A Residencia de Maiores de Sarria adebeda a nómina de novembro ao seu persoal

CIG-Lugo denuncia a discriminación destas traballadoras/es respecto do resto de persoal do Concello

Lugo -

A CIG de Lugo vén de denunciar que a esta altura o persoal da Residencia de Maiores de Sarria aínda non cobrou a nómina do mes de novembro. Un atraso que considera “discriminatorio” respecto do resto do persoal do concello, ao que si se lle fixo o ingreso da nómina.

Para a CIG de Lugo esta situación é “inadmisíbel” co agravante de que “é reiterada”. Por iso denuncia a incapacidade do goberno municial para darlle unha solución a esta problemática.

Equiparación

A CIG de Lugo exixe que as traballadoras e traballadores da Residencia de Sarria sexan dunha vez por todas equiparadas ao resto do persoal municipal, xa que teñen recoñecido por sentenza xudicial que son persoal do Concello a todos os efectos, agás nas retribucións salariais, que se deberán negociar entre as partes. “É por tanto unha obriga do Concello adoptar as medidas necesarias para que non se produzan discriminacións do persoal da Residencia con respecto ao resto do persoal do Concello”, asegura o secretario de Organización, Lois Neto.

Neto explica ademais que para que se dea unha solución a esta problemática no atraso do pago dos salarios do persoal da Residencia é preciso que, dunha vez por todas, a xestión administrativa da Residencia sexa xestionada directamente polo Concello de Sarria, posto que a existencia de dúas unidades adminstrativas á hora de xestionar as nóminas ten sido en moitas ocasións a causa de atrasos nos pagos. “Se as traballadoras son persoal vencellado ao convenio do Concello de Sarria, non ten lóxica que as súas nóminas sexan emitidas nunha unidade administrativa diferente, para despois ter que ser asinadas pola intervención do Concello. O lóxico é que se xestionaran igualmente ás nóminas do resto do persoal do Concello”, explica.

Denuncia perante a Inspección

A CIG de Lugo informa que denunciará esta situación de discriminación diante da Inspección de Traballo e abordará coa súa asesoría xurídica a posibilidade de adoptar medidas legais por esta situación.

Xunto a isto anuncia que valorará co cadro de persoal da Residencia a adopción de medidas de protestas por esta “inxusta e persistente situación de discriminación”.

Volver