A Plataforma Sanitaria de Monterrei abordará o abandono da pediatría no Hospital de Verín

A CIG de Monterrei-A Limia chama ás entidades constituintes a unha reunión o vindeiro xoves 1-D ás 20h na casa sindical

Verín -

A central nacionalista toma a iniciativa na reactivación da Plataforma Sanitaria da Comarca de Monterrei co obxectivo de dar respostas ao desmantelamento da sanidade pública da bisbarra, e en particular, para abordar o abandono do servizo de pediatría do Hospital de Verín.

O departamento, segundo o sindicato, carece de pediatra especialista na atención aos e ás recén nados/as, supoñendo un agravio comparativo a respeito doutras áreas e afectando “de xeito tremendamente negativo á atención que se lle debe prestar á cidadanía comarcal”. 

O Hospital de Verín carece de pediatra especialista na atención aos e ás recén nados/as

 Sinalan á Xunta como responsábel da situación, cuxo obxectivo último “non é precisamenteo de garantir o bo funcionamento duns servizos públicos e de calidade, se non todo o contrario”. Indican, asemade, que o actual goberno autonómico fachendea de lograr un gran aforro ás arcas públicas “aínda que este suposto aforro supoña a destrución e precarización de servizos públicos como a sanidade”.

Por iso, e co obxectivo de por en andamento unha campaña informativa entre a veciñanza que denuncie esta situación, citan aos colectivos para o xoves 1 de decembro ás 20 horas no local sindical de Verín.

Volver