas para os días 23 e 24 de maio, as 4º e 6º, e para o 30e 31 as de 3º Primaria. “Nin sequera está publicado o regulamento sobre as probas previstas para 6º de Primaria e 4º ESO”.

Por iso lamentou o “seguidismo” da consellaría, toda vez que asume “sen ningún tipo de crítica todo o que lle vén dado, ordenado e elaborado en Madrid, malia isto facerse de costas ao sentir maioritario da comunidade escolar”. Unha actuación que cualificou de “irresponsábel, autoritaria e despilfarradora”, porque se van usar recursos públicos para realizar un tipo de probas que son innecesarias e que son mesmo lesivas para o funcionamento do sistema educativo.

Boicot do 80% das familias

Lembrou que o boicot nos cursos anteriores fora un éxito, xa que máis do 80% das familias non enviaron aos seus fillos e fillas aos centros os días en que se desenvolvían as de 3º e 6º de Primaria. E valorou como positivo que grazas as mobilizacións, ao apoio das familias e a todas as accións desenvolvidas se conseguira que as probas de 4º da ESO e de Bacharelato non tiveran valor académico, nin foran necesarias para acadar a titulación correspondente.

En todo caso adiantou a intención da PGDEP de continuar mobilizándose até que a LOMCE sexa derrogada. Máis cando o único que fixo, até o de agora, o goberno central foi paralizar algúns dos aspectos que foron máis rexeitados desta lei e pór en marcha un Pacto pola Educación co que “se pretenden alicerzar os fundamentos da LOMCE con outra lei ou modificando certos aspectos, pero non indo a raíz profunda no que ten que ver co seu carácter privatizador, confesional, a segregacionista ou no relativo aos recortes na participación dos colectivos que teñen que ver coa educación”.

Para Louzao proba disto é que, non só non se paraliza a LOMCE senón que ademais se pon en marcha a reválida de 4º da ESO, aínda que sexa mostral.  Unhas probas que, polo tanto, serán como unha extensión do Informe Pisa, condicionando o traballo do profesorado e sometendo ao alumnado a unha presión e a un traballo innecesario.

O portavoz da PGDEP considerou, xa que logo, que carecen de utilidade, porque “todos sabemos de antemán cales son as carencias e necesidades que ten a educación en Galiza”. Carencias que non son atendidas pola consellaría malia ser demandas permanentes do profesorado, nomeadamente as relativas á atención á diversidade e a redución do número de alumnos/as por aula.

Avaliación continua

Fronte o modelo educativo da LOMCE “segregacionista e clasista”, que desconsidera o alumando con necesidades especiais e a unhas probas que “xerarquizan o currículo, porque van avaliar só algunhas área de coñecemento menosprezando unha educación integral emancipadora e que forme a cidadáns críticos”, o portavoz da PGDEP defendeu a avaliación continua. Un outro modelo no que “o alumando galego está permanentemente avaliado polo profesorado, que é coñecedor das súas necesidades, das súas capacidades e dos medios e recursos dos que precisa para mellorar o seu rendemento escolar”.

Comunicación ás familias

Pola súa banda Eduardo Moscoso, representante da Federación de ANPAS de Compostela, informou da decisión das ANPAS de oporse novamente á realización das reválidas e facer un chamamento as familias -ás que xa están informando- para que, na medida das súas posibilidades de conciliación, fagan visíbel tamén o seu rexeitamento  non enviando aos seus fillos e fillas aos centros nas datas fixadas para as probas.

Moscoso incidiu na inutilidade destes exames  “e así parece que tamén o considera a propia administración, que agora di que non van ter valor”, até o punto de que terán só carácter mostral e só será realizadas nun 15% dos centros atendendo a uns criterios descoñecidos para seleccionalos.

Lamentou que se puxeran en marcha uns grupos de traballo para preparar estas probas utilizando medios materiais e humanos públicos e advertiu do “prexudiciais” que son, na medida en que hai titores e titoras que se ven presionados/as e levan meses facendo ensaios con modelos de exame similares aos das reválidas co seu alumnado, co que quedan descoidadas aquelas materias que non serán obxecto de proba.

Volver