A práctica totalidade do persoal de mantemento do CHUO secunda o terceiro día de paro

Os traballadores/as de Ferrovial decidirán este venres en asemblea as accións a desenvolver tras a última xornada de folga do luns
- 08 Feb 2018

A terceira xornada de folga das cinco convocadas no servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) rexistrou un seguimento case total, xa que 13 dos 14 operarios/as secundaron a medida. O persoal de Ferrovial decidirán este venres en asemblea as accións a desenvolver tras o último día de paro, previsto para o luns.

Dende a CIG-Industria de Ourense denuncian que a pesar do éxito da convocatoria e das concorridas mobilizacións polos arredores do centro sanitario -nas que tamén participa o persoal do servizo de limpeza e delegados/as da central doutras empresas- a dirección de Ferrovial segue a facer “ouvidos xordos” ás reivindicacións dos traballadores/as, que reclaman o cumprimento do convenio.

Diante disto, o cadro de persoal celebrará unha asemblea este venres para decidir as medidas a adoptar unha vez rematada a última xornada de paro, prevista para o luns día 12.