A Secretaría das Mulleres da CIG concentrarase, o 22-N, nos Xulgados de Compostela baixo o lema #NinUnhaMáis

Celebra o IV Encontro Nacional de Mulleres, no que debaterá sobre a xornada de loita do 8-M
Nacional - 16 Nov 2018

A Secretaría das Mulleres da CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, os actos que vai desenvolver a central sindical arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Así, tal e como anunciou Margarida Corral, para o vindeiro día 22 está convocado o IV Encontro Nacional de Mulleres, no que alén de analizar o traballo desenvolvido ao longo de 2018, as participantes debaterán sobre a xornada de loita do vindeiro 8-M. Ás 12:00 horas dese mesmo día está convocada unha concentración diante dos xulgados de Compostela baixo o lema “Imos fartas do Acoso e da Violencia machista”. Ademais Corral chamou a participar activamente nas mobilizacións convocadas polo feminismo en Galiza.

A secretaria das Mulleres da CIG lembrou que “a pesar da rotunda resposta que demos as mulleres nas rúas o pasado 8 de Marzo, o certo é que os gobernos só recoñeceron o éxito da convocatoria do movemento feminista”. Porén denunciou que “non asumiron ningunha proposta política, social ou económica real do feminismo de clase para combater as desigualdades de xénero”.

Fixo un repaso das moitas accións levadas a cabo pola central sindical desde esa histórica folga de mulleres “contra as discriminacións por razón de xénero no mundo do traballo” no marco dunha campaña sostida no tempo a través da cal “pretendemos identificar, denunciar, sensibilizar e combater as discriminacións que sofren as mulleres, polo feito de o seren, no mundo laboral”, afirmou.

Violencia machista

Denunciou que, malia isto, os casos de acoso e doutros tipos de violencia machista “seguen sendo esmagadoramente altos” e sinalou que, por iso, o sindicalismo nacionalista leva moitos anos “instando á negociación de protocolos de prevención e actuación ante situacións de acoso laboral, por razón de xénero e identidade afectivo/sexual, de plans de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”, con medidas reais a efectivas de prevención e actuación contra este tipo de situacións que na meirande parte dos casos, son documentos que “ou non se negocian, ou son simples declaracións de intencións que fican no fondo dun caixón”.

“Imos fartas do Acoso e da Violencia do Traballo”

Explicou que, por iso, este ano as mulleres da CIG clamarán “#NinUnhaMáis” para exixir “que non haxa unha muller máis acosada no traballo, agredida física, psicolóxica ou sexualmente, nin unha máis que sufra violencia económica, patrimonial, simbólica, obstétrica ou institucional”, porque, tal e como versa o lema da campaña deste ano “imos Fartas do acoso e da violencia machista”.

A campaña irá acompañada do cancelo "#NinUnhaMáis", que segundo explicou “obedece á necesidade de esixir que non haxa unha muller máis acosada no  traballo, agredida física, psicolóxica ou sexualmente, nin unha máis que sufra violencia económica, patrimonial, simbólica, obstétrica ou institucional”.

Os datos: En Galiza 16 mulleres ao día son vítimas de agresións machistas

Seis mil mulleres (16 ao día) foron vítimas de agresións machistas en Galiza, “unha auténtica barbaridade” e unha tendencia que, segundo Margarida Corral “se mantén” xa que os casos que seguen entrando nos xulgados galegos manteñen esa tendencia negativa. Así lembrou que os últimos datos dispoñíbeis, correspondentes ao primieiro trimestre, “deixan un mal panorama”, xa que “case 1.400 galegas son vítimas de violencia machista”.

Nos últimos quince anos máis dun medio centenar de mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas en Galiza. No que vai de ano foron tres os feminicidios:

  • 18/6/2018 María Magdalena Moreira Alonso, de 47 anos, foi asasinada a tiros na Parroquia de Chenlo, no Porriño,  polo seu marido Tomás Romero Iglesias, de 57, o día no que tiñan previsto asinar o divorcio.
  • 18/7/2018 María Judite Martins Alves, de 57 anos, foi degolada polo seu marido, Ramón S.G. no piso que ambos compartían na Coruña
  • 20/08/2018 Ana Belén Varela Ordoñez, de 50 anos, foi asasinada a tiros polas costas polo seu marido, Julián G.P, de 56 anos, en Cabana de Bergantiños.

“Son cifras dunha violencia que non deixa de aumentar”, afirmou Corral, quen constatou un incremento do 17,5% no número de mulleres que sufriron agresións machistas en Galiza, cun total de 6.001 vítimas, fronte ás 5.104 vítimas que se contabilizaron no 2016.

Os datos da Fiscalía galega indican tamén un aumento no número de denuncias que chegaron aos xulgados galegos, xa que no 2017 se presentaron 6.463, fronte ás 5.683 do ano anterior, o que supuxo un 13,7 % máis.

Diante disto Corral matizou que esta é unha violencia que “non só se produce no fogar, por parte das parellas ou exparellas, senón de coñecidos, de compañeiros de traballo, de xefes, de médicos...e que ten como vítimas a traballadoras do comercio, a técnicas de aeroporto, a limpadoras, a condutoras de autobuses, mesmo a vixiantes de seguridade e policías”. E subliñou que desde a secretaría solicitouse a posta en marcha de protocolos de actuación ante o acoso. “Instamos á adopción de medidas dirixidas a rematar coas agresións machistas no traballo, moitas delas lográmolas tras pelexalas nos xulgados”. 

Chamada á mobilización

Para responder a esta opresión, Margarida Corral chamou a participar nos debates que se producirán no IV Encontro Nacional de Mulleres que terá lugar en Compostela o 22 de novembro ás 10 na EGAP e á mobilización posterior ás portas dos Xulgados ás 12:00 horas.

Unha xornada na que as asistentes farán balance das accións levadas a cabo pola central sindical contra as discriminacións por razón de xénero no mundo do traballo desde a folga de mulleres e na que analizarán a actual situación política e laboral.

Ademais as mulleres da CIG abordarán o debate e a posta a punto das propostas do feminismo de clase para combater esta situación “coa ollada posta nunha nova xornada de loita para o vindeiro 8 de Marzo”, sinalou.

Para Corral, “mentres os gobernos non garantan os dereitos das mulleres a vivir unha vida sen violencia e sen discriminacións, mentres non se garanta que o lugar de traballo é un espazo libre de acoso e hostilidade contra as traballadoras, non imos parar de mobilizarnos”.

Ademais a secretaría das Mulleres da CIG de Compostela ten previstos dous actos que se desenvolverán, un o vindeiro luns día 19 de novembro, ás 19:30 horas, na libraría Lila de Lilith, no que se proxectarán as dúas curtas galegas “Corazón amoratado”, de María Calvo, Uxía Carreira, Mencía González e Gara Sanda, alumnas do IES Puga Ramón, e “Metamorfose”, de Xián Barreiro Codesido, do CPI Fonte Díaz de Touro.

A palestra concluirá cun debate que se desenvolverá ao remate da vídeo-charla de Carmen Ruíz, sobre a escalada cíclica da violencia nas relacións amorosas e sexuais na adolescencia.

O luns 26 de novembro ás 19:00 horas, desenvolverase outra palestra-café da xuíza de Vigo, Paz Filgueira Paz, baixo o título “Xulgando a violencia machista” na Casa de Mulleres Xohana Torres.

Ademais, e tamén no marco das mobilizacións e accións convocadas pola CIG arredor da data do 25 de novembro, está convocada unha concentración en Rianxo para denunciar recentes casos de violencia sexista contra as mulleres, que terá lugar o día 22 de novembro, ás 20:00 horas, diante da casa do concello.

Manifestación nacional

A secretaria nacional das Mulleres da CIG fixo ademais un chamamento a saír á rúa e participar activamente nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas da Galiza e afirmou que “non imos permitir nin un retroceso máis nos nosos dereitos”.

Lugares e horas

Vigo: 12:00 h, cruce de Vía Norte con Urzáiz (Feminismos Vigo)

Lugo: 12:00h, diante do concello (Plataforma Feminista Lugo)

Ourense: 12:00 h. Acción de rúa (Praza Maior)

                   19:00 h. Obradoiro de pasamontañas (Subdelegación Goberno)

                   20:30 h. Manifestación (saída Subdelegación Goberno)

A Coruña: 20:00 h, desde o Obelisco (Feminismos A Coruña)

Ferrolterra: 19:00 h Manifestación + batukada e performance desde praza da Gándara. Narón.

Compostela: 12:00 h, desde a Praza 8 de Marzo (Feminismos Compostela)

A Estrada: 11:30 h concentración diante do concello

As Pontes: 11:30 h Concentración na Praza do Hospital

Corral concluíu chamando ás mulleres a organizarse. “Loitemos contra a exclusión, a marxinación, a pobreza, a violencia e o machismo que sufrimos como mulleres, como traballadoras, como galegas. Querémonos vivas e libres. Combatamos a violencia machista avanzando un chanzo máis na loita. #NinUnhaMáis”.