A primeira xornada de folga no sector do siderometal de Ourense rexistra un seguimento maioritario

O paro convocado pola CIG para reclamar un convenio digno afecta ás principais empresas
Vigo - 22 Xun 2016
A folga convocada pola CIG no sector do siderometal de Ourense para reclamar un convenio digno rexistrou un seguimento maioritario nas principais empresas e concesionarios da provincia a pesar do intento de boicot da patronal e dos sindicatos CCOO e UGT. Dende primeira hora da mañá un nutrido piquete percorreu os polígonos industriais para comprobar a incidencia do paro e informar aos poucos traballadores/as que optaron por acudir ao seus postos. Tamén se celebrou unha manifestación que pasou pola sede da Confederación de Empresarios.

(Galería de imaxes)

A primeira das dúas xornadas de folga convocadas pola CIG en solitario para reivindicar un convenio digno para o sector do siderometal da provincia de Ourense discorreu dende primeira hora da mañá cunha participación maioritaria. En empresas como Gestamp -a principal do sector- só traballaron no turno de noite uns 20 traballadores/as, fronte aos 120 habituais, paralizando a área 2 e a zona de pintura.

Na quenda de mañá á zona de pintura só acudiu unha persoa (delegado de CCOO), mentres que moi poucos operarios/as acudiron a traballar ás plantas. No que atinxe aos concesionarios de zonas como Quintela ou Barreiros o seguimento foi masivo, con Hyunday, Apersa, Autogal ou Nissan completamente paralizados á hora da apertura.

Un nutrido piquete percorreu os principais centros de traballo dende as 6.00 horas, verificando nuns casos que os operarios/as non acudiron aos seus postos, e noutros convencendo aos que sí o fixeron para que secunden o paro, lembrándolles que o convenio expirou hai catro anos e que as centrais estatais preparan a sinatura dun novo moi lesivo para os seus intereses.

O éxito da convocatoria vén precedido dunha campaña de boicot das centrais minoritarias do sector, CCOO e UGT, cuxos representantes acudiron a traballar. É o caso de José Luis Bravo Montero, dirixente do metal de UGT en Ourense e candidato número catro nas eleccións ao Congreso polo PSOE, que mesmo increpou os folguistas no polígono de Quintela. A Policía española, pola súa parte, acudiu dende primeiras horas ao piquete de Gómez y Crespo, cunha actitude pouco democrática, identificando ao secretario confederal de Organización da central nacionalista, Paulo Carril.

Coincidindo con esta primeira xornada de folga, a CIG, principal sindicato do sector na provincia cun 40% de representatividade, tamén convocou unha manifestación polas rúas de Ourense que se desenvolveu ao mediodía. Na marcha, que pasou pola sede da Confederación de Empresarios, participaron varios centos de traballadores/as.

Xa pola tarde, os piquetes informativos trasladáronse até as instalacións de Gestamp, a principal empresa do sector do siderometal na provincia de Ourense.