A presión sindical logra que o Concello de Vigo exclúa o centro comercial A Laxe da zona de liberalización horaria

CIG, CCOO e UGT aplauden un acordo que foi avalado por traballadores/as e colectivos

Vigo -

O anuncio de mobilizacións por parte da CIG, CCOO e UGT fixo que o Concello de Vigo optase finalmente por excluír o centro comercial A Laxe da zona que vai ser proposta á Xunta para que sexa declarada de grande afluencia turística, o que permitiría ampliar a liberalización de horarios comerciais. As tres centrais, que se opoñen a que a medida abarque toda a cidade, aplauden un acordo que foi avalado en asemblea por traballadores/as do sector, colectivos veciñais e representantes do pequeno e mediano comercio.

Os secretarios comarcais dos tres sindicatos compareceron este mediodía en rolda de prensa para ofrecer os detalles dun acordo que deixa fóra tanto a área onde se ubica o centro comercial A Laxe -principal reclamación das centrais ao entender que precarizaría as condicións laborais e iría en detrimento do pequeno e mediano comercio da cidade- como o Barrio do Cura, zona que na súa opinión carece de interese turístico.

En canto ao Ensanche, a declaración de zona de grande afluencia turística só sería efectiva até a rúa Pontevedra, xa que nese perímetro non existe a posibilidade de ubicar un negocio de máis de 300 metros cadrados, o que non afectaría o pequeno e mediano comercio, xa que a actual normativa autonómica xa liberalizou os horarios para todos aqueles de menos desta superficie.

Dende as tres centrais consideran que se trata dun “bo acordo” e lembran que foi avalado en asemblea por máis de 100 traballadores/as do sector e representantes de colectivos veciñais e do pequeno e mediano comercio. Explican que a súa vixencia- no caso de que sexa finalmente aplicado pola Xunta, que ten a última palabra- é de cinco anos, aínda que revisábel ano a ano, tal e como establece a normativa.

Volver