A Policía Local de Verín deixará de facer horas extra ao superar a estas alturas o límite legal por ano

Denuncian que co gasto salarial neste concepto poderíanse contratar até catro axentes máis

Verín -

Un total de 14 dos 16 membros do corpo da Policía Local de Verín veñen de comunicarlle ao alcalde que deixarán de facer horas extraordinarias diúrnas, nocturnas e festivas ao ter superado xa a estas alturas o límite legal de 60 horas ao ano. Ao mesmo tempo, sinalan que co gasto salarial neste concepto poderíanse convocar oposicións para seleccionar catro novos axentes.

Segundo denuncian dende a CIG da Unión Local de Verín, nos seis primeiros meses do ano a media de policías locais en activo “situouse na insuficiente cifra de 13 axentes”. Neste tempo, os policías realizaron un total de 936 horas extraordinarias, o que supón 72 horas extraordinarias de media cada mes, “cando o número máximo de horas extraordinarias, segundo o artigo 34 do Acordo Regulador, sitúase en 60 horas ao ano”.

Destas, un total de 165 foron festivas, cun custe de 15.765,75 euros; 150 foron diúrnas, cun custo de 11.464,50 euros; mentres que as 621 nocturnas que xe fixeron supuxeron un gasto para as arcas municipais de 71.203,84 euros. “Isto arroxa un total de 936 horas extras, cun custe de 98.434,09 euros”.

Advirten que no caso de continuar a este ritmo de realización de horas extras, ao remate do ano o cómputo acadaría as 140 horas extras por policía, o que significaría un total de 1.872 horas extras/ano, con 196.868,18 euros/ano de custe. “Co gasto salarial en horas extras poderían convocar oposicións para a selección de catro policías locais máis”, denuncian.

A CIG apoia a medida

En consecuencia, para non vulnerar o Acordo Regulador e a Lei a partir de agora non realizarán ningunha hora extra máis, agás as urxentes para a prevención ou reparación de sinistros. Ao mesmo tempo, reclaman que se celebren as xuntanzas adiadas polo Concello de Verín cos representantes legais e sindicais dos traballadores/as, “se é que o Goberno local ten algún interese en solucionar un problema máis na nefasta e errática actuación que está a levar adiante en materia de persoal”.

Finalmente, a CIG de Verín amosa o seu total apoio á medida acordada polos policías locais e urxe ao alcalde, Gerardo Seoane, a que “deixe facer anuncios propagandísticos e se sente a negociar unha solución a un novo conflito que, como todos, deriva dunha concepción errada da política de persoal, a non ser que se entenda a institución pública como unha empresa privada”.

 

Volver