A seis meses, Gaza en ruínas

Sergio Ferrari - 12 Abr 2024

A historia resistente da poboación palestina desde hai décadas non augura que a opción bélica de Israel lle poida pór fin a un histórico proceso de autodeterminación en marcha

Cifras da agresión bélica

 Ás cotiás imaxes desoladoras de Gaza súmanse agora as cifras que certifican a destrución desta rexión de Palestina, reducida, practicamente, a cascallos.

 Diversas organizacións internacionais contabilizan entre outubro de 2023 e inicios do presente abril 32.600 palestinos mortos (70% mulleres, nenos e nenas), 75.000 feridos, 1.9 millón de desprazados e uns 17.000 menores separados das súas familias.

 Unha nova análise conxunta do Banco Mundial e as Nacións Unidas, elaborada co apoio da Unión Europea e publicada como Informe de Avaliación Provisional, cuantifica os custos resultantes da acción militar de Israel en Gaza desde outubro 2023 até fins de xaneiro de 2024: “uns 18.500 millóns de dólares” de perdas, equivalente ao 97% do Produto Interno Bruto (PIB) combinado de Cisxordania e Gaza para 2022.

 Segundo esta análise, ese impacto negativo golpea a todos os sectores da economía. “A vivenda representa o 72% dos custos. As infraestruturas de servizos públicos, como a auga, a saúde e a educación, representan o 19%, e os danos en edificios comerciais e industriais, o 9%”. O PIB de Gaza caeu un 86% no último trimestre de 2023 e o nivel de desocupación oscila ao redor do 75%.

 Dramático recoñecemento: “En varios sectores, o ritmo dos danos parece estar a se estabilizar debido a que son poucos os activos que permanecen intactos”. É dicir, practicamente xa non queda nada que se poida destruír, como o evidencian os 26 millóns de toneladas de cascallos produto dos incesantes ataques militares contra a Franxa. O que supón que, unha vez finalizada a agresión bélica, se van necesitar varios anos para a remoción de cascallos e a limpeza de terreo, punto inicial de calquera plan de reconstrución.

Sufrimento a gran escala

 Por outra banda, entre o 25 de febreiro e o 15 de marzo máis de 2 millóns de gazatís padeceron niveis agudos de inseguridade alimentaria, correspondentes á fase superior (3) da Clasificación Integrada das Fases de Seguridade Alimentaria (CIF). Dese total, uns 677.000 experimentaron inseguridade alimentaria catastrófica (fase 5), definida pola falta de alimentos e fame, así como polo esgotamento das capacidades humanas para facer fronte á situación.

 A infraestrutura ligada á auga e o saneamento (con só un 5% de funcionamento respecto dos niveis anteriores a outubro de 2023) está practicamente colapsada e a poboación depende case exclusivamente de racións limitadas para subsistir. Calcúlase que a subministración actual dispoñíbel é duns 3 a 7 litros diarios per capita.

 Segundo o Banco Mundial e a ONU, máis dun millón de persoas carecen hoxe dunha vivenda e o 75% da poboación viuse obrigada a desprazarse. “Os efectos catastróficos cumulativos sobre a saúde física e mental impactaron con maior dureza ás mulleres, os nenos, os anciáns e as persoas con discapacidades, e prevese que os máis pequenos padecerán consecuencias para sempre”.

 Co 84% das instalacións sanitarias danadas ou destruídas e a falta de electricidade e auga para o funcionamento das estruturas sanitarias aínda en pé, os habitantes de Gaza case non teñen hoxe acceso a atención médica.

 Neste escenario desolador, coa destrución de máis dun 90% das principais estradas, o apagamento eléctrico case total desde o inicio das hostilidades e a constante presión militar israelí, faise moi difícil a entrega de axuda humanitaria á poboación.

Unha infancia martirizada

 En canto ao sistema educativo, o Informe sinala que este se esfarelou por completo, afectando os seus 625.000 estudantes e 22.564 profesores. Para un estudante gazatí de 15 anos, o actual conflito é o quinto que debeu soportar na súa vida e o máis devastador de todos.

 Os danos á infraestrutura educativa ascenden a 341 millóns de dólares. Cincuenta e seis escolas quedaron totalmente destruídas e outras 219 sufriron danos parciais. Moitos dos centros escolares restantes están a utilizarse como refuxios para desprazados internos.

De mal a peor

 A conmoción actual da economía de Gaza como consecuencia do conflito agrava unha historia polo demais complexa. Antes desta última fase do conflito, os bloqueos israelís contra Gaza e as recorrentes crises económicas ligadas á situación de dependencia desa rexión causaron niveis persistentemente altos de pobreza, desemprego e baixo desenvolvo económico.

 En vésperas deste último conflito, o 63% da poboación vivía na pobreza e 8 de cada 10 persoas recibían algún tipo de axuda. As alarmantes taxas de desemprego alcanzaron o 45,1% en setembro de 2023 (59.5% dos mozos afectados). O réxime de bloqueos impostos polos israelís limitou gravemente o fluxo de persoas e mercadorías, a actividade do sector privado e o acceso ao financiamento.

 Mesmo cando a agricultura seguía ofrecendo oportunidades de emprego e proporcionando alimentos a unha parte substancial da poboación, de todos os xeitos, xa enfrontaba numerosos retos, como o acceso limitado a terras cultivables, recursos hídricos, fertilizantes e outros insumos, así como restricións á circulación.

 Aínda antes do 7 de outubro de 2023, cando Hamás atacou a Israel, máis da metade dos seus habitantes xa dependían estruturalmente de axuda alimentaria externa. Ao redor de 1.5 millóns na Franxa contan co estatuto de refuxiados e historicamente recibiron educación, sanidade, beneficios por pobreza, emprego e outros servizos da Axencia de Nacións Unidas para a Poboación Refuxiada de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA, a súa sigla en inglés), hoxe fortemente cuestionada por Israel.

 A fins de xaneiro, as autoridades israelís denunciaron que unha ducia de empregados da UNRWA participara nos ataques terroristas de Hamás o 7 de outubro co saldo de máis de 1100 mortes e 120 secuestrados.

 Aínda que a UNRWA os despediu de inmediato, Israel continuou aumentando a súa presión internacional para que os Estados membros da ONU suspendesen as súas contribucións monetarias a esta axencia. A UNRWA viviu entón un verdadeiro calvario. Nas últimas semanas a devandita sanción foise levantando debido a que varias nacións da Unión Europea, ademais de Canadá e Suecia, reiniciaron a súa asistencia financeira despois dunha suspensión temporal desde fins de xaneiro. O 2 de abril Xapón anunciou que reinicia a súa contribución á UNRWA. Desta maneira foise consolidando a tendencia internacional a renovar o apoio financeiro á axencia da ONU aínda cando se continúa investigando a presunta participación terrorista de doce dos seus empregados.

Drama humanitario

 Segundo un recente informe de UNRWA /España, entre o 1 e o 30 de marzo unha media diaria de 159 camións con axuda humanitaria entrou en Gaza. Cifra que segue moi por baixo do obxectivo de 500 camións por día. Debido á presión militar israelí, este fluxo de axuda humanitaria é moi insuficiente en relación coas necesidades reais.

 “Os impedimentos ao acceso seguen comprometendo gravemente a capacidade dos axentes humanitarios de chegar á poboación da Franxa”, sinala o informe. Pola súa banda, a Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA) estima que, desde o 1 de marzo, as autoridades israelís rexeitaron o 30% das misións de axuda humanitaria ao norte de Gaza.

 A pesar dos cuestionamentos de Israel, o labor da UNRWA, que conta con 30 mil empregados, impediu que o enorme drama humanitario empeorase. Desde o 7 de outubro, esta organización distribuíu fariña a máis de 1.8 millón de persoas e paquetes de alimentos de emerxencia a outras 600.000. Ademais, brindou atención a case 3.6 millóns de pacientes en centros de saúde. O último ano, 173 empregados e funcionarios desta axencia da ONU morreron debido aos ataques militares israelís. Fan parte dos máis de 200 funcionarios internacionais mortos polas accións militares israelís desde o inicio do conflito. O último caso que continúa a conmocionar á comunidade internacional foi o asasinato o pasado 2 de abril de sete cooperantes internacionais da organización humanitaria World Central Kitchen (WCK) abatidos por bombas do exército israelí, a pesar de estar debidamente identificados e comunicar o traxecto do convoi aos xefes militares que controlan a zona.

 Ao 30 de marzo, case 1.7 millón de persoas desprazadas están aloxadas en refuxios de emerxencia de UNRWA ou nas proximidades dos refuxios e sitios de distribución de UNRWA.

 Seica unha Gaza en ruínas significa o final dunha Palestina independente? A historia resistente da poboación palestina desde hai décadas non augura que a opción bélica de Israel lle poida pór fin a un histórico proceso de autodeterminación en marcha. Mesmo malia o ton exacerbado e a agresión continua de miles de colonos israelís –co apoio oficial– cuxo fundamentalismo obstaculiza aínda máis a solución negociada.

 Aínda que a situación actual semella apocalíptica sobre a Franxa é probábel que a medio prazo prevaleza un novo horizonte. De feito, en paralelo ao enorme drama humanitario que Gaza vive hoxe, están a rexurdir con máis forza voces da comunidade internacional que insisten na necesidade dunha solución política para esta zona conflitiva. E que tamén esixen o respecto aos acordos de Nacións Unidas que recoñece a existencia dun Estado Palestino nun Medio Oriente onde haxa lugar para todos.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 9 de abril de 2024]