A Secretaría da Muller da CIG de Vigo organiza novas actividades sobre feminismo e empoderamento

A programa, a desenvolver en outubro e novembro, inclúe obradoiros, faladoiros e un espazo lúdico-festeiro
Vigo - 03 Out 2016
A Secretaría da Muller da CIG de Vigo vén de presentar as novas actividades que integrarán o seu programa durante os meses de outubro e novembro. Unha vez máis, os temas principais xirarán arredor do feminismo e do concepto de empoderamento e incluirán obradoiros, faladoiros e un espazo lúdico-festeiro.

A primeira das xornadas -todas elas abertas e gratuítas- terá lugar este mesmo mércores 5 no local da CIG en Vigo (Gregorio Espino, 47) e consistirá nun faladoiro sobre feminismo no que participarán Vitoria Iglesias, integrante da Marcha Mundial das Mulleres; Nanina Santos, do colectivo Andaina; Luisa Ocampo, de Mulleres Nacionalistas Galegas; e Raquel Doval, activista feminista. A charla celebrarase de 19.00 a 21.00 horas.

Para o martes 11 hai fixado un taller práctico de autoestima a cargo de Elisabet Pérez. Será tamén no local do sindicato na cidade de 19.00 a 21.00 horas. Unha semana despois, o martes 18, está previsto un faladoiro baixo o título 'Sufrindo as presións do patriarcado' no que tomarán a palabra Laura Bugalho (activista trans), Mai Insúa (de Lésbicas Creando) e Elisabet Pérez (de Nós Mesmas).

As actividades cambiarán de ubicación o mércores 26, cando se celebre o obradoiro de empoderamento erótico 'Creando a nosa erótica'. Será na sala multiusos do pavillón polideportivo de Bouzas de 19.00 a 21.00 horas e correrá a cargo de Mai Insúa e Mari Fidalgo.

Xa en novembro, e tamén no pavillón de Bouzas, haberá un novo obradoiro de empoderamento impartido por Mai Insúa e Mari Fidalgo, nesta ocasión baixo o epígrafe 'Vivenciando o pracer'. Será o día 9 de 19.00 a 21.00 horas.

O martes 15 as actividades volven ao local da CIG cun faladoiro titulado 'Como enfrentarnos ao futuro como feministas' e no que participarán Transi Fernández, sindicalista da CIG, e Chelo Martínez, de Cerna. Desenvolverase tamén entre as 19.00 e as 21.00 horas.

Finalmente, o programa de actividades rematará cun espazo lúdico-festeiro do Colectivo de Empoderamento que se celebrará na cafetería Teatro, na rúa Bolivia, 10, de Vigo o mércores 23 de 19.00 a 21.00 horas. As actuacións correrán a cargo de Alba María e Alejandro Vargas.

As persoas interesadas en participar poden facer a inscrición cubrindo o tríptico informativo e entregándoo tanto nos locais do sindicato como na sede da Secretaría da Muller. Tamén existe a posibilidade de formalizar a inscrición a través do teléfono 986 827 900 ou por correo electrónico: escoladeempoderamentotres@gmail.com.