A plataforma pro-CAPD de Ourense promove mocións para solicitar a creación dun centro de atención a persoas con discapacidade

Reclama da Xunta que inclúa unha partida específica nos orzamentos autonómicos

Ourense -

A plataforma pro-CAPD de Ourense, da que fai parte a CIG, está a promover a presentación en todos os Concellos da provincia dunha moción de apoio á creación dun centro público e de xestión pública de atención a persoas con diversidade funcional. Entre outras cousas, reclaman da Xunta de Galiza que inclúa unha partida específica nos orzamentos autonómicos deste exercicio.

A plataforma está composta por pais e nais de nenos/as con diversidade funcional e a ANPA do CEE Miño, xunto cunha amplísima representación de organizacións políticas, sindicais e sociais de Ourense. As súas reivindicacións están avaladas por de máis de 50.000 sinaturas, que apoiaron a petición á Xunta de creación dun CAPD na provincia.

Na moción que están a promover nos Concellos ínstase ao Goberno galego a:

-Realizar o expediente de modificacións orzamentarias do actual exercicio necesario para comprometer o gasto e investimento da redacción do proxecto e da execución da primeira fase do centro.

-Dada a alta demanda que ten a provincia de Ourense, o CAPD debe ter unha capacidade mínima de 100 prazas, na liña dos centros de Sarria (Lugo) e Chapela-Redondela.

-Que, dada a urxencia e a situación persoal de nais e pais, o proxecto debería ser iniciado con carácter inmediato.

-De ningún xeito a empresa privada debe suplir a existencia dunha rede pública, polo que tal e como demandan o centro debe ser 100% de xestión e titularidade pública.

A moción xa foi aprobada polo pleno do Concello de Toén por unanimidade, “polo que agardamos que os demais Concellos sigan o seu exemplo e a aproben do mesmo xeito e de forma inmediata”.

Volver