A sección sindical da CIG asegura que haberá conflito no Concello de Santiago

Compostela Aberta rexeitou todas as alegacións da central sindical ao orzamento para o ano 2018

Compostela -

O pasado mércores 21 de febreiro o Pleno da Corporación rexeitou as alegacións formuladas pola sección sindical da CIG aos orzamentos do Concello para 2018, cos votos de Compostela Aberta, a abstención do PP e cos votos en contra dos grupos municipais do PSdeG e BNG.

As alegacións foron defendidas directamente no Pleno polo responsable da sección sindical Xavier Picón, que comezou afeando ao goberno municipal o feito de levar a resolución do Pleno do día 21 as alegacións, cando estaba convocada para o 22 unha mesa xeral de negociación na que deberían debaterse as mesmas.

A este respecto Picón lembrou, na súa intervención, que estas alegación foran presentadas o 9 de febreiro e denunciou que “o goberno municipal non nos convocou para tratar este asunto na mesa até que llo pedimos por escrito”. Por iso asegurou que “non nos parece este o trato adecuado aos representantes da persoas empregadas municipais” e o considerou unha “falta de respecto”.

Atender os acordos colectivos

Ao fío do escrito de alegacións, Picón demandou do Pleno que se tivera en conta a alegación primeira relativa á dotación dunha partida específica para atender a carreira horizontal dos Acordos Colectivos e que se fixara polo Pleno o prazo do 30 de xuño para aprobar o regulamento de carreira profesional e avaliación do desempeño.

Lembroulle ao Alcalde os seus compromisos de dar cumprimento aos Acordos Colectivos, pero a alegación foi “despachada”, segundo explica o representante da CIG, polo goberno municipal baixo o pretexto de que sen ter o regulamento aprobado non se pode incluír a partida específica.

Fronte a isto, no propio pleno, Picón subliñou que “outras administracións locais xa aprobaron o regulamento da carreira hai uns anos e xa a están a aplicar de acordo co que di a lei” mentres que “o alcalde ten no seu despacho unha colección de regulamentos de carreira profesional doutras administración coa que lle obsequiamos nunha das nosas visitas”.

Por iso anunciou que o persoal, diante desta situación se ve abocado “irremediablemente, a repetir o conflito que xa tivo lugar en anos anteriores”.

Complementos específicos

No que ten a ver coa alegación da corrección dos complementos específicos do persoal temporal (laboral ou interino) e de novo ingreso, o goberno indicou que só se podería atender mediante unha modificación da RPT, pero nin traen a RPT á mesa de negociación nin a inclúen no proxecto de orzamentos, como marca a lei.

En relación coa proposta de creación da Subescala do grupo B, que establece o EBEP e os Acordos Colectivos, de novo remitiron á RPT, pero non aceptaron incluíla no cadro de persoal. “E cando alegamos dicindo que inclúan a RPT no proxecto de orzamentos dinnos que ese non é motivo para presentar alegacións”, asegura Picón.

Para o representante da CIG os argumentos para rexeitar as alegacións da Concelleira de Persoal “son un auténtico manual de cómo marear a perdiz”. A este respecto sinala que está claro que a potestade regulamentaria para aprobar o regulamento e modificar a RPT correspóndelle ao goberno municipal, “pero logo de cumprirse xa mil días de mandato, non fixeron nin unha cousa nin a outra, e nin sequera se aveñen a comprometer un prazo para aprobalo”.

Abandono da mesa

A sección sindical da CIG no concello de Santiago cualifica a xuntanza da mesa de negociación celebrada este xoves día 22 como “un auténtico fiasco”, e ante a falta de propostas, respostas ou compromisos concretos por parte da concelleira, tanto a CIG, como CC.OO. e SPPME, abandonárona.

Nos próximos días a CIG proporá unha xuntanza unitaria de todos os sindicatos con presenza na Xunta de Persoal e Comité de Empresa para propoñer un calendario de mobilizacións do que se irá informando ao persoal nas distintas xuntanzas que se convoquen nos distintos centros de traballo.

 

Volver