A primeira xornada de folga no metal pontevedrés paraliza o sector e deixa sen actividade os estaleiros

As centrais sindicais instan a patronal a “tomar nota” e a negociar un convenio colectivo cunhas condicións laborais dignas
Vigo/Pontevedra - 15 Xun 2023

A primeira xornada das tres convocadas no metal da provincia de Pontevedra paralizou totalmente o sector e deixou sen actividade os estaleiros das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa. Dende as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT instan a patronal a “tomar nota” e a negociar un convenio colectivo que contemple unhas condicións laborais dignas.

Milleiros de traballadores/as tomaron hoxe as rúas de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, nunhas mobilizacións que lembraron as históricas protestas desenvolvidas polo sector anos atrás en defensa do convenio provincial. Dende ben cedo os piquetes informativos percorreron os principais polígonos industriais da provincia, nos que comprobaron que o seguimento do paro estaba a ser absolutamente masivo. Así se evidenciou posteriormente nas concorridas manifestacións celebradas nas dúas cidades ao berro de “convenio do metal, solución”.

Dende as centrais sindicais convocantes -a CIG, CCOO e UGT- instaron a patronal a “tomar nota” da demostración de forza feita polos traballadores/as dun sector que reclama unhas condicións laborais dignas. Pola contra, o empresariado insiste nas súas propostas “insultantes” e pretende sacar adiante un convenio cunha suba salarial totalmente insuficiente que non contempla ningunha das reivindicacións da parte social.

De feito, nas dúas últimas xuntanzas, celebradas o luns e o martes pasado, a patronal só se amosou disposta a chegar a un incremento de soldos do 1% en 2023, do 2% en 2024 e do 2,5% en 2025, en ningún caso con cláusula de revisión salarial. Ademais, teima en reducir os tres días por nacemento de crianzas, conxelar os valores dos desprazamentos, limitar as vacacións e non aplicarlle ao grupo 1 a suba de soldos que se pacte.

Novas xornadas de paro

Tampouco desiste da súa intención de permitir a entrada das ETT no sector e néganse a aceptar a redución de xornada anual que propoñen os sindicatos (24 horas), aceptando unicamente que sexa de oito horas.

En consecuencia, dende as centrais insisten que seguirán a mobilizarse “con contundencia” até que o empresariado “se tome en serio as negociacións e deixe de dilatar o proceso”. Polo pronto, lembran que hai convocadas dúas novas xornadas de folga no sector para os vindeiros martes 20 e xoves 22 de xuño.