A sanidade privada da Coruña leva as mobilizacións por un convenio digno ás portas do SERGAS

Irá á folga o mércores 7 de febreiro logo de que a patronal presentara unhas táboas salariais que non chegan aos 1.000 euros
Nacional - 05 Feb 2024

Persoal da sanidade privada da provincia da Coruña concentrouse esta mañá diante do SERGAS para demandarlle á consellaría de Sanidade que “interceda” ante a patronal, a Asociación de Centros de Asistencia Sanitaria da provincia, “coa fin de romper o bloqueo na negociación do convenio colectivo”. Representantes da plataforma sindical, conformada por CIG, CCOO e UGT, rexistraron ademais un escrito no que solicitan ser recibidos polo conselleiro para poder dar traslado da situación na que se atopan.

No escrito, a representación sindical explica que a día de hoxe “as negociacións atópanse en puntos moi distantes”, principalmente nos temas de xornadas, táboas salariais e complementos. Temas onde a patronal négase a chegar aos mínimos xa advertidos pola parte sindical, que non van máis alá que a xornada media do sector no Estado ou que as táboas partan do SMI legal publicado respectando a diferenza salarial existente entre categorías.

Do mesmo xeito solicitan que retiren a proposta de modificar a contía que se cobra actualmente polos trienios e tamén a proposta de eliminar o pago do 100% das retribucións en caso de IT.

De feito, na última reunión mantida coa patronal, o pasado 2 de febreiro, esta ratificou a súa negativa a ceder nestes aspectos, polo que “esta plataforma sindical vese na obriga de acentuar as medidas de presión dentro do noso dereito de liberdade sindical”.

Salarios por debaixo do SMI

Segundo explicou Miguel Tizón, representante da CIG na mesa de negociación, no decurso da concentración, a patronal presentou na reunión do pasado venres, unha nova proposta que segue incluíndo a baixada dos trienios, dos tres primeiros días de baixa e sen incluír o cobro dos domingos. “Estas eran as tres cuestións ás que nós condicionabamos o acordo”, explica.

Nese sentido lembra que os tres primeiros días de baixa, por norma, non se cobran, pero “nós tiñamos unha mellora de convenio xa de anos anteriores, pola que cobrabamos o 100% do salario e a patronal o que quere é modificalo para que cobremos só o 50%, a metade do salario”.

Denuncia ademais que a patronal presentou tamén unhas novas táboas salariais que “non é que non cheguen a este SMI, é que non chegan nin ao SMI de 1999, nin aos 1.000€”.

Por iso manteñen a convocatoria da xornada de folga prevista para o vindeiro mércores, 7 de febreiro, que afectará a todo o persoal da sanidade privada da provincia da Coruña. Ademais, ese mesmo día haberá unha manifestación na cidade da Coruña, que sairá ás 18:30h da Praza de Ourense.

O convenio atinxe aos establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas. As empresas que forman parte da asociación patronal lexitimada para negociar son as actuais donas dos hospitais privados e as que teñen un acordo coa Consellería de Sanidade polo que prestan un servizo á sanidade pública. Por iso apuntan que “a precaria situación do persoal inflúe na prestación sanitaria que se da nestes centros”.

Xunto a isto advirten que “é evidente que as medidas de presión ás que nos vemos na obriga de levar a cabo tamén están incidindo na actividade sanitaria concertada coa Consellería de Sanidade”.