A Sección Sindical da CIG en Abante BPO Lugo denuncia incumprimentos nas condicións mínimas de seguridade e saúde no traballo

A empresa non adoptou ningunha medida para corrixir as deficiencias, a pesares da acta emitida hai oito meses pola Inspección

A Coruña -

A Sección Sindical  da CIG en Abante B.P.O. Lugo, a empresa máis grande do sector contac center na provincia de Lugo, denuncia “a absoluta desidia e desinterese” da compañía para abordar e solucionar problemas relativos ás condicións ambientais e niveis de iluminación en todo o centro de traballo.

Esta situación xa foi denunciada por unha delegada de prevención en xullo de 2015, sendo emitida acta pola Inspección de Traballo en outubro dese ano na que se require  a adopción de medidas necesarias en materia de Emerxencias, así como para o cumprimento que estabelece a Lei no respecto das condicións ambientais e os niveis de iluminación. Porén, “oito meses despois a empresa continua sen adoptar ningunha medida, algo absolutamente incomprensíbel e de absoluto desprezo polas condicións de traballo dos e das súas empregadas”.

No centro de traballo, subliñan dende a Sección Sindical da CIG, as condicións de temperatura son deficientes durante o inverno, pero “convértense en insoportábeis” durante os meses de verán, xa que as temperaturas que se rexistran nos postos de traballo incumpren con moito a marxe estabelecida pola lexislación vixente.

“Desde a Sección sindical da CIG vimos de requirir á empresa a urxente solución destes problemas a través das medidas preventivas definitivas, mais tamén a adopción de medidas preventivas transitorias ou temporais de cara á tempada estival, na que xa estamos inmersos”.

No caso de que a empresa non adopte medidas, a central adoptará todas as medidas legais e de presión necesarias para reverter esta situación.

“Non é de recibo, que unha empresa cun centro de traballo de arredor de 400 persoas (entre cadro de persoal e ETT´S) se manteña absolutamente á marxe da legalidade en materias tan importantes como son as emerxencias e as condicións ambientais e niveis de iluminación”, conclúen.

Volver