A Sección Sindical da CIG no Concello de Fene pide a dimisión do voceiro municipal do PSOE

Polas declaracións que fixo nun programa insinuando prácticas de nepotismo do persoal municipal

Fene -

A Sección Sindical da CIG no Concello de Fene vén de reclamar a dimisión do voceiro do grupo municipal do PSdG-PSOE, Antón Lois Noceda Carballo, polas declaracións realizadas no programa “Espacio Abierto” da Televisión de Ferrol emitido o pasado 08-06-2017. Nas mesmas, denuncian, polo político insinuou, "en base a presuntas militancias e relacións de parentesco, prácticas de nepotismo dos/as traballadores/as municipais que conformaron e conforman os tribunais cualificadores para a provisión de diferentes postos de traballo".

Ante estas insinuacións, a Sección Sindical da CIG emitiu un comunicado que pasamos a reproducir:  

1.   "Non imos perder nin un minuto en rebater unhas insinuacións tan falsas coma tendenciosas, que se desmenten por si soas e que son máis propias dun auténtico irresponsábel ou de alguén que non está no seu xuízo, que dun digno representante dos veciños e veciñas de Fene".

2.   Non estamos dispostos/as a consentir que ninguén intente agochar a súa propia incapacidade para exercer o cargo de concelleiro calumniando e intentando poñer en cuestión a honradez e profesionalidade dos traballadores e das traballadoras municipais.

3.   Reservámonos a adopción das medidas que consideremos oportunas para poñerlle couto a este tipo de prácticas que sobardan a liberdade de expresión e o lexítimo dereito á crítica para entrar de cheo no ataque ao honor e á propia imaxe dos traballadores e das traballadoras municipais.

4.  Reclamamos da executiva provincial do PSdG-PSOE que desautorice publicamente as declaracións do voceiro do grupo municipal socialista no Concello de Fene quen, nesta e noutras moitas ocasións, amosou a súa falta de ética política e de respecto para cos traballadores e traballadoras municipais.

Por todo o exposto, esixe a dimisión como concelleiro de Antón Lois Noceda Carballo".

Fene, 15 de xuño de 2017

Volver